Monforte destina 30.000€ a axudas para a creación de empresas

“O Concello de Monforte lanza, por sexto ano consecutivo, o Programa de axudas municipais á creación de empresas do Concello de Monforte de Lemos, para colaborar na xeración de emprego no municipio, apoiando e fomentando a posta en marcha de novos proxectos e iniciativas empresariais.

Casa Consistorial Monforte / Concello de Monforte

Esta convocatoria enmárcase no programa “Promoción do emprego, ano 2022” do equipo de goberno do Concello, que ten como obxectivo principal contribuír a fixar poboación en Monforte e propiciar un crecemento e desenvolvemento sostibles, promovendo a creación de emprego estable e de calidade a nivel local e facilitando a incorporación das persoas en situación de desemprego ó mercado laboral.

O prazo para solicitar as subvencións estará aberto ata o 30 de novembro, poderán presentarse, mediante modelo normalizado, no Rexistro Xeral do Concello ou a través da Sede Electrónica municipal.

A estas axudas poderán acollerse os empresarios individuais e as pequenas e medianas empresas (PEME) que comezaran a súa actividade entre o 1 de novembro de 2021 e o 31 de outubro de 2022. Para elo, entenderase como inicio de actividade a alta no IAE.

A contía prevista para estas subvencións ascende a 30.000 euros, e o importe máximo de cada axuda será de 1.500 euros, non podendo superar o 50% dos gastos efectuados no período indicado. Esta cantidade poderá incrementarse nun 25% no caso de que a persoa beneficiaria sexa muller ou unha persoa con discapacidade.

Para poder solicitar estas subvencións, entre outros aspectos, os solicitantes deberán ter o seu enderezo fiscal e social en Monforte, a actividade empresarial ten que ser de nova creación, as persoas promotoras deben estar en situación de desemprego na data de inicio da actividade empresarial e crear, polo menos, o seu propio posto de traballo. Os autónomos poderán ser beneficiarios das axudas cando formen parte dunha comunidade de bens, Sociedades Civís ou constitúan unha Sociedade Mercantil.

Gastos subvencionables

  • Gastos de constitución: serán subvencionables o 50% dos seguintes gastos xerados no proceso de apertura e constitución da empresa: Visado, honorarios e gastos de proxectos técnicos; alta no Rexistro Mercantil.
  • Existencias iniciais de mercadorías: serán subvencionables o 50% da adquisición de primeiras compras de mercadorías, de materias primas e doutros consumibles utilizados no proceso de produción.
  • Gastos de aluguer de local, do vehículo industrial, de aplicacións informáticas e de equipos informáticos: serán subvencionables o 50% dos  gastos de aluguer sempre que o elemento alugado sexa imprescindible para a realización da actividade da empresa.
  • Primas de seguros: serán subvencionables o 50% dos gastos da contratación de seguros directamente relacionados coa actividade da sociedade (seguro do local, de responsabilidade civil e, como máximo, dun vehículo, só no caso de que sexa imprescindible para o desenvolvemento da súa actividade).
  • Subministracións e gastos correntes: serán subvencionables o 50% dos seguintes gastos correntes derivados directamente da realización da actividade empresarial: Auga, teléfono, electricidade, gasóleo/gasolina, material de oficina, asesoría (só cotas mensuais), gas, equipos de seguridade nas súas instalacións (só cotas mensuais).

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here