HomeDeportesNuria López, a atleta do Saviñao ‘que se atreve con todo'

Nuria López, a atleta do Saviñao ‘que se atreve con todo’

Coñecida por competir en carreiras con cadeira de rodas, o pasado mércores 1 de marzo proclamouse campioa galega de atletismo adaptado na modalidade de lanzamento de peso. Falamos con ela.

Publicado o

- Advertisement -

A atleta Nuria López, natural de Licín –no Saviñao– volve ser noticia no mundo do deporte no sur de Lugo. O seu afán de superación semella non ter límite e o pasado 1 de marzo volveu de Ourense cun primeiro posto no Campionato Galego de Atletismo en pista cuberta. E non foi en carreira de cadeira de rodas, que en cuberto non pode competir, só o fai en campionatos ao aire libre, se non en lanzamento de peso.

Preguntámoslle a Nuria como foi a cousa e directamente dinos que “foi por casualidade. Como non podía competir en carreira pedíronme participar e que me apuntara a lanzamento de peso”. Pedíranlle, seica, noutras ocasións hai anos pero nunca dera o paso nin tan só practicara. E desta deuno, aceptou o reto. “Tiven unha media hora de tempo para practicar… e pensaba para min, que non me vexa ninguén que entenda” (ri). O caso é que empezou a tirar e a bola ía cada vez máis lonxe, chegando nun dos lanzamentos de adestramento a alcanzar a distancia de 5,25 metros.

Xa na proba, o seu mellor lanzamento dos seis intentos quedou en 4,38 metros, marca que lle deu o campionato. “Ía por probar e sen ningunha intención de que podía gañar, pero saíu moi ben a cousa”, comenta con humildade a atleta do Saviñao.

Nuria López en acción. Foto cedida por ela.

Chanceamos con ela dicíndolle que pode co que lle boten e dinos que lle gustaría facer lanzamento de xabalina… Pensamos que agora é ela a que está de carallada pero non, fala en serio e adianta que vai probar nesa disciplina.

CAMPIONATO Á VISTA

Para rematar preguntamos por competicións que hai por diante, agora que chega a primavera, e dinos que os días 25 e 26 de marzo será o Campionato de España por Autonomías en Madrid e que vai facer os 100 metros en cadeira de rodas, ademais de lanzamento de peso e probar xa tamén lanzamento de xabalina.

No que respecta á forma física dinos que está ben e, aínda que non compite dende o 2022, encóntrase áxil e preparada para volver ao calendario competitivo. Para adestrar acude con regularidade ao ximnasio e na casa corre coa cadeira de rodas no rodillo.

FELICITACIÓNS

Coñecida esta noticia, Nuria cóntanos que recibiu moitas felicitacións. Unha delas foi a do propio Alcalde, Carlos Armesto, que a chamou e tamén se referiu a ela nunhas declaracións que fixo o 2 de marzo en Onda Cero Monforte. “Nuria é un orgullo para ela, para a súa familia, para toda a xente do Saviñao e para toda a xente do deporte”, dixo, e engadiu “é unha rapaza que é optimismo puro, que fai do realmente extraordinario algo normal”.

ÚLTIMAS

Cousas Xacobeas: O Camiño en Ortoá, Barreiros e Nabás (III)

(Este artigo dá continuidade a Cousas Xacobeas, o Camiño en Ortoá: Santa Marta (II)) Froito...

O PP destaca “os 6 millóns de euros que a Xunta investiu no Hospital de Monforte” nos últimos dous anos

Segundo as populares estas melloras evidencian "o compromiso do Goberno galego coa veciñanza do...

“Verbas do Corazón, camiños de tinta e terra”, primeiro poemario de Gloria Guerrero García coa Ribeira Sacra de fondo

“Verbas do Corazón, camiños de tinta e terra” é o primeiro poemario de Gloria...

Esperta Monforte reclama facer un estudo das rutas de sendeirismo do municipio e acondicionalas

Segundo Esperta Monforte a práctica totalidade dos concellos que forman parte da Ribeira Sacra...