A Tenente Alcalde, Gloria Prada, e o Concelleiro de Deportes, José Manuel Mougán, presentaron esta semana o primeiro Campus de Tecnificación ‘The Basket Dream’ Breogán que acollerá Monforte na semana do 20 ao 25 do próximo mes de xullo. Na rolda de prensa estiveron acompañados pola presidenta do Club de Baloncesto de Monforte, Val de Lemos, Marga Rodríguez; o representante de The Basket Dream, Alberto Carmona, e o histórico adestrador do Breogán, Quique Fraga.
As inscricións xa están abertas, Prada destacou a oportunidade que supón para a rapazada afeccionada a este deporte, “vén co selo do Breogán, un club referente no baloncesto galego”. Os participantes, indicou, “terán ocasión de mellorar a súa técnica e desfrutar de sesións dirixidas por adestradores profesionais, polo que recibirán unha formación de calidade e unha experiencia enriquecedora”.
Pola súa banda, a presidenta do Val de Lemos de Monforte, Marga Rodríguez, agradeceu o apoio do Concello de Monforte para a organización deste Campus nun ano moi especial para este Club monfortino, xa que cumpre 25 anos de historia. “Para nós o baloncesto é unha ferramenta de integración e de por en práctica todos os valores que queremos imprimir nos xoves”, indicou.
Alberto Carmona e Quique Fraga amosaron tamén o seu agradecemento ao Concello de Monforte pola colaboración e detallaron que o campus contará cunha modalidade intensiva, enfocada na mellora da táctica individual e colectiva, cun traballo específico de tecnificación adaptado por idades e niveis, “permitindo a cada xogador desenvolver ao máximo as súas capacidades”.
Como complemento, o venres 24 celebrarase un torneo 3×3 co obxectivo de fomentar a competición, o compañerismo e a diversión dentro do baloncesto. Aínda que o número de prazas está por definir, estímase unha capacidade entre 40 e 50 participantes.


