InicioEn profundidade“Eu non digo que non a poñer zapatos de tacón”, Raquel Escudero,...

“Eu non digo que non a poñer zapatos de tacón”, Raquel Escudero, podóloga

O coidado dos pés é tan importante como o coidado doutras partes do corpo e pouco a pouco vaise tomando conciencia. Acudir ao “callista”, denominación anterior á de podólogo, non é só cousa de vellos e cada vez hai máis visitas preventivas a estes profesionais. Como di Raquel “agora xa é máis coñecido o noso traballo”. Falamos con ela.

Publicado o

- Advertisement -

Raquel Escudero naceu en Barcelona, lugar onde viviu ata setembro do ano 1999 e onde rematou a Diplomatura de Podoloxía -Universidade de Barcelona- e Reflexoloxía Podal -Escola Censana-. Como complemento á formación anterior ten un Máster en dermatoloxía podolóxica expedido pola Universidade de Valencia e a Diplomatura de Enfermería -Universidade de Vigo-.

Naquel momento tiña 22 anos e emprendeu camiño cara Galicia para fixar a súa residencia en Monforte de Lemos. Cando lle preguntamos porque escolleu Chantada e non Monforte para empezar a traballar dinos que Chantada foi o primeiro lugar de elección tanto polos seus vínculos familiares -de aquí é a súa parella e tamén ten tíos e curmáns- como por cuestións de mercado, xa que naquel momento so había un “callista” nesta vila e en Monforte había xa dous podólogos.

Falamos con ela para coñecer a súa traxectoria profesional no sur de Lugo e para saber algo máis dos nosos pés, unha parte do corpo á que lle damos menos importancia da que se merecen.

Chegaches a ser podóloga por vocación?

En principio por vocación non, pero si tiña claro que quería  facer algo relacionado coa sanidade. Así que cando en COU nos deron a solicitude para cubrir, collín a lista de carreiras universitarias e vin podoloxía;  pensei que podía ser interesante e que non estaría moi saturada.

Cando empezaches a exercer este oficio e onde?

Empecei a traballar ese mesmo setembro do 1999, ano no que viñen para Galicia. Traballaba nun centro de fisioterapia en Chantada  e na consulta dunha compañeira podóloga en Ourense.

Despois, seica probaches sorte noutros lugares. Cóntanos.

Probei sorte no ano 2001 en Sarria, pero chegou un momento que era inviable manter a cantidade de traballo nos tres sitios, así que tiven que escoller e pechei en Sarria un ano despois.

Como andamos os galegos e galegas de pés? Que problemas máis comúns temos?

Os galegos/as andamos de pés supoño que coma noutras zonas. Quizais distinguiría sobre aquelas persoas que traballan no rural ou na cidade, xa que o tipo de calzado é distinto e iso leva tamén ás veces a ter patoloxías distintas. As patoloxías máis comúns son alteracións nas unllas e a presenza de “callos”,  tecnicamente coñecidos como helomas.

As patoloxías máis comúns son alteracións nas unllas e a presenza de “callos”

En relación ás unllas, como debemos cortalas, porque teño escoitado de todo?

A ver, é moi importante facer un bo corte e este dependerá do tipo de unlla. Iso de que as unllas dos pés sempre se deben cortar rectas non é certo. Se a unlla é redonda o corte deberá ser redondeado, por exemplo. Para entendernos, en unllas normais cortaremos recto, pero se a unlla ten unha forma máis redondeada faremos un corte en redondo. E outra cousa, non cortalas moi rentes, non é aconsellable.

É incorrecto relacionar “juanetes” con xente maior?

Si, hai tamén xente nova que os ten. Se se detectan no principio pode frearse o seu crecemento, por iso resulta tan importante acudir a profesionais e ter un diagnóstico rápido. Así pódese frear o seu avance e evitar a cirurxía.

Por que aparecen, cales son as súas causas?

Varias. Poden aparecer por culpa dun calzado inadecuado ou moi apretado, pola forma da pisada, por exemplo o “pé valgo” -o que se mete para dentro-, por reumatismo, por xenética…

Un clásico tamén, zapatos con tacón, sen tacón, ou depende?

Eu non digo que non a poñer zapatos de tacón. Hai ocasións nos que por estética queremos levalos e non pasa nada se non nos excedemos. As miñas recomendacións neste senso serían, para ocasións concretas tacóns ata 10 centímetros e para diario un tacón entre 3 e 3,5 centímetros.

“Eu non digo que non a poñer zapatos de tacón. Hai ocasións nos que por estética queremos levalos e non pasa nada se non nos excedemos”

De que xeito inciden nos problemas dos pés a vida no rural, o tipo de calzado ou o deporte?

O tipo de calzado que usemos é fundamental para poder ter os nosos pés en perfecto estado, eu diría que un 90% das patoloxías que vexo son por calzado inadecuado. E con respecto ao deporte tamén hai que concienciarse de que non vale calquera calzado, hai deportivas moi especializadas segundo o deporte que se faga, inclusive non estaría de máis poder facer un estudio podolóxico para poder escoller o calzado en función da nosa pisada.

Pode ser que, ao igual que noutras profesións médicas, só recorramos ao podólogo/a cando xa temos o problema e non nos queda outra? Polo xeral miramos pouco para os pés, ou cada vez hai máis visitas preventivas e revisións periódicas?

Creo que dende comecei a traballar cambiou moito a idea de ir o podólogo, agora xa é máis coñecido o noso traballo. Teño pacientes que xa deixan unha cita pedida dun mes para outro e outros que veñen cando non aguantan máis. Algúns veñen de modo preventivo. Así que hai variedade.

“Teño pacientes que xa deixan unha cita pedida dun mes para outro e outros que veñen cando non aguantan máis”

O de “callista” xa pasou á historia ou aínda se di? 

A palabra “callista” creo que xa quedou atrás,  eran os antecesores dos podólogos. Actualmente o noso traballo é máis amplo, abranguemos máis ramas: a quiropodoloxía, ortopodoloxía , cirurxía… e tanto en nenos como adultos, diabéticos  ou pacientes neurolóxicos.

Raquel Escudero na súa clinica. Foto: R. E.

Algunha anécdota curiosa con pacientes que se poda contar?

Teño moitas anécdotas, pero cóntoche unha algo surrealista que me sucedeu cando levaba máis ou menos un ano traballando na consulta de Ourense. Chegou un señor duns 80 anos, indiqueille como a todos que se sentara no sillón e de repente vexo que fai ademán  de baixar os pantalóns e dime: “é que o callo téñoo no cu”, comecei a rir pensando que era unha broma pero non, decíao en serio. Díxenlle que eu non trataba esas zona ao que contestou: “pois voume porque nos pés non teño”. De estas teño unhas poucas, pero algunhas xa se me esquecen.

“é que o callo téñoo no cu”, comecei a rir pensando que era unha broma pero non, decíao en serio

Polo xeral o trato cos e coas pacientes, cordial e incluso de amizade, supoño.

A verdade é que si. Resulta cómodo cando xa collen confianza contigo… moitas veces ata teño que facer de psicóloga (risas).

Que consellos de saúde podal básicos nos darías? 

Os meus consellos básicos, que sempre recomendo na miña consulta, son tres e doados de seguir: escoller sempre un calzado de bo material -amplo, con suela amortiguante, que suxeite o pé, suficientemente largo e axeitado para o que imos facer-, hidratar a pel todo os días para evitar durezas e helomas e acudir a un profesional titulado de forma preventiva e sen esperar ao limite.

As visitas cada cando serían recomendables?

Se non temos ningún problema polo menos unha vez o ano.

ÚLTIMAS

Afra Blanco: “A Feira do Viño de Quiroga é a primeira festa que descubrín de Galicia”

Afra Blanco, que fora portavoz da sección xuvenil da UGT e hoxe responsable de...

Sinistro de circulación en Chantada

Segundo informou o 112, o persoal do Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 foi...

A Deputación esixe á Xunta o remate urxente da estrada de Folgoso do Courel derrubada hai dous anos

A Deputación de Lugo esixe á Xunta de Galicia medidas urxentes para axilizar e...

O Club Quixós participa estes días na 2ª Copa de España de Eslálom Olímpico

O Club de Piragüismo Quixós, de Monforte, chegou con dez deportistas a terras catalás...