HomeEconomíaPuido ser un alemán o impulsor da fabricación de embutidos en Sarria?

Puido ser un alemán o impulsor da fabricación de embutidos en Sarria?

Todo listo para que este sábado 16 de febreiro se celebre a III Feira Internacional do porco e os seus produtos gastronómicos. Falamos do evento coa alcaldesa e cun fabricante de embutidos da posible orixe da boa sona dos embutidos sarrianos.

Publicado o

- Advertisement -

Falar de embutidos é falar de Sarria. A produción, seguindo procedementos artesanais, é un dos fundamentos da calidade e sona que teñen gañada dende hai anos. Aínda que o seu esplendor económico se sitúe sobre os anos 50 hoxe en día atópanse empresas que seguen comercializando moito e ben os produtos derivados do cocho.

Este sábado, a capital da comarca sarriana será un gran escaparate para a exposición e venda destes produtos, que son os protagonistas, pero tamén doutros como queixo, mel, repostería e antigüidades. O recinto feiral estará situado no Mercado Gandeiro, lugar onde tamén se celebrará o XI Cocido do porco celta da Comarca de Sarria, e abrirá as súas portas ás 10:00 tendo prevista a clausura para as 20:00 da noite.

Segundo nos conta Pilar López, alcaldesa, está todo listo para mañá en canto á organización e con moi boas expectativas climatolóxicas e de visitantes. “Os aloxamentos están completos, a temperatura será moi boa e para o xantar do cocido xa temos as cincuenta e catro mesas completas e reservadas” refire.

O prezo da degustación de cocido a base de porco celta é de 38 euros, haberá 13 comensais por mesa e xa está todo reservado. Como di Pilar é unha comida que cómpre reservar con antelación dada a elaboración que ten, non se pode ir facendo a medida que chega a xente e por iso se anuncia con tempo para as correspondentes reservas. Moitos comensais son da comarca pero tamén veñen de fóra, bastantes da costa e este ano haberá unha mesa composta por coreanos entre os que estará o embaixador de Corea en España.

Bandexas con cocido do porco celta (2018). Foto: P.L.

O pregón será ás 13:30 h. a cargo de José Manuel Romay Beccaría, moi próximo a esta vila polas xornadas xurídicas de prestixio que se organizan cada ano e pola xestión persoal que fixo o avogado Carlos Lema, tamén moi unido a Sarria por estas xornadas e polo xantar do cocido.

En canto ás novidades, Pilar López cóntanos que actuarán os Gaiteiros de Goián ás 12:00 h., un percorrido polas rúas da vila de coches do Club Clásicos de Sarria e posterior exposición no aparcamento do Mercado Gandeiro. E na zona expositora, haberá tamén varios postos de antigüidades que como curiosidade expoñerán algúna mobles relacionados coa matanza.

Pola tarde, despois da degustación do cocido de porco celta terá lugar, ás 16:30 h. o nomeamento de ‘Cazoleiras’ e ‘Tixoleiros’ 2019 e a continuación a actuación do Grupo Musical “The Sibaritas”.

Juan Luis, un dos membros da organización da ‘Festa do cocido de porco celta de Sarria’, explícanos en que consisten estes nomeamentos: “dende a organización, buscamos persoas que co seu labor fagan posible que esta celebración se consolide e vaia a máis cada ano. Xente que co seu labor poña en bo lugar e dimensione este evento, que poden ser cociñeiros/as, xornalistas, políticos/as, empresarios/as… Desa escolla saíran os “tixoleiros” –eles- e “cazoleiras” –elas- que recibirán un recoñecemento especial co seu diploma corresponden e que non saberán quen son ata despois do xantar”.

sarria “terra dos embutidos”

Dada esta fama de calidade na elaboración de embutidos falamos con Jorge de ‘Embutidos Casa Neiras’, un dos negocios que na actualidade comercializa produtos derivados do porco principalmente en Galicia aínda que tamén fóra en demandas puntuais.

De onde lle vén a fama de bos embutidos a Sarria?

Pois non sei moi ben pero creo que unha das razóns pode ser unha cuestión moi particular que teño escoitado. Nos anos 20 un alemán coñecido como Wiloska, montou unha fábrica de embutidos en Sarria. A súa chegada aquí non se sabe moi ben como foi, quizais coincidiu coa construción do ferrocarril… En calquera caso, a fábrica foille moi ben e trouxo innovacións importantes como as primeiras máquinas de envasado ao valeiro alá polos anos 50 e 60. Os particulares levaban alí os embutidos a envasar, eu mesmo lembro nos 60 ir envasar chourizos á fábrica. Cobraban, evidentemente, e tivo moito éxito pois daquela non había no mercado este tipo de adiantos.

Tivo continuidade en xeracións posteriores ou empresarios que se quedasen con esa fábrica?

Non, os fillos non seguiron con ela e pechou aproximadamente alá polos anos setenta. Hoxe, no lugar da antiga fábrica hai un hotel.

Cando cres que foi o máximo esplendor da industria do embutido?

Eu diría que nos anos cincuenta. Unha das fábricas máis coñecidas foi “O Reboiro” que daquela emprega a máis de vinte persoas. Hoxe coido que non hai ningunha xa dese nivel. Baixou moito a cousa, menos xente, baixou o consumo de embutidos en xeneral…

Marca a diferenza a materia prima, o xeito de elaboración, o clima…?

O clima é apto pero non ideal precisamente. Diría que o factor diferenciador é a calidade das carnes e sobre todo a elaboración artesanal, o xeito de facer é moi importante. O piropo mellor que me che poden dicir, como me pasa a min, é que “os embutidos saben como os da casa”.

Como comercializa os seus produtos Casa Neiras?

Imos a algunhas feiras especializadas pero sobre todo vendemos a clientes da contorna, tendas tradicionais, tendas delicatessen e tamén a tendas ‘tipo supermercado’ que venden un pouco de todo.

Nos vosos produtos poñedes que os embutidos non levan glute nin lactosa, é necesario?

Si. Curioso, verdade. O normal é que uns chourizos artesanais non leven nada diso pero dende que nos atopamos clientes que nos preguntaban porque tiveron problemas con embutidos industriais que si contiñan, puxémoslle esa información. Empecei a mirar nos envases e atopei, efectivamente, que nalgúns casos levaban glute e lactosa, imaxínate que naturais poden ser eses embutidos…

E daquela, por se hai algunha dúbida, nós decidimos aclarar ao consumidor que os nosos produtos non levan nin glute nin lactosa.

 

ÚLTIMAS

Novidosas sinalizacións lumínicas para pasos de cebra no Concello de Monforte

O Concello de Monforte vén de presentar a mellora viaria, con sinalizacións lumínicas en...

A Valedora admite unha queixa por ignorar o Concello de Monforte máis de 8 meses a un aspirante

Lembran desde FAC-USO que o 13/10/2023 convocouse un proceso selectivo para unha praza interina...

Do 27 ao 29 de xullo, festas na parroquia monfortina de Piñeira

O deputado de Mocidade, Daniel García, reuniuse coa Asociación de Festexos de Piñeira, que...

Finalistas da X edición do Concurso de Proxectos Empresariais Semente Ribeira Sacra

A esta X edición do Concurso de Proxectos Empresariais Semente Ribeira Sacra presentáronse 85...