“Heroica décima edición do Quiroga Trail Challenge a pesar das extremas condicións meteorolóxicas”, así resumen o acontecido esta pasada fin de semana os organizadores desta ‘Festa do Trail Galego’ coa satisfacción de sacar adiante as probas sen ter que recorrer á cancelación.
Tras a neve chegaron a choiva e a saraiba para endurecer máis aínda o salvaxe territorio Lor nas dúas carreiras da segunda etapa do evento deportivo que se realizaron o domingo 25 de febreiro.
A proba reina do trail running galego coroaba a súa décima edición cunha xornada marcada polas fortes choivas e a saraiba que converteron as distancias do trail e minitrail en auténticas probas de resistencia física e mental. Tras as nevadas das noites previas á primeira xornada, o segundo capítulo da épica protagonizárono a auga e o barro. O Lor máis salvaxe que non perdoa.
“Chegadas a meta emocionantes e descarga completa de adrenalina, participantes exhautos como nunca, pero felices e pletóricos. Risas, choros, emocións a flor de pel…“, así descreben o vivido dende a organización para resumir a emotividade deportiva deste tipo de probas.
Os heroes do domingo no trail foron José Cid Martínez (C.D.Montañeira Zamora), Luis Baralla Guerra (Km Vertical Torrelavega) e Javier Janeiro Cerdeira (Korpore Arenteiro Trail) no podio masculino; e Patricia Noya (Tribo Trail), Anna Mengual Ripoll (CD Senen Challenge) e Carla Junquera Marqués(CDE Todovertical) no feminino. No minitrail completaron a épica Eloy Martínez Faro (AC Castelos Trail Club 1° Promesa), Iñaki González Arias(Amurrio Trail) e Pablo Fernández García (Toxos &Birras) no podio masculino e Sara Varela Espiñeira (C.D 21 Leguas Narón), Elena Rosell Aragón (Metas Imposibles Trail Team) e Carolina Niño (Club Corredoiras Bueu), na clasificación feminina.

OUTROS PODIOS
E para os que o probaron todo na modalidade de circuíto os podios foron os seguintes: No circuíto ultra subíronse ao caixón masculino Pablo Vecino Rey, Javier Janeiro Cedeira e Xosé María Fernández; Eugenia Gil Ballester como única muller do circuíto. No circuíto maratón o podio masculino foi compartido entre José Manuel Pérez Rodríguez, Manuel Gómez Gómez e Iván Barca Taibo; entre as mulleres, Patricia Noya, Vanesa Varela e Alicia Prieto. No circuíto trail o podio masculino foi para Eduardo Fabeiro, Emilio Alvarez e Roberto Balado. Entre as mulleres destacaron Anna Mengual, Sandra Fernández e Nuria Fernández. No circuíto minitrail, os clasificados foron Eloy Martínez, Iñaki González e Rodrigo Bermúdez, entre os homes; e Elena Rosell, Carolina Niño e Tere Dieste, entre as mulleres.
“Organización, voluntarios e corredores implicados ao cento por cento que venceron xuntos todas as dificultades. Máxima gratitude por parte da organización”, dinnos Blas Rodríguez e José Manuel Barreiro, directores da proba.