Nun dos últimos actos como delegado territorial de Lugo, Javier Arias, reuniuse días atrás co alcalde do Incio, Héctor Corujo, e co presidente da asociación promotora do festival Terra Brava, Luis Valcárcel, para coñecer os detalles da programación deste ano, que se celebrará o 15 de agosto e incorpora a actuación de Xosé Lois Romero & Aliboria. Esta proposta está patrocinada pola Xunta, que renova a súa colaboración co evento.
A formación achegará ao festival do Incio a súa maneira renovadora de acometer a música tradicional galega, conxuntando as potentes voces das súas vocalistas cos innovadores arranxos para percusión tradicional, cheos de forza, raza e terra. Súmanse así a outros grupos que xa dera a coñecer a organización, como a Charanga Bicoia, Lamatumbá, La Trocamba e Calle Mambo.

