O Museo Pazo de Tor da Rede Museística Provincial e localizado en Monforte, acollerá este 13 de xullo o primeiro Encontro de Boas Iniciativas Culturais, no que participarán unha vintena de asociacións e profesionais da cultura da provincia de Lugo. A xornada enmárcase no proxecto “Escola, Cultura e Territorio” promovido polas áreas de Cultura das Deputacións de Lugo e da Coruña e o Consello da Cultura Galega.
O encontro, que comezará ás 10:00h, artéllase arredor de catro mesas de traballo con diferentes temáticas. A primeira centrarase na profesionalización cultural, coa exposición de modelos de xestión e proxectos sotibles que xeran valor económico e social como Outonía Cooperativa, Gaita Filmes, a Asociación Ser, a Asociación Amigos de Manuel Jorge de Chantada ou a Trienal de Sarria.
A segunda mesa centrarase en iniciativas enfocadas na posta en valor da identidade local, a memoria histórica e o legado cultural como Mariña Patrimonio, Fundación Legar, Son d´Aldea, Espazo Caritel ou o programa de divulgación arredor dos xacementos da Pobra do Brollón.
Na terceira mesa, falarase sobre asociacionismo cultural e construción de comunidade a partir da experiencia de colectivos como Xermolos, a Asociación Aldear, o IESCHA, o Instituto de Estudos Ulloáns, o Seminario de Estudos do Valadouro ou Xotramu.
O encontro incorporará tamén a experiencia da Foliada da Fonsagrada, o Breason, o Castañazo Rock, Fancine de Lemos ou Teatro das Cortes como iniciativas que contribúen a fortalecer o tecido social e crear espazos de participación cultural.
No remate da sesión da mañá, celebrarase un xantar de traballo, aberto á participación das persoas que asistan como público, co obxectivo de extender o diálogo que se abra nas distintas mesas e propiciar un contacto informal que colectivos e profesionais poidan manter no tempo.
A deputada de Cultura Iria Castro e a xerente da Rede Museística Encarna Lago presentaron a xornada que propón como obxectivo identificar prácticas que converten as iniciativas culturais en motores de transformación cultural e social.
Iria Castro explicou que “o proxecto Escola, Cultura e Territorio parte dunha visión compartida sobre as políticas culturais por parte das tres institucions implicadas, que entendemos a cultura como un dereito da cidadanía e como un ámbito desde o que fortalecer o vínculo social e o sentido de identidade e de pertenza”.
A responsable de Cultura abondou na idea “de traballar conxuntamente para fortalecer o ecosistema cultural galego desde o ámbito local, tendo en conta que cada institución proxecta a súa acción sobre realidades demográficas e socioeconómicas diferentes. Na provincia de Lugo, cunha poboación máis dispersa e un territorio maioritariamente rural, agroman proxectos moi interesantes dos que aprender. Este foro é un espazo que pretende recoñecer esa capacidade e tamén para transformar a súa práctica diaria en coñecemento aplicable noutros casos”. A participación na xornada e no xantar require inscrición previa no enderezo electrónico comunidadermpl@gmail.com

Recoñecemento á Rede Museística Provincial de Lugo no seu 20º aniversario
Representantes de institucións como o Museo de Pontevedra, o Museo do Pobo Galego, o Museo de Belas Artes da Coruña, o Museo Arqueolóxico Nacional, o Museo Nacional do Prado, o Museo Nacional Thyssen-Bornemisza, o Museo Nacional e Centro de Investigación de Altamira, o Museo Nacional de Antropoloxía, o Museo Arqueolóxico de Alacante (MARQ), o Museo da Memoria de Andalucía, o Centro Andaluz da Fotografía, o Museo de Almería, os Museos de Terque, o Museo Íbero ou o Museo do Realismo Español Contemporáneo (MUREC) participaron na xornada, encadrada na programación polo vinte aniversario da Rede Museística Provincial .

O acto central foi a conferencia «A Rede Museística de Lugo. Un exemplo de boas prácticas desde unha museoloxía social e transformadora», presidida por Cosme J. Gómez Carrasco, da Universidade de Murcia, quen pronunciou a laudatio en representación das universidades e institucións integrantes do proxecto. Na homenaxe tamén interviñeron Ana Moreno Rebordinos, do Museo Nacional do Prado; Rufino Ferreras Marcos, responsable da Área de Educación do Museo Nacional Thyssen-Bornemisza; e José Manuel Rey García, do Servizo de Museos do Concello de Vigo, quen puxeron en valor o carácter pioneiro da RMPL, destacando a súa capacidade para situar ás persoas no centro da acción museística e para converter os museos en espazos de inclusión, participación, diálogo e construción de cidadanía.
A xornada deixou constancia da Rede Museística Provincial de Lugo como un dos exemplos máis sólidos de museoloxía social en España, converténdose nun caso de estudo e nun modelo inspirador para profesionais, universidades e institucións culturais comprometidas co papel transformador dos museos.
O encontro concluíu cun recoñecemento colectivo á traxectoria da RMPL e ao labor desenvolvido durante estas dúas décadas por Encarna Lago e todo o equipo da Rede, reafirmando o seu papel como referente na innovación museolóxica, a educación patrimonial e a democratización da cultura. Precisamente, en maio deste ano, Encarna Lago, recollía de mans da raíña dona Letizia, a Medalla de Ouro ao Mérito nas Belas Artes, pola súa traxectoria como xestora cultural.

