Achégase unha nova edición do “Torneo Ping Pong Pantón”, un evento que vén organizando dende hai tres anos un grupo de amigos de Pantón e que está pensado “para que veciños e visitantes gocen duns días de animación”, din. O torneo celebrarase os días 28, 29, 30 e 31 de xullo, a partir das 20:00 h na praza do Concello e está aberto a participantes de todas as idades e niveis, desde principiantes ata afeccionados con máis experiencia.
O obxectivo que se propoñen é que calquera persoa atope o seu lugar no torneo: desde quen goza competindo e coñecendo novos rivais ata quen simplemente quere pasar un bo rato con amigos, desfrutando do ambiente e da hostalería local.
A última edición foi un éxito de participación con máis de cincuenta xogadores que participaron ao longo de catro días disputando preto de 160 partidos (entre a modalidade individual e por parellas). “Este ano agardamos superar esas cifras”, din tamén os organizadores.
Conta atrás, pois, para esta actividade que contribuirá a dinamizar a vida social do Concello de Pantón e incrementará a súa oferta deportiva e cultural programada para o verán.


