HomeCulturaLemos Le prepara para o 15 de maio a I Romaría das...

Lemos Le prepara para o 15 de maio a I Romaría das Letras Galegas

O Concello de Sober será o escenario desta I Romaría das Letras Galegas, unha iniciativa promovida por Lemos Le, colectivo formado polas bibliotecas escolares de Primaria e Secundaria da Comarca de Lemos, as Bibliotecas Públicas Municipais e a Asociación de Librarías de Monforte de Lemos.

Publicado o

POR
Redacción
- Advertisement -

Esta primeira edición nace coa vontade de converterse nun espazo de encontro, celebración e reivindicación da lingua e da cultura galegas, reunindo alumnado dos distintos centros educativos da comarca xunto con persoas usuarias das bibliotecas públicas municipais.

A xornada, que dará comezo ás 11:30 horas na zona recreativa da Piscina Municipal, estará dedicada de maneira especial á figura de Begoña Caamaño, autora homenaxeada este ano o Día das Letras Galegas, sen esquecer a presenza e homenaxe a outras autoras e autores destacados da literatura galega.

Ao longo da mañá, cada centro participante ofrecerá unha actuación propia, configurando un programa diverso e enriquecedor no que haberá propostas centradas na obra e legado de Begoña Caamaño e actuacións musicais, así como actividades inspiradas nas tradicións, na mitoloxía e no patrimonio cultural galego. A celebración rematará cun xantar campestre compartido, recuperando o espírito das romarías populares galegas como espazo de convivencia, cultura e festa.

Con esta iniciativa, que pretende consolidarse como cita anual, o Colectivo Lemos Le, reafirma o seu compromiso coa promoción da lectura, a dinamización cultural e a defensa da lingua galega, facendo da colaboración entre centros educativos, bibliotecas e librarías unha ferramenta clave para fortalecer a identidade cultural da comarca.

ÚLTIMAS

Nova xornada de concienciación “Gardiáns do Cabe”, promovida polo Club de Pesca Río Cabe

Este 14 de maio o Club de Pesca Río Cabe, coordinou unha nova xornada...

O Correlingua comeza en Monforte con estudantes de oito centros educativos

A deputada de Cultura Iria Castro participou este mércores no acto, que reuniu alumnas...

O sector turístico de Chantada fórmase en astroturismo cunhas xornadas que se celebran o 19 de maio

A Oficina Municipal de Turismo de Chantada organiza para o martes, 19 de maio,...

Castro Caldelas convértese no epicentro da cultura galega

O acto de celebración dos 798 anos do Foro do Bo Burgo comezará ás...