HomeDeportesConta atrás para o 'Quiroga Trail Challenge', que supera xa os 1.000...

Conta atrás para o ‘Quiroga Trail Challenge’, que supera xa os 1.000 inscritos

Os días 15 e 16 de febreiro celebrará a súa undécima edición.

Publicado o

POR
Redacción
- Advertisement -

O Xeoparque Montañas do Courel volverá acoller un ano máis, e xa van once, o “Quiroga Trail Challenge”, tamén rebautizado como “A festa do Trail Galego”. Trátase quizais da mellor proba de Galicia nas súas características e este ano celebrarase na fin de semana dos días 15 e 16 de febreiro.

Segundo informan dende a organización, “xa hai máis dun milleiro de amantes deste deporte inscritos, con representación de 16 comunidades autónomas, 32 provincias e, mesmo, participantes do país veciño, Portugal”. Outros datos reveladores son que o 24% de rexistrados este ano son mulleres, que o 23% do total proveñen de fóra de Galicia e que o número de corredores/as nas probas de longa distancia é pouco habitual para este tipo de modalidades nos trails galegos. Concretamente hai anotados/as 150 corredores/as para as ultras e 140 para a maratón.

A día de hoxe xa están todos os percorridos rozados e preparados para adestrar e o peche de inscricións terá lugar o día 2 de febreiro.

Deportistas pasando por unha aldea (arquivo). Foto: Miguel Rúa.
UN EVENTO QUE DINAMIZA A COMARCA DE QUIROGA

A celebración deste trail, proba xa de referencia nos circuítos, está a provocar que desde hai meses a hostaleira de toda a comarca de Quiroga e arredores estea ao máximo de ocupación. E cando se fala de contorna afecta pola necesidade de aloxamento, a demanda chega tanto a Monforte como a Valdeorras. O sábado, día 15, correrán uns 900 deportistas e o domingo, día 16, preto de 400, repartidos entre todas as modalidades que ofrece o evento a fin de semana. A isto hai que engadirlle os/as case 200 voluntarios e voluntarias que garanten o éxito de cada carreira e os/as, tamén cada vez máis numerosos, acompañantes que gozan da contorna e da extensa cultura gastronómica da comarca.         

A organización do Quiroga Trail Challenge 2025 destaca a importancia que para eles ten este éxito nas inscricións, tanto de corredores como de voluntarios. En palabras de Blas Rodríguez e Manuel Barreiro, directores do evento deportivo, “superar os 1.000  participantes e os 200 voluntarios outra vez énchenos de orgullo e satisfacción. Para nós é a mellor recompensa. Tendo en conta o crecente número de probas que hai actualmente non podemos máis que agradecer a fidelidade dos que sempre repiten e, especialmente, de todo o voluntariado que nos apoia, así como dos Concellos de Quiroga, Ribas de Sil e dos numerosos colaboradores e patrocinadores porque sen eles non sería posible”.

ÚLTIMAS

Case 600 persoas na II Festa Interxeracional do Concello de Chantada

Na primeira edición participaron unhas 350 persoas e este ano case se duplica a...

Actividades para celebrar en familia no Verán Cultural de Chantada

Do 2 de xullo e ata o 30 de agosto, o Concello de Chantada,...

Adrián González, novo voceiro do PP de Quiroga

Adrián González, de 32 anos e vinculado ao deporte, agradece a confianza dos compañeiros...

Iniciativas de Esperta Monforte no pleno deste luns

Esperta Monforte presenta ao pleno unha moción para incrementar a partida de subvencións de...