Abel Franco e Silvia Casal conquistan os Quilómetros Verticais Cumios do Courel

O Concello de Folgoso do Courel acolleu esta fin de semana o Campionato Galego de Carreira Vertical de ‘Quilómetros Verticais Cumios do Courel’, que organiza o Concello de Folgoso do Courel e Montouto Club de Montaña.

Podio quilómetros verticais / concello de Folgoso do Courel

O Campionato estivo formado por tres probas, sendo unha delas o Campionato Galego de Carreira Vertical pola Federación Galega de Montañismo. O sábado disputouse o Quilómetro Vertical de Formigueiros, cunha distancia de 3’9 Km con 950 metros de desnivel positivo.

En canto ás clasificacións, no Campionato Galego, na categoría absoluto masculino o vencedor foi Abel Franco do Club Running Sport Trail cun tempo de 41’01”, seguido de Adrián Rodríguez do Club Running Sport Trail con 43’07” e, en terceira posición, entrou Borja Varela do Toxiza CM en 43’26”. En mulleres, Silvia Casal proclamouse gañadora cun tempo de 53’33” do GMTA&CHUVONERS, seguida de Mónica Novoa con 1h00’25” do BOX 001 RUN MANIAK e en terceira posición Andrea Montero do Club Tribo Trail con 1h01’32”.

Na categoría por Clubs, o campión foi CM. Vertice. O segundo posto foi para o Club Traileros Toxos e Birras seguido polo Club Running Sport Trail.

Ademais do Campionato Galego, tamén se disputaba o podio Absoluto Masculino e Feminino do Quilómetro Vertical de Formigueiros, sendo vencedor en homes Abel Franco con 41’01”, seguido polo cántabro Diego Díaz con 42’46” e en terceira posición Adrián Rodríguez con 43’07”. O podium feminino foi para a madrileña Carla Junquera cun tempo de 52’03”, seguida de Silvia Casal con 53’33” e Mónica Novoa ocupando o terceiro posto con 1h00’25”.

O sábado pola noite disputouse a segunda proba, o Quilómetro Vertical de Coto, cunha distancia de 2Km cun desnivel positivo de 500m. Na subida a Coto,  Abel Franco fixo un tempo de 21’48”, seguido de Diego Díaz con 22’25” e completando o podium o vasco Jokin Zabala con 23’07”. En categoría feminina  Carla Junquera levaba o primeiro posto cun tempo de 27’48”, en segundo lugar Andrea Montero Trepat con 32’11” e en terceiro posto a cántabra María Alles con 32’43”.

Quilómetros verticais Courel 2022

O domingo disputouse a terceira e última proba, esta tíñase que correr polo xa coñecido Quilómetro Vertical de Penaboa, pero debido ao gran incendio sufrido o mes pasado e que devastou por completo o Pico Penaboa, a organización buscou outra alternativa facendo un segundo percorrido subindo ao Pico Formigueiros, cunha distancia de 5’3Km con 900 metros de desnivel positivo utilizando  camiños  tradicionais por Moreda Maior.

Nesta terceira proba o vencedor absoluto masculino foi Borja Varela cun tempo de 44’26”, seguido por Diego Díaz con 44’50” e en terceira posición Rodrigo Eiras con 45’24”. Na categoría feminina a atleta do Club Terra Trágame Carla Junquera volveuse a levar a primeira posición en 53’59”, en segunda posición Andrea Montero con 59’11” seguida da ourensá Mónica Novoa con 59’14” no terceiro posto.

Os podiums na Acumulada, no tempo total das tres probas, para a categoría absoluto masculino o primeiro posto foi para Diego Díaz do Club KV Torrelavega cun tempo de 1h50’01”, seguido de Borja Varela con 1h51’50” e o terceiro posto foi para Rodrigo Eiras con 1h55’48”. Na categoría feminina, Carla Junquera proclamouse clara vencedora gañando as tres probas cun tempo de 2h13’50”, en segunda posición Andrea Montero con 2h32’54” e completando o podium Mónica Novoa cun tempo de 2h33’06”

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here