HomeEconomíaO Concello de Quiroga traballará para elaborar un rexistro de oliveiras

O Concello de Quiroga traballará para elaborar un rexistro de oliveiras

O gran interese que esperta na zona a recuperación do cultivo das oliveiras e a elaboración de aceites de gran calidade está provocando movementos relacionados coa ordenación e o censo de parcelas destinadas a este fin.

Publicado o

- Advertisement -

Os titulares de fincas con oliveiras de Quiroga foron convocados a unha reunión informativa na Casa da Cultura este xoves día 12 ás 20:00 h. para avaliar a posibilidade de elaborar un rexistro oleícola. A convocatoria parte da Área de Servizos Agrarios de Monforte, Consellería do Medio Rural, e ten como finalidade coñecer a singularidade do cultivo na zona, ordenar e rexistrar correctamente as oliveiras e a extensión que ocupan na comarca de Quiroga.

Segundo nos comenta Isidoro Nogueira, enxeñeiro técnico municipal, “hai un gran potencial neste sector e non temos información das fincas destinadas ao cultivo das oliveiras”, engadindo tamén que “atopamos moitas fincas que teñen plantadas oliveiras e miras no catastro e non figuran”.

Esta reacción administrativa para tratar de ordenar o sector parte dos movementos creados dende entidades como a APAG (Asociación de Produtores de Aceite e Aceituna de Galicia) que buscan a concesión dunha IXP (Indicación Xeográfica Protexida) para o aceite de Galicia. Trasladado e estudado este interese pola Consellería de Medio Rural chegouse á conclusión de que non se pode empezar a casa polo tellado e que o primeiro que cómpre facer é rexistrar as fincas con oliveiras porque habendo moitas plantadas case un 80% están sen declarar ou rexistrar. Tanto o Presidente da APAG, José Antonio García como a conselleira Ángeles Vázquez chegaban a este punto en común.

Así, pois, os primeiros pasos a dar para que as oliveiras se “visibilicen” e se poda considerar e recoñecer o oliveiral galego pasan por elaborar un rexistro que dea veracidade e oficialidade ao mesmo. Para iso pensouse en crear un rexistro oficial no cal os emprendedores e particulares poden dar de alta as súas fincas como oliveirais informando tamén do número de oliveiras que teñen e incluso a extensión da propiedade.

Recolección de olivas / Foto: Pedro Ivedo

Isidoro dinos que o Concello de Quiroga está pola labor indicando que “é un importante traballo que cómpre acometer e axudaremos á Consellería de Medio Rural a elaborar ese rexistro” e engadindo “será de utilidade para a Consellería pero tamén para o Concello, interesado sempre en potenciar o cultivo de aceite na zona”.

A sesión informativa deste xoves vai encamiñada, pois,  a informar aos quirogueses con oliveiras en propiedade deste proceso de rexistro e dos beneficios que traerá para o sector de cara a ordenalo e tamén de cara a valorizalo. Nesta primeira reunión, ademais da información, colleranse xa datos sobre o número de oliveiras e tamén se é posible da extensión das parcelas nas que están plantadas. Será unha declaración particular de cada propietario e pasará a un rexistro xeral para inventariar e ordenar o sector.

Na reunión estarán presente, pois, a Consellería de Medio Rural con varios técnicos do Agader e en representación do Concello de Quiroga, o alcalde Julio Álvarez e Isidoro Nogueira, Enxeñeiro Técnico Municipal.

ÚLTIMAS

“Cando a propia persoa ou grupo afrontan con éxito a dificultade da súa problemática”, unha das satisfaccións dos Servizos Sociais de Pantón

Para comezar, como defenderiades o rol da educación social dentro do Concello de Pantón....

Caurel Vivo volve a propoñer destinar a vivenda pública o cuartel da Garda Civil de Seoane

Caurel Vivo asegura que o concello se enfronta a importantes retos demográficos, sociais e...

O PP de Monforte prepárase para “lograr un cambio de Goberno” nas elección xerais

Os afiliados do PP de Monforte de Lemos mantiveron esta semana unha reunión de...

Patricia Varela Fernández, nova responsable local do BNG do Saviñao

A nova voceira nacionalista é veciña de Vilaesteva e profesora de Lingua Galega de...