Para o financiamento destas subvencións, dende o Concello destínase un crédito máximo de 25.000 euros, “que son 5.000 euros máis que o pasado ano, co obxectivo de apoiar ás familias con menor renda per cápita do municipio de Monforte que presenta dificultades económicas para afrontar o gasto que supón o obxecto desta axuda, especialmente nun momento no que seguimos inmersos na crise da Covid-19”, destaca o Alcalde.
As solicitudes presentaranse antes do martes 28 de xuño (20 días hábiles). Esta convocatoria ten por obxecto regular a concesión de axudas para a adquisición de libros de texto e material escolar complementario destinadas ao alumnado empadroado no Concello de Monforte e escolarizado para o curso 2022/2023 en educación infantil (3-6 anos), educación primaria, educación secundaria obrigatoria ou educación especial nalgún dos centros docentes públicos ou concertados existentes no municipio.
Para ser beneficiario/a desta axuda é preciso cumprir os seguintes requisitos na data de finalización do prazo de presentación das solicitudes:
- Ser pai, nai, titor/a ou persoa encargada da garda e custodia do alumno/a que no ano escolar da convocatoria correspondente vaian a cursar estudos nas etapas educativas de ensinanza indicadas nesta convocatoria, en calquera centro docente, público ou concertado, do Concello de Monforte de Lemos.
- Que a renda per cápita da unidade familiar non supere o 55% IPREM para o ano 2022 (318,46€/mes) en cómputo anual (3.821,52€ ano por persoa). Para determinar a renda per cápita tomarase a renda da unidade familiar e dividirase polo número de membros da dita unidade como a continuación se especifica:
Nº membros unidade familiar | Ingresos netos mensuais | Ingresos anuais |
2 | 636,92 | 7.643,04 |
3 | 955,38 | 11.464,56 |
4 | 1.273,84 | 15.286,08 |
5 | 1.592,3 | 19.107,6 |
A contía máxima das axudas é a seguinte:
- 150 € para Educación Infantil por cada alumno/a.
- 100 € para Educación Primaria e por cada alumno/a.
- 120€ para Educación Secundaria Obrigatoria por alumno/a.
- 150€ para alumnado matriculado nun centro de educación especial ou en unidades de educación especial de centros ordinarios ou cunha discapacidade superior ou igual ó 65% .
Na páxina web do Concello, na sección de Axudas, está toda a documentación dispoñible para formalizar a solicitude desta subvención municipal.