HomeEconomía'Bono das persoas autónomas'. Coñece as bases destas axudas para 2022

‘Bono das persoas autónomas’. Coñece as bases destas axudas para 2022

As solicitudes pódense presentar entre o 14 de xaneiro e o 14 de febreiro de 2022 e a contía subvencionable cubrirá o 80% dun máximo de 3.000 euros por solicitude. Facilitamos os trazos máis importantes e o acceso á Orde publicada no DOG.

Publicado o

- Advertisement -

O pasado 30 de decembro de 2021 a Xunta de Galicia publicaba no DOG unha orde na que se facían públicas as novas bases do coñecido como “Programa do bono das persoas autónomas”. Unha liña de axudas enmarcadas no “Plan de recuperación, transformación e resiliencia”, financiado pola Unión Europea, NextGenerationEU, que ten como obxectivo mellorar a competitividade empresarial dos autónomos.

As solicitudes pódense presentar –necesariamente de forma telemática– entre o 14 de xaneiro e o 14 de febreiro de 2022 e a contía subvencionable cubrirá o 80% dun máximo de 3.000 euros por solicitude.

BENEFICIARIOS/AS

As persoas traballadoras autónomas que estean de alta no réxime especial de autónomos ou en mutualidade de colexio profesional, que teñan o domicilio fiscal en Galicia, que na data da solicitude teñan unha antigüidade superior a 42 meses ininterrompidos na realización efectiva dunha actividade empresarial ou profesional e que teñan un rendemento neto reducido dos rendementos de actividades económicas declarados na declaración do IRPF anual inferior a 30.000 euros e unha facturación mínima anual de 12.000 euros, IVE incluído, na declaración referida ao ano 2020.

Tamén se poderán beneficiar as sociedades de calquera clase e comunidades de bens con domicilio fiscal en Galicia e que cumpran unha serie de requisitos.

LIÑAS DE ACTUACIÓN SUBVENCIONABLES

LIÑA 1, mellora da competitividade a través dos seguintes servizos:

• Plan estratéxico do negocio.
• Plan de reorientación do negocio.
• Plan de refinanciamento.
• Plan de márketing.
• Plan de eficiencia enerxética.
• Plan de biodiversidade.
• Plan de comunicación do negocio.
• Plan de transformación dixital.

Tamén se poderán subvencionar outros estudos e plans que teñan como fin aumentar a competitividade da empresa.

LIÑA 2, mellora da competitividade a través dos seguintes investimentos:

• Compra de maquinaria.
• Compra e/ou instalación para a mellora da eficiencia enerxética.
• Investimentos para a substitución de combustibles fósiles ou materiais críticos ou escasos.
• Compra de utensilios e ferramentas.
• Reforma do local do negocio.
• Equipamento informático.
• Equipamento de oficina e/ou negocio.
• Rótulos.
• Aplicacións informáticas, páxinas web, apps e redes sociais.
• Deseño de marca.

Na solicitude de axudas, as liñas 1 e 2 non son excluíntes nin entre elas nin entre os distintos servizos e investimentos que as configuran.

QUEDAN EXCLUÍDOS/AS DESTAS AXUDAS

Por unha banda, os familiares que, de maneira habitual, realizan traballos para persoas traballadoras autónomas ou mutualistas de colexio profesional e que non teñan a condición de persoas traballadoras por conta allea conforme o establecido no artigo 1.3.e) do texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, aprobado polo Real decreto lexislativo 2/2015, do 23 de outubro.

E tamén as persoas que cobrasen a axuda do bono das persoas autónomas (procedemento TR341Q) nalgunha das anteriores convocatorias.

ÚLTIMAS

600 alumnos de oito centros  da Ribeira Sacra participan en Monforte no Correlingua

O Parque dos Condes reuniu aos mozos e mozas de colexios e institutos baixo...

Recollida de plásticos agrícolas nas parroquias de Monforte este 27 de maio

A recollida de plásticos agrícolas levarase a cabo dende primeira hora da mañá e...

Chantada promociónase en Festur 2024 do 30 de maio ao 2 de xuño

O Concello de Chantada participa un ano máis en Festur 2024, X Feira de...

O folión de carros a ollos da infancia de Chantada

O próximo 24 de agosto celebrarase en Chantada o Folión de Carros, como é...