O pasado sábado, 3 de outubro, celebrouse a primeira edición da Nocturna do Xeoparque Montañas do Courel. A cita deportiva, que reuniu a 250 inscritos entre as probas deportivas e unha andaina non competitiva de 8 km, concluíu cun rotundo éxito organizativo e de participación, tal como manifestaron dende a organización. Ademais, o evento contou coa celebración de carreiras infantís, que colleitaron un grande éxito e unha notable participación entre os máis pequenos e as súas familias.
A xornada coroou a Javier Janeiro Cerdeira e Elena Castro Rumbo como os grandes triunfadores da proba raíña de 16 quilómetros, así como a Marta Rivera Vázquez —gañadora absoluta dos 10 quilómetros— e José Antonio Orozco Vázquez.
Baixo a luz dos frontais e cun ambiente festivo no núcleo da carreira, os participantes das carreiras de 16 km (A Nocturna) e 10 km (A Carreiriña), así como os sendeiristas e afeccionados ás camiñadas nocturnas que desfrutaron da andaina de 8 km, afrontaron un trazado técnico que puxo a proba a resistencia, a orientación e a destreza dos atletas na penumbra das montañas lucenses. Nesta primeira edición cómpre salientar a altísima participación feminina, acadando un notable 42% do total de inscritos no conxunto do evento, o que consolida esta iniciativa deportiva como un referente de inclusión e igualdade no trail running.
“A Nocturna do Xeoparque non é só unha competición atlética, é unha experiencia sensorial única que busca poñer en valor o patrimonio natural e xeolóxico do Courel dunha forma sostible. Ver as luces dos frontais serpentear polas crestas e vales foi espectacular. Queremos agradecer profundamente o esforzo de todos os voluntarios, emerxencias e patrocinadores, e especialmente ao Concello de Ribas de Sil e o Xeoparque Montañas do Courel, que fan posible un despregamento loxístico tan complexo en plena noite”, destacou o comité organizador durante a entrega de trofeos.

