InicioCulturaEntroido, música e teatro, opcións de ocio para esta fin de semana

Entroido, música e teatro, opcións de ocio para esta fin de semana

O Concello de Pantón celebra o seu desfile de entroido este sábado 9 de marzo, mentres que Sarria, Quiroga e Monforte convidan á música e ao teatro.

Publicado o

- Advertisement -

Castro de Ferreira, capitalidade de Pantón, deixou para este sábado a súa ‘cabalgada entroideira’ abríndose así a posibilidade para moitas carrozas, comparsas e visitantes de prorrogar as celebracións do carnaval.

A concentración de participantes na ruada é ás 16:00 h. no CEIP Monte Baliño onde empezará o desfile polas rúas do Castro de Ferreira ata a Praza do Concello. A continuación farase a entrega de premios e despois chocolatada para todos/as e baile co Grupo Paradise. A organización daralle agasallos a todos os nenos e nenas que asistan á festa.

Este mesmo sábado no Concello de Sarria os amantes das artes escénicas teñen cita co teatro. A Asociación Cultural Charamela de Melide pon en escena a obra “Pode ser calquera…”  na Casa da Cultura ás 20:00 h. Organiza esta actividade o colectivo Rebuldeira Teatro. Sen saír desa localidade temos outra opción de ocio, neste caso relacionada coa música tradicional, a Asociación Cultural Buril organiza un concerto no que participarán a formación Ferreña Libre como teloneira e a continuación Pandereteiras sen Fronteiros. Será ás 22:30 h. con entradas a 5 euros.

En Quiroga tamén será protagonista a música, cun interesante concerto de Pablo Balseiro na Cervexería Ruxe Ruxe ás 24.00 h. e con entrada de balde para os asistentes. Este músico coruñés trae o seu espectáculo “Rumbas & Guateque”  e ameaza con montar unha boa. Trátase dun popurri de versións de diferentes estilos e artistas así como temas propios do seu último disco “San Roque Pá” que funcionan moi ben en directo.

Pablo Balseiro / Cedida

Pensando xa no vindeiro domingo 10 de marzo, opción de teatro para público familiar en Monforte de Lemos. No Edificio Multiusos terá lugar ás 18:00 h. a posta en escena da obra de Carlos Casares ‘A Galiña Azul’ a cargo da compañía Tanxarina. A dirección corre a cargo de Cándido Pazó e como intérpretes temos a Miguel Borines Fernández, Andrés Girádez Río e Eduardo Rodríguez Cunha “Tatán”.

A Galiña Azul é un espectáculo que mestura monicreques con actores e orientado a público infantil e familiar. A peza trata de concienciar sobre a defensa da diversidade e o rexeitamento da inxustiza. Coa vontade de facernos reflexionar lémbranos que sempre se pode loitar contra as imposturas e a homoxeneidade e que as alternativas de resistencia sempre estarán presentes na nosa sociedade. O prezo da entrada xeral é de 5 euros e 3 para os estudantes, desempregados e xubilados.

ÚLTIMAS

Bóveda e A Pobra do Brollón acollen os actos de ‘conmemoración do combate de Repil’, episodio de represión franquista en Cereixa

O sábado, 20 de abril, terá lugar unha nova celebración dun acto pola recuperación...

34 candidaturas para a Gala do Deporte de Monforte

O pasado 29 de marzo remataba o prazo para inscribirse na convocatoria, foron 34...

Comezan as obras da residencia da Pobra do Brollón

A empresa Construcciones Castro Figueiró S.L.U. é a encargada de acometer os traballos, que...

70.000€ para a drenaxe da vía LU-P-5702 ao seu paso polo Rego de Monelo, en Sarria

As obras executaranse á altura do Rego de Monelo, en San Vicente de Froián,...