A actividade está xa asentada no calendario lúdico deportivo da provincia reunindo cada ano a máis xente, segundo aseguraba na presentación Eduardo Vidal, Deputado de Turismo. Nesta ocasión espéranse 800 participantes que veñen de toda España e norte de Portugal, entre eles grandes deportistas recoñecidos como Pablo da Pena ou Gómez Noya.
O evento que está patrocinado pola Deputación Provincial con 10.500 €, enmárcase na IV Copa de España de Augas Abertas da Real Federación Española de Natación. O obxectivo, segundo apuntaba Eduardo Vidal, é promover o turismo deportivo na provincia, fomentando conxuntamente o deporte, a vida saudable, a paisaxe, a gastronomía e o viño.
Competicións e Horarios
Durante a xornada do sábado disputaranse catro probas:
- 14.30 h. traslado dos participantes en catamarán desde o embarcadoiro ata Rabacallos a 10.000 metros, a saída oficial será ás 15.30 para facer a nado ese mesmo treito de volta ao embarcadoiro.
- 16.00 h. saída desde o embarcadoiro da proba de 600 metros (pensada para todos aqueles afeccionad@s á natación que desexen ser partícipes dunha xornada deportiva no medio dun ambiente lúdico)
- 16.30 h. saída desde o embarcadoiro da proba de 5.000 metros
- 16.45 h. saída desde o embarcadoiro da proba de 2.500 metros
Ás 20:00 h. deberán de estar tod@s @s nadadores fóra da auga para entregar os trofeos ás 20:30 h. na adega Regina Viarium (Doade).
O venres 3 de agosto desde as 18:00 h. ata as 20:00 h. e o sábado 4 de agosto dende ás 11:00 h. atas as 14:00 h. no embarcadoiro de Doade, poderase recoller o chip, o gorro e camiseta da Heroica. Media hora antes da saída de cada proba, explicarase por megafonía o discorrer de cada distancia.
A zona de aparcadoiro situarase na vila de Doade con servizo de microbuses de balde para viaxar ata o embarcadoiro onde estará prohibido aparcar para evitar colapsos. Da seguridade do evento encargaranse 30 piragüistas, 15 embarcacións a motor entre as que estará Protección Civil e o grupo de actividades Subacuáticas da Garda Civil, catamaráns en cola para uso sanitario e embarcacións rápidas.