InicioEconomíaTodo o que debes saber sobre a XXIV Feira da Rosca de...

Todo o que debes saber sobre a XXIV Feira da Rosca de Sober

A celebración gastronómica que chega á súa XXIV edición será os días 11 e 12 de agosto. Volverá estar presente o 'Túnel do Viño Amandi' e ademais da típica rosca autóctona, comercializaranse mel e outros produtos da Ribeira Sacra.

Publicado o

- Advertisement -

Este mércores 31 de xullo o Alcalde de Sober, Luis Fernández Guitián, presentou xunto con Moncho, rosqueiro de Millán, e o sumiller Bruno Lobelle, cartel e programa da Feira da Rosca 2019.

O cartel é obra do artista gráfico soberino Humberto Loureiro, partícipe así mesmo de vinosacra.es, empresa que impulsa por terceiro ano consecutivo o Túnel do Viño Amandi. Dado o número de carteis deste evento que ten deseñado xa o autor, o propio alcalde comentaba que de cara ao vindeiro ano valoraríase facer unha exposición de todas esas obras no concello.

No relativo á propia feira, Guitián explicou que van participar un total de 18 postos: 4 rosqueiros, 2 oleiros de Gundivós, 3 produtores de mel, 4 artesáns, 4 queixerías e un produtor artesá de marmeladas de castaña e derivados. No relativo aos rosqueiros aproveitou para agradecerlles o traballo que realizan e o especial esforzo que lles supón aumentar a produción o día 12 de agosto. Pola súa banda, o rosqueiro Moncho, recoñeceu que ese día non dan feito roscas de Sober, que moita xente xa encarga e recolle no propio forno co cal as pezas que van ao posto véndense en pouco tempo. Así mesmo deu a entender que ao ser un produto artesán e ter fornos pequenos para elaboralas as unidades que se sacan á venda serán sempre limitadas.

Programa

O domingo 11 de agosto ás 21:30 horas ábrense os postos ao público. Ás 22:00 h. realizarase a actuación exterior pendente da Banda de Música de Sober e Os Parentes que por mor do mal tempo tivo que desprazarse semanas atrás ao Salón de Actos do Centro sociocultural. Ás 23:00 horas haberá unha degustación gratuíta de licor café e mel.

O luns 12, día da Feira mensual de Sober, ás 10:00 h. levarase a cabo o disparo de bombas de palenque e ás 10:15 h. abriranse de novo os stands. Ás 10:30 horas haberá unha demostración de artesanía cun ferreiro que traerá unha forxa móbil e fará unha demostración en vivo do seu oficio. Nesta actividade colabora o CENTRAD da Deputación de Lugo.

Ás 13:00 horas farase a tradicional degustación gratuíta de 2.000 racións de rosca con queixo e ás 13:30 horas actuará o grupo de música tradicional Airiños de Orbazai.

Túnel do Viño Amandi

Trátase dun evento pensado para degustar os viños da subzona de Amandi e Sober que chega este ano á súa 3ª edición.

Segundo comentaba o sumiller e xerente de vinosacra.es, Bruno Lobelle, haberá unha carpa pequena cunhas 31 adegas representadas que participarán con máis de 50 referencias. Será unha boa oportunidade para coñecer os viños de Amandi da man de sumilleres profesionais e “que un dos días sexa luns fará posible que veña máis xente do mundo da hostalería”, comentaba Lobelle.

Polo prezo de 5 euros os participantes no Túnel do Viño Amandi poderán degustar os viños que queiran e terán unha copa de agasallo. A maiores, con 3 euros ofreceráselles un prato degustación con produtos gastronómicos de Torres de Núñez, un dos patrocinadores.

A carpa do túnel do viño será inaugurada o domingo 11 de agosto ás 11:30 horas. O horario para este día será de 11:30 a 14:30 h. e de 17:00 a 19:30 h. No caso do luns, o horario será só de 11:30 a 14:30 h.

Na cita, organizada polo Concello de Sober e vinosacra.es, colaboran a Xunta de Galicia, a Deputación de Lugo, Artesanía de Galicia, Queserías Prado e Torre de Núñez

Cartel, obra de Humberto Loureiro

ÚLTIMAS

RIOTORTO, EPICENTRO DA ARTESANÍA DO FERRO DE GALICIA

A XV Feira de Artesanía do Ferro foi presentada o pasado 18 de abril coa presenza...

Publícase a declación de utilidade pública e interese social dos polígonos agroforestais de San Xoán de Río e Carballedo

No que vai deste ano, son 7 os polígonos agroforestais aprobados en toda Galicia...

Festa da Xuventude en Chantada este 19 de abril desde as 19:00h

Desde as 19:00h. ás 23:00h. actuarán as charangas Mekanika Rolling Band (comeza na Avda....

Sesión informativa sobre cambios normativos que lle afectan ás persoas con dano cerebral

A Federación Galega de Dano Cerebral (FEGADACE) vén de editar unha 'Guía legal' que recolle os principais...