O programa comeza o mércores, 6 de maio, coa inauguración da exposición titulada “De Circe a Morgana”, que poderá visitarse na Casa da Cultura Lois Pereiro ata o 21 de maio. Trátase dunha mostra promovida pola Secretaría Xeral da Lingua e elaborada polo IES Castelao, de Vigo, que resultou premiado no Concurso das Letras Galegas 2026. Acompáñase dunha unidade didáctica para a comunidade educativa. O obxectivo desta exposición é afondar no coñecemento da traxectoria vital e da obra de Begoña Caamaño, dando visibilidade ao proxecto dunha muller imprescindible no universo lingüístico e literario de Galicia.
Do 7 ao 19 de maio desenvolverase o XXXIII Certame Municipal de Teatro para centros de ensino Monforte 2026, no que participan seis centros educativos: CEIP A Gándara e Monforte, o Colexio P. Ferroviario e os IES A Pinguela, Río Cabe e Daviña Rey.
Este é un dos certames municipais máis lonxevos, con máis de tres décadas de historia desde que comezou a súa andadura en 1991. O seu obxectivo é desenvolver as potencialidades artísticas e técnicas do alumnado e das persoas que o orientan, fomentando a convivencia, a tolerancia, a cooperación e a solidariedade.
O Concello colabora cos centros educativos participantes, aportando material para a realización da obra por unha cantidade máxima de 200 euros, coa intención de incentivar aos centros a que continúen participando neste certame, xa que supón a posibilidade de ofertar unha actividade complementaria ás habituais dos currículos educativos, altamente valorada polos profesionais do ensino. Os premios consisten na gravación en DVD das obras representadas, que serán entregadas aos centros inscritos, xunto cun diploma acreditativo da participación, e a realizarase no salón de actos da Casa da Cultura o 27 de maio, ás 18.00 horas.
O programa inclúe a estrea de 6 pezas interpretadas polo alumnado:
- CEIP A Gándara, coa obra “Acabouse a guerra”,o xoves 7 de maio.
- IES Río Cabe, coa peza titulada “Esmoleiros”, o venres 8 de maio.
- IES A Pinguela, coa obra “A casa”, o luns 11 de maio.
- Colexio P. Ferroviario, representará “A gatipública”, o xoves 14 de maio.
- IES Daviña Rey, coa obra “O velorio”,o luns 18 de maio.
- CEIP Monforte, coa obra “Hoxe hai función”, pechando o ciclo o martes 19 de maio.
Correlingua, Festival e certames Letras Galegas
O correlingua, marcha escolar pola lingua desde San Vicente ás Casitas da Compañía celebrarase o 13 de maio. Esta proposta de carácter lúdico-educativo pretende convidar a mocidade e a infancia e os centros de ensino a participar nun acto público de reivindicación do dereito a medrar en galego e tamén a exercer de maneira efectiva como galegos e galegas a través do uso do noso idioma, única forma de garantir o seu futuro.
O domingo 17 de maio, Día das Letras Galegas, a Casa da Cultura Lois Pereiro acollerá desde as 12.00 horas o Festival Letras Galegas 2026, coas actuacións da Asociación Cultural Amigos da Pandeireta de Monforte e a Coral Polifónica do Concello de Monforte.
O programa deseñado arredor das Letras Galegas continúa o 31 de maio cunha proposta de teatro infantil e familiar enmarcada no programa FalaRedes. Trátase de “As mil e unha”, un espectáculo de narración oral e música a cargo de Vero Rilo e o músico Luís Iglesias. A cita é o 31 de maio, ás 18.00 horas, no Edificio Multiusos.
o Concello de Monforte, a través da Biblioteca Pública, convoca unha nova edición do Certame de Narración e Debuxo Infantil ‘Letras Galegas 2026’, dirixido a escolares ata os 16 anos. O concurso ten dúas modalidades:
Unha de Narracións, en galego, na que os participantes deberán presentar textos cunha extensión máxima de 1 folio por unha soa cara, e outra de Debuxos, feitos sobre papel ou cartolina tamaño DIN A4. A temática para ambos casos é a seguinte: MEDRAR LENDO
Cada autor ou autora pode presentar cantos traballos desexe, mecanografados, escritos a computador ou a man (obrigatoriamente a bolígrafo). Así mesmo, os traballos acompañaranse dunha folla co nome e demais datos da persoa participante en LETRAS MAIÚSCULAS. O certame establece tres categorías: Ata 8 anos, de 9 a 11 anos, e de 12 a 16 anos.
Os traballos deberán presentarse na Biblioteca Pública de Monforte. A data límite é o 21 de maio. O xurado seleccionará por cada modalidade e categoría un máximo de tres traballos que recibirán, como premio, un lote de libros, un diploma e o pase á fase provincial do Certame, convocado pola Biblioteca Pública de Lugo, co patrocinio da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude da Xunta de Galicia.

