O Polígono Agroforestal de Bóveda porá en valor case 52 hectáreas

O conselleiro do Medio Rural mantivo este sábado un encontro cos veciños implicados no que será o futuro polígono de iniciativa pública do Val de Lemos.

Zona de actuación do polígono agroforestal de Bóveda / Facebook concello de Bóveda

A Xunta traballa no desenvolvemento dun polígono agroforestal no concello de Bóveda. Actualmente está en fase de actuacións previas, unha vez rematado, suporá a mobilización de case 52 hectáreas, divididas en 292 parcelas correspondentes a 200 propietarios.

En toda Galicia son 21 os procedementos xa iniciados (contabilizando este de Bóveda), cunha superficie próxima ás 9.000 hectáreas. O conselleiro sinalou que estas iniciativas póñense en marcha en aplicación da Lei de recuperación da terra agraria de Galicia, co fin de recuperar grandes espazos produtivos segundo o tipo de cultivo máis acaído ou de maior tradición en cada zona.

O obxectivo destas iniciativas, tal como detallou González, é dinamizar o territorio e xerar actividade económica. Isto, para facilitar que siga sendo posible vivir no e do rural e para anticiparse aos lumes, evitando que se rexistren ou, en todo caso, para minorar o seus efectos, salientou o conselleiro.

Os polígonos agroforestais céntranse en potenciar os tres usos do chan -agrario, gandeiro ou forestal-. A iniciativa pode ser da Administración ou de particulares, requirindo o acordo de propietarios (ou representantes dos dereitos de uso) de cando menos o 70% da superficie do perímetro do proxecto.

Ademais dos polígonos, a Xunta aposta, no marco da devandita lei, por outras figuras para recuperar e valorizar a terra agraria, entre as que cómpre destacar dúas: as aldeas modelo, que pretenden recuperar as contornas de núcleos de poboación, e as agrupacións de xestión conxunta, que buscan unha xestión sustentable e eficiente dos terreos agroforestais, co fin de recuperalos e poñelos en valor, remarcou González.

Nesa liña, o titular de Medio rural quixo facer balance das aldeas modelo na provincia de Lugo. Isto inclúe as xa aprobadas e rematadas aldeas de Parada dos Montes, na Pobra do Brollón (de 15,55 hectáreas) e a de Trascastro, no concello do Inicio (14 ha de superficie). Tamén están aprobadas a de Moreda, en Folgoso do Courel (38,86 hectáreas); Bustelo de Fisteus, no concello de Quiroga (12,68 hectáreas) e Francos de Proendos, no municipio de Sober (12,87 hectáreas).

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here