A tan só dúas semanas da súa celebración e apurando os últimos detalles, os organizadores da proba comunican a súa enorme satisfacción porque non esperaban superar os 1.200 rexistrados, “Pechamos o ano con preto de 850 participantes e xa estabamos contentos porque, sen dúbida, é unha cifra elevada e moi respectable, tendo en conta a cantidade de carreiras que hai actualmente. Nin nós mesmos contabamos co goteo continuo de inscricións que houbo desde principios de ano e, especialmente, este último mes. Fainos moita ilusión e anímanos nestes últimos días de intensa actividade”.
Pechadas xa as inscricións e con prazas esgotadas en tres das súas distancias (minitrail, trail e maratón do Castelo) destacan a importancia do incremento de participantes doutras comunidades autónomas, exactamente de 15 das 17 que hai en España e de 35 provincias diferentes; e é que dos 1229 corredores e corredoras, nesta edición un 26% do total son mulleres, 270 son de fóra de Galicia, destacando os 97 de Castela-León, os 70 de Madrid e os 27 de Asturias. Tamén contarán coa presenza de 8 corredores europeos de distintos países.
“Son datos significativos debido a que queremos dar a coñecer a xoia que encerra o Xeoparque Montañas do Courel, non só como contorna natural indiscutible, se non tamén os seus pobos, as súas xentes, costumes, cultura e gastronomía. Que a carreira manteña os centos de corredores galegos que ano tras ano seguen fieis ao evento e que xa sexa recoñecida tamén a nivel nacional énchenos de orgullo e satisfacción,” explica Blas Rodríguez, director da organización.
Outra grata sorpresa é a boa acollida das distancias ultra. Na carreira de 90 kms, que presentan este ano por tratarse do seu décimo aniversario, contan con 91 corredores, xunto cos 84 da carreira de 70 kms farán un total de 175 rexistrados. O que a converte na edición con máis participantes en longa distancia.
Quiroga Trail Challenge