Medidas para o impulso na comercialización do sector vitivinícola

O conselleiro do Medio Rural, José González, mantivo na mañá deste 6 de abril, unha videoconferencia con presidentes das denominacións de orixe (DO) do viño galego e das indicacións xeográficas protexidas (IXP) das augardentes e licores tradicionais de Galicia, para valorar o impacto do estado de emerxencia sanitaria no correcto desenvolvemento das actividades deste sector.

Vendima en Ribeira Sacra | Fonte: Arquivo

O conselleiro escoitou as principais demandas do sector vitivinícola e tomou nota das súas aportacións para facer, deste período excepcional, un lugar seguro de traballo e garantir a seguridade de todos os traballadores implicados.

O conselleiro aproveitou tamén para trasladarlles a posibilidade que teñen de adherirse á nova liña de financiamento que sacou a Xunta este mércores no Diario Oficial de Galicia e que está destinada a inxectar liquidez a pemes e autónomos, para que poidan facer fronte ás consecuencias provocadas pola situación de emerxencia sanitaria na súa actividade empresarial.

Desde este xoves, as empresas e o colectivo autónomo galegos -como son as bodegas, cooperativas, industrias transformadoras, viticultores etc- poderán solicitar estes apoios para atender as necesidades máis inmediatas, como o pago de salarios, facturas, alugueiros ou impostos. A orde, que depende directamente da Consellería de Economía, Emprego e Industria, está dotada con 30 millóns de euros e permitirá a mobilización de 250 millóns de euros en préstamos entre o tecido empresarial galego, que contribuirán a paliar os efectos do coronavirus no tecido empresarial galego. En concreto, a nova liña avalará entre 3.000 e 200.000 euros de importe por cada negocio e os beneficiarios disporán de prazos de amortización de ata catro anos con un de carencia, cun máximo dun 1,50 por cento de xuros, que serán bonificados ao cento por cento pola Xunta, facéndose cargo deles.

O conselleiro informou tamén de que se habilitará na páxina web da Consellería do Medio Rural, un apartado para que o sector traslade as cuestións e preocupacións en materia económica no rural; e trabállase na flexibilización dos requisitos esixidos para as diferentes subvencións das que se pode beneficiar o sector.

Reestruturación e reconversión do viñedo

José González explicou que na convocatoria de 2020 para as axudas de reestruturación e reconversión do viñedo, a Xunta só se lle obriga a realizar a acta de non inicio ao 5% das solicitudes. Polo tanto, aqueles solicitantes que necesiten e demanden a realización da acta de non inicio e non estean nesa porcentaxe, só terán que aportar unha declaración responsable e unha reportaxe fotográfica. Así mesmo, será a Consellería que comprobe a información no Rexistro Vitícola de Galicia e mediante o SIXPAC.

Con respecto á convocatoria de 2019, todos os expedientes que finalicen o seu prazo de execución o 31 de maio de 2020, poderán solicitar unha modificación da súa resolución para pasar de operación anual a bianual, ou incluso reducir operacións sen penalización algunha.

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here