InicioEconomíaFormación de prestixio para potenciar o comercio local en Monforte

Formación de prestixio para potenciar o comercio local en Monforte

O Centro Comercial Urbano de Monforte organizou o pasado día 14 unha sesión formativa en ‘Escaparatismo & Visual Merchandising” para os seus socios. A iniciativa tivo moi boa acollida e foi moi ben valorada polos participantes á mesma.

Publicado o

- Advertisement -

O comercio local ten cada vez máis competencia, próxima e distante, real e virtual, pero está claro que a solución non é cruzarse de brazos e manter unha postura pasiva esperando que os tempos mellores cheguen por arte de maxia. A actitude ten que partir do traballo e a proactividade; buscar a calidade do produto, a excelencia no servizo, ofrecer solucións áxiles ao cliente e formarse para coñecer as últimas tendencias e as mellores estratexias de venda.

Ángel Folgueira, xerente do CCU de Monforte, sábeo ben e pouco a pouco está a conseguir que os comerciantes monfortinos “se poñan as pilas” para innovar e formarse todo o que podan para vender máis e sobrevivir a un escenario nada doado coa eclosión da venda online.

O pasado xoves organizaron para os seus asociados unha formación destinada a adquirir coñecementos para mellorar a estética dos escaparates,  incrementar o atractivo dos puntos de venda, aumentar a afluencia de clientes e saber xerar neles unha experiencia gratificante que os predispoña a mercar. A formación tivo lugar no Salón de usos múltiples do Centro do Viño Ribeira Sacra e constou dunha parte teórica e doutra práctica. Falamos con Ángel desta interesante iniciativa.

Como se vos ocorreu esta formación dende o CCU?

O comercio local debe adaptarse aos novos tempos, evolucionar e renovarse, por iso cremos que unha das apostas máis firmes desta asociación para os próximos anos debe ser a de ofrecer aos nosos asociados sesións técnicas e formativas de calidade impartidas por especialistas de recoñecido prestixio nas súas materias.

A principios de ano sondamos cales crían que poderían ser as sesións formativas máis interesantes e, xunto ás relacionadas coas novas tecnoloxías, o escaparatismo e visual merchandising foi unha delas.

Polo pouco que sabemos, a empresa que ofreceu a formación ten moito prestixio. Custou moito traelos a Monforte?

A empresa encargada de impartir esta formación foi Plus Value, unha das referentes do sector a nivel nacional. Entre os seus clientes atópanse firmas como El Corte Inglés, Carolina Herrera, Adidas, Desigual, Quicksilver ou o FC Barcelona por citar algunhas.

A Monforte desprazáronse desde Barcelona Jordi Puig socio director da empresa e que con anterioridade desempeñou funcións de alta dirección en diferentes empresas como Levis ou Pronovias e desde Xixón a especialista en Escaparatismo & Visual Merchandising Ana Vigil.

A verdade é que traer a Monforte a este tipo de profesionais ten certa complexidade loxística e supón un esforzo económico importante para a asociación, de todos os xeitos queremos agradecer aos responsables da empresa as facilidades que nos deron para poder levar a cabo esta sesión formativa.

Como responderon os asociad@s con esta iniciativa? Valorárona positivamente?

A iniciativa tivo moi boa acollida, nesta ocasión mesmo algúns comerciantes de fóra de Monforte interesáronse por ela malia ser unha sesión exclusiva para asociados ao Centro Comercial Urbano de Monforte. Non sempre é fácil ter acceso de forma individual a este tipo de profesionais. A valoración foi moi positiva.

Todo o aprendido sobre escaparatismo ten aplicación ao comercio local de Monforte? 

Si, de feito foi programada para que se adaptase totalmente ás necesidades do comercio local, a maioría delas tendas multimarca, unha das especialidades desta empresa.

Pola mañá houbo unha sesión máis teórica e conceptual e pola tarde puxéronse en práctica os coñecementos adquiridos con anterioridade en varias das tendas do centro.

Sesión práctica da formación na R. Comercio de Monforte. Fonte: CCU


Quedou demostrado que a imaxe do escaparate incide nas vendas?

Un escaparate atractivo xunto a unha boa distribución e presentación dos produtos no interior das tendas son clave para conseguir aumentar as vendas. Se a isto ademais sumámoslle un traballo eficiente e profesional nos medios sociais (web, blogue, redes sociais…), pechamos o círculo.

-No escaparatismo, como noutros aspectos da vida, é mellor insinuar que ensinar?

Un dos conceptos que quedou claro durante esta formación é que “menos é máis, mellor calidade que cantidade”.

 

ÚLTIMAS

Afra Blanco: “A Feira do Viño de Quiroga é a primeira festa que descubrín de Galicia”

Afra Blanco, que fora portavoz da sección xuvenil da UGT e hoxe responsable de...

Sinistro de circulación en Chantada

Segundo informou o 112, o persoal do Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 foi...

A Deputación esixe á Xunta o remate urxente da estrada de Folgoso do Courel derrubada hai dous anos

A Deputación de Lugo esixe á Xunta de Galicia medidas urxentes para axilizar e...

O Club Quixós participa estes días na 2ª Copa de España de Eslálom Olímpico

O Club de Piragüismo Quixós, de Monforte, chegou con dez deportistas a terras catalás...