A farmacéutica Kern Pharma prevé crear 50 empregos cunha nova planta no Polígono do Reboredo en Monforte

Este luns pola mañá presentouse na sede da Xunta de Galicia o proxecto de Kern Pharma para o Polígono industrial do Reboredo de Monforte de Lemos. Da presentación participaron ademais do Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, o Presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, o Vicepresidente e Conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, o Presidente do Grupo Indukern, José Luis Díaz-Varela, e o Vicepresidente executivo do Grupo Indukern e Presidente de Kern Pharma, Raúl Díaz-Varela.

Polígono do Reboredo / SEA

Está previsto que Kern Pharma, o laboratorio farmacéutico do Grupo Indukern, iniciará no primeiro trimestre de 2023 a construción dunha planta de produtos inxectables en Monforte de Lemos. Esta nova fábrica permitiralle triplicar a súa capacidade de produción e crecer no mercado dos medicamentos éticos e xenéricos, tanto nacional como internacionalmente.

A nova planta suporá un investimento inicial de 33M€, que se destinarán á execución de toda a obra civil e á posta en marcha da primeira das catro áreas produtivas previstas: unha para ampollas -a primeira en entrar en funcionamento-, outra para viais e dúas más dedicadas a proxectos de innovación. Ademais das zonas de fabricación, as instalacións contarán con laboratorios, área loxística e espazo de oficinas. Todas están deseñadas seguindo estándares de ecoeficiencia e sostenibilidade. En total, as instalacións ocuparán unha superficie de 14.000m2.

José Luis Díaz-Varela, mostrou a súa confianza en que “esta planta no solamente impulse el crecimiento de Kern Pharma y del Grupo Indukern, sino que también tenga un impacto positivo en el territorio, dinamizando el desarrollo económico, social y la generación de empleo de la zona” e agradeceu a todas as administracións, tanto locais como autonómicas, o seu apoio e colaboración para que esta planta sexa unha realidade: “Como monfortino, este proyecto es una gran satisfacción para mí y estrecha aún más la relación de nuestra familia y la de nuestro grupo empresarial con Monforte y con Galicia”. Pola súa banda, Raúl Díaz-Varela, remarcou “La previsión inicial es comenzar con una producción de 50mill/uds año de ampollas y contar con un equipo de aproximadamente 50 personas a los tres años desde la puesta en marcha”.

José Tomé, na súa intervención, salientou que “hoxe é un día importante para o Concello de Monforte, para o seu Polígono Industrial do Reboredo e para a comarca de Lemos, apóstase por un proxecto innovador e que suporá, sen lugar a dúbidas, un antes e un despois na evolución económica da nosa cidade e do sur da provincia de Lugo”.

O proxecto consolidouse e chegou a bo fin tras 5 anos de xestións e negociacións do Alcalde monfortino cos responsables do Grupo Indukern. As negociacións entre o rexedor municipal e os responsables do Grupo Indukern e Kern Pharma, incluíron visitas destes a Monforte, así como reunións de traballo en Barcelona así coma nos laboratorios deste grupo farmacéutico.

Do mesmo xeito, o Alcalde colaborou estreitamente en todas as xestións que foi preciso realizar para o desenvolvemento deste proxecto en Monforte, en concreto con Suelo Empresarial del Atlántico (SEA), co IGAPE, coa Deputación de Lugo e co Concello monfortino.

José Tomé agradeceu o compromiso e a implicación dos responsables do Grupo Indukern e Kern Pharma con Monforte, cidade natal de José Luis Díaz-Varela, “unha empresa referente no sector a nivel nacional e internacional, que vai crear un bo número de postos de traballo directos e que vai axudar a dinamizar a zona”.

“Todos os veciños e veciñas de Monforte”, engadiu o rexedor monfortino, “estamos orgullosos e satisfeitos de que un fillo de Monforte, D. José Luis Díaz-Varela, volva á súa cidade natal, tras máis de 7 décadas, dende que a deixase atrás para emprender unha brillante traxectoria empresarial, como fundador e Presidente do Grupo Indukern, e neste regreso á súa terra natal, volve cun pan debaixo do brazo”.

O Alcalde anunciou o compromiso dos responsables do Grupo Indukern e de Kern Pharma de facer un acto explicativo deste proxecto en Monforte, e engadiu que “estou convencido de que isto non vai ser un feito illado e que en breve, coñeceremos novas iniciativas que van impulsar a Monforte e ó interior de Galicia, nunha comarca singular e excepcional como é a Ribeira Sacra”. José Tomé tamén agradeceu a colaboración do IGAPE neste proxectos.

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here