InicioEconomíaGrupo Hotusa, un coloso internacional da xestión hoteleira, desembarca en Sober

Grupo Hotusa, un coloso internacional da xestión hoteleira, desembarca en Sober

O seu presidente, Amancio López Seijas, presentou este venres o novo “Eurostars Pazo de Sober”, un hotel de catro estrelas que dará continuidade ao abandonado Pazo de Sober, en plena Ribeira Sacra.

Publicado o

- Advertisement -

O chantadino Amancio López Seijas, emprendedor recoñecido a nivel mundial pola súa expansión e bo facer neste sector, presentou onte, 21 de xuño, o novo “Eurostars Pazo de Sober”, un hotel de catro estrelas que se estrea despois dunha profunda rehabilitación do antigo Pazo de Sober, establecemento que levaba catro anos pechado e abandonado.

Trátase da segunda presentación do Eurostars Hotel Company -marca coa que opera o Grupo Hotusa– na provincia de Lugo en tan só dous días pois o xoves quedaba inaugurado, tras unha importante reforma, o Gran Hotel de Lugo, outro establecemento hoteleiro de renome en Lugo e que contará tamén con catro estrelas.

Amancio López recoñeceu, referíndose a esta nova adquisición, que “como empresario hoteleiro” é un “auténtico orgullo e un privilexio ter a ocasión de recuperar este establecemento cargado de historia e ubicado nun privilexiado entorno, considerado ben de interese cultural”.

Este novo hotel dará unha importante cobertura á demanda turística que vai en aumento na Ribeira Sacra. Sobre unha superficie de 20.000 metros cadrados de xardíns con árbores autóctonas, ofrecerá corenta e tres habitacións, piscina exterior, spa, salóns para eventos e un restaurante con cociña baseada en produtos autóctonos.

Hotusa informou de que se trata do “pazo máis grande de Galicia, con máis de 4.000 metros cadrados e tres andares”, así como que se trata dun edificio “con moita historia”, dado que “a fundación deste caserón data do ano 740 e atribúeselle a Vasco López de Lemos”, aínda que o pazo pasou por diferentes mans e seguiu medrando ata que no século XIX se ergueu a capela.

un pasado polémico

O ‘antigo’ Pazo de Sober arrastra un pasado recente moi polémico derivado da súa xestión. Inaugurado no ano 2010 declarábase en suspensión de pagos poucos anos despois, e no 2014 pechaba as súas portas. O que se ‘vendía’ como o gran proxecto de Sober e da Ribeira Sacra rematou sendo unha ruína. O proxecto non tirou para adiante despois de ‘enterrarse’ cantidades millonarias do IGAPE e do FEDER e deixar acreedores, moitos deles autónomos da zona, pendentes de cobro e empregados/as con nóminas sen cobrar e sen traballo.

No que respecta ás responsabilidades, a Xunta apuntou sempre a unha mala xestión dos responsables do proxecto (Alvaher 98 SL) mentres que dende a oposición se sinalaba á Xunta e ao IGAPE polo fracaso na aposta por esta iniciativa emprendedora á que se apoiou con subvencións millonarias. E o tema chegou incluso a Europa, onde a eurodiputada do grupo Izquierda Unitaria Europea, Lidia Senra, denunciou o caso informando que a empresa, beneficiada de axudas europeas, non devolvera os fondos percibidos como corresponde nestes casos.

ÚLTIMAS

Afra Blanco: “A Feira do Viño de Quiroga é a primeira festa que descubrín de Galicia”

Afra Blanco, que fora portavoz da sección xuvenil da UGT e hoxe responsable de...

Sinistro de circulación en Chantada

Segundo informou o 112, o persoal do Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 foi...

A Deputación esixe á Xunta o remate urxente da estrada de Folgoso do Courel derrubada hai dous anos

A Deputación de Lugo esixe á Xunta de Galicia medidas urxentes para axilizar e...

O Club Quixós participa estes días na 2ª Copa de España de Eslálom Olímpico

O Club de Piragüismo Quixós, de Monforte, chegou con dez deportistas a terras catalás...