HomeEn profundidade“Era chegar a algún evento e a xente levantarse a aplaudirme”, José...

“Era chegar a algún evento e a xente levantarse a aplaudirme”, José Antonio, ‘O Parga’

Este mes de maio cúmprense dous anos do despedimento deste popular reporteiro que tivo El Progreso nas comarcas de Quiroga, Lemos e Chantada. “Sabía que ían botar xente pero non contaba que eu sería un deles”, confesa. Falamos con el para coñecer a súa traxectoria e saber como lle vai na súa nova vida, lonxe do foco das noticias.

Publicado o

- Advertisement -

José Antonio Arias Parga, coñecido popularmente como ‘Parga’, traballou de moitas cousas pero destacaremos que tivo un pub na Rúa Duquesa de Monforte e que foi reporteiro do xornal El Progreso durante 26 anos.

Todas e todos o lembramos armado de cámara fotográfica e coa présa do reporteiro gráfico que xa está pensando na seguinte noticia que cubrir. Un profesional entregado ao oficio que tiña como obxectivo intentar chegar antes que ninguén á noticia e ter a instantánea do momento.

Relatando os seus comezos, José Antonio dime que no ano 1979, el e un grupo de amigos fixeron o primeiro periódico de estudantes de Monforte. Foi no Daviña Rei e chamábase ‘Anceio’. “Custaba vinte pesos e era para recoller fondos para a viaxe de fin de curso”, comenta Parga. Colaboraba escribindo e facendo fotos, e esta experiencia foi a que lle levou a interesarse polo xornalismo.

No ano 1979, el e un grupo de amigos fixeron o primeiro períodico de estudantes de Monforte Foi no Daviña Rei e chamábase ‘Anceio’

Avanzamos no tempo e chegamos ao 1993, ano no que empezou de correspondente para El Progreso na Pobra do Brollón. Eran outros tempos, tempos nos que había un ou dous correspondentes por concello e a información non chegaba á redacción coa facilidade que o fai hoxe. “Por non haber nin había teléfonos móbiles… pasaba algo hoxe e a información saía ao segundo día. E as fotos –daquela positivos– tamén tardaban porque había que mandalas por alguén, e se a noticia era urxente ás veces recorrías a mandalas por un taxista”, relata Parga.

Parga despois do pregón na Festa da Cereixa (2019) / XdL

Tempo despois pasou xa a cubrir outros concellos, colleu Pantón e O Saviñao. Máis traballo, pero contento. Segundo me explica, el non escribía, dáballe de palabra as notas aos redactores e estes pasaban a escrito as súas crónicas. “Sempre me gustou contar historias e sempre me entendín moi ben con eles… lembro incluso que ao principio pagábanme por liñas”.

Neste punto da conversa é cando coñezo que este popular reporteiro rexentou un pub en Duquesa, a mítica rúa da marcha monfortina. Daquela traballábase moito e ben na fin de semana e á xente da hostalería coma el quedáballe libre de luns a venres. Gustándolle o xornalismo e tendo tanto tempo libre tivo a sorte de que o colleran no xornal, e incluso confesa que “ao primeiro facíao por hobby”.

Como todos e todas sabemos, nos bares coñécense moitas cousas, co cal Parga tiña da man unha gran fonte de contactos e de información. “Cheguei a saber saber cousas días antes de que pasaran”, confesa. Quero tirarlle da lingua para que conte algunha exclusiva mundial pero prefire non entrar a contar detalles, neste punto o noso protagonista prefire gardar ‘segredo de confesión’.

“Cheguei a saber saber cousas días antes de que pasaran”

Seguimos a nosa conversa e sae o entusiasmo e a paixón deste reporteiro dos de antes. Cóntame moitas anécdotas e moitas ‘batallas’ que seguro podemos atopar na hemeroteca do xornal El Progreso. “Fun o primeiro que fixo reportaxes da Mostra do Aceite de Bendilló, e o primeiro que sacou o Oso de Salcedo nun periódico”, dime o Parga ao tempo que lembra estar “nas primeiras edicións da Feira do Viño de Pantón e da de Vilachá na Pobra do Brollón”.

O Parga en primeira liña de ‘disparo’ no Entroido Ribeirao. Foto: XMF

Chámame tamén a atención o feito de que, en tempos, tiña que levar as fotos a Lugo para que as revelaran e percorría o sur de Lugo arriba e abaixo ata o punto de facer entre 2500 e 3500 quilómetros ao mes xa na última etapa no Progreso, nos últimos dez anos.

“Percorría o sur de Lugo arriba e abaixo ata o punto de facer entre 2500 e 3500 quilómetros ao mes”

O seu trato coa xente foi sempre excepcional. Dinos Parga que a xente queríalle moito, e que lle encantaban os actos sociais. “Era chegar a algún evento e a xente levantarse a aplaudirme”, conta emocionado.  “Mira se me quería a xente, que cando me botaron querían facer unha manifestación […] estiveron a punto de facela por min, pero non lles deixei. Non quería ser protagonista, o despido fora tamén para máis xente…”.

No trato coa clase política recoñece que tivo a políticos con moita relación a nivel persoal pero en xeral “sempre me levei ben con todos, os da oposición e os que mandaban”, refire.

“Mira se me quería a xente, que cando me botaron querían facer unha manifestación”

A ANSIA E A PAIXÓN DE PARGA POR ESTE OFICIO ERAN EVIDENTES

Gustáballe contar historias e facer chegar as noticias á redacción antes ca ninguén, misión que completaba con gran facilidade dada a rede de amizades e contactos que fixo no sur de Lugo durante todos eses anos. A todo isto, sempre con grande simpatía e popularidade entre a xente, para moitas e moitos era xa unha cara máis coñecida que a do propio alcalde ou que a do carteiro.

O xornalismo tradicional e vocacional, como no caso do Parga, que transmitía as crónicas de ‘viva voz’ e levaba as mellores fotos á redacción en persoa, foi dando paso a un xornalismo moderno, con notas de prensa xa elaboradas, con crónicas exprés e fotos que se fan e mandan dende o móbil…

“O meu posto perdeuse por todo isto”, sentencia Parga, ao tempo que lembra o momento no que foi despedido en maio de 2019. “Sabía que ían botar xente pero non esperaba que me fosen botar a min. Foi unha putada!. Na redución de plantilla estaba eu incluído no paquete. Chamáronme para ir á Delegación e xa alí comunicáronme o despido. Nin aviso previo nin nada, ata estaba traballando ese día… pousei as chaves e marchei. Despois xa volvín outro día polas miñas cousas”.

“Sabía que ían botar xente pero non esperaba que me fosen botar a min. Foi unha putada!…”

Parga levaba daquela tres comarcas: Quiroga, Lemos e Chantada, e era un gran profesional. “O traballo tíñao xa na cabeza, como Fraga tiña a Galicia tamén na cabeza”, dime con retranca. Sabía onde ir e o que facer sen que ninguén lle dixera nada, co cal non esperaba que fosen prescindir del tendo en conta a traxectoria de entrega co xornal que tiña ao seu lombo. Tiña daquela 58 anos e non houbo miramento algún, despido en quente e para a casa.

Foi un pau para el e afectoulle moito. Pregúntolle se tivo algunha oferta de traballo despois e recoñece que si, que algunha houbo pero non era para estar aquí na contorna e as ofertas tampouco lle convenceron. Así as cousas, decidiu ir vivir á aldea, a Galegos, en Pantón.

“Víñenme á aldea, a traballar a terra coa miña muller e o fillo, e reencontreime cos amigos… baixoume o colesterol máis da metade”, dime aceptando a situación e mirando en positivo.

“Víñenme á aldea, a traballar a terra coa miña muller e o fillo, e reencontreime cos amigos… baixoume o colesterol máis da metade

Na recta final da nosa charla pregúntolle pola cantidade de material que terá gardado e afirma que as fotos que fixo traballando para El Progreso son todas do xornal e estarán na hemeroteca. Segundo sei, a nivel persoal tiña moito gardado, algunhas fotos incluso etiquetadas por el como “impublicables”, pero a súa muller “desfíxose de case todo porque me poñía triste”, comenta.

Segues facendo fotos? –pregúntolle para rematar– E dime que poucas, algunhas no círculo íntimo e pouco máis. “Quedei trallado… se non deixara o traballo como o deixei igual seguiría fotografando pero ao ser tan traumático quitáronseme as ganas”, sentencia.

O Parga o ‘Día de Compadres’ (2020). Foto: XMF

ÚLTIMAS

O humorista Alberte Montes presenta “Patrón” este 27 de decembro na Casa da Cultura de Monforte

Patrón é un espectáculo moi especial. Unha homenaxe a esa figura icónica da cultura...

O pleno do CRDO quere reducir rendementos en viña e limitar novas plantacións

O pleno decidiu por unha banda solicitar unha modificación de prego de condicións en...

Xa se poden pedir permisos de queimas dende o móbil

Os usuarios e usuarias da aplicación móbil XuntaEu que seleccionen o botón “Contacta coa...

Javier Arias e o piloto Eduardo Iglesias entregan agasallos de Nadal aos nenos e nenas ingresados no HULA

O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, e o piloto Eduardo Iglesias...