O Grupo Municipal Socialista de Triacastela acusa ao goberno municipal do PP de bloquear o labor de fiscalización da oposición ao manter as trabas de acceso á documentación e ignorar as solicitudes de información sobre a xestión e as contas do Concello. O voceiro, Miguel Ángel Fernández López, responsabiliza á alcaldesa dunha situación que persiste malia as reclamacións realizadas nos plenos e a queixa formal presentada en setembro.
O voceiro sinala que non lle consta a aprobación dun novo orzamento para o 2026 e lembra que o grupo leva reclamando información orzamentaria desde o exercicio anterior. “Non chega con dicir que os orzamentos están prorrogados. A alcaldesa ten que facilitar os documentos que permitan comprobar con que contas funciona o Concello e como se xestionan os cartos da veciñanza”, esixe.
Por iso, os socialistas votaron en contra na Comisión de Contas do venres 16 de outubro e cuestionaron que se sometese a consideración da oposición a xestión económica municipal sen facilitar a documentación reclamada sobre a súa base orzamentaria.
As dificultades de acceso aos expedientes volveron obrigar os representantes socialistas a recoller a documentación presencialmente no Concello. A situación repite o acontecido noutras ocasións: en agosto só puideron consultala 24 horas antes do pleno e en abril a falta de información obrigara a deixar asuntos sobre a mesa.
O voceiro lembra que a queixa presentada en setembro reclama información orzamentaria, as actas pendentes da Xunta de Goberno Local e o cumprimento do calendario de sesións. Segundo o grupo, estas peticións continúan sen ser atendidas.
Lamentan o acontecido coa Comisión de Contas de outubro, convocada para o mércores día 14. Os socialistas acudiron ao Concello na data prevista e souberon alí que a sesión fora aprazada ao venres 16, sen recibir aviso previo. Segundo Fernández, o PP alegou que non dispoñía do seu teléfono, malia que é concelleiro desde 1995. “Esta xustificación é un enorme desprezo cara á oposición”, denuncia.
Advirten tamén que só se celebraron catro xuntas de goberno local este ano, fronte á periodicidade prevista de dúas ao mes. A isto súmanse os incumprimentos do calendario de plenos e as dificultades para acceder ás actas.

