HomeEn profundidadeDr. López Reboiro: “Canto menos tempo teñas a carrapata ‘enganchada’, menos probabilidade...

Dr. López Reboiro: “Canto menos tempo teñas a carrapata ‘enganchada’, menos probabilidade hai de contraer a enfermidade”

Interesados polo medo ás picaduras de carrachas, e vendo que non existe unha información pública específica sobre este tema, chegamos a este médico do Hospital Público de Monforte que se prestou xenerosamente a ofrecernos información sobre a borreliose, enfermidade que transmiten estes ácaros parasitarios.

Publicado o

- Advertisement -

Falamos co Doutor Manuel Lourenzo López Reboiro, profesional que fai medicina interna xeral no Hospital Público de Monforte de Lemos e que ademais ten unha consulta monográfica de insuficiencia cardíaca tipo UMIPIC.

Que é a borreliose ou enfermidade de Lyme, e que sintomatoloxía nos pode levar ao seu diagnóstico?

A borreliose é unha enfermidade infecciosa transmitida por unha bacteria que precisa dun reservorio animal e dun vector para poder pasar deste ao ser humano. Ou o que é o mesmo, é unha bacteria que se transmite dende os animais aos humanos a través das garrapatas. Este tipo de enfermidades denomínase zoonose.

A sintomatoloxía da Enfermidade de Lyme é moi variada, xa que non é unha enfermidade que teña un curso lineal senón que pasa por tres estadios: un precoz no que a clínica comunmente é cutánea, unha fase intermedia na que afecta a diferentes órganos (sistema nervioso, sistema cardíaco,…) e unha terceira de curso máis crónico (articular, cutáneo, sistema nervioso…).

Como se transmite e canto tempo poden tardar en aparecer os síntomas?

A enfermidade transmítese cando unha carracha pica a un animal portador da bacteria e posteriormente pica a un ser humano. Os animais máis característicos son os corzos, aínda que tamén son portadores pequenos mamíferos.

“A enfermidade transmítese cando unha carracha pica a un animal portador da bacteria e posteriormente pica a un ser humano”

Os síntomas máis precoces, que son os da fase inicial que aparecen entre 2-3 semanas despois da picadura, que son lesións cutáneas en forma de diana. As outras afectacións de estadio máis avanzados poden aparecer meses ou anos despois da picadura.

Só a poden transmitir carrachas, ou tamén outros parásitos? 

Esta enfermidade é transmitida por carrachas e non por todas, as máis involucradas na transmisión da enfermidade de Lyme son as Ixodes Ricinus.

… e non todos estes bechos teñen por que estar infectados, verdade?

Efectivamente, poden picar a un carrachas que non sexan portadoras desta enfermidade, e aínda que sexan portadoras, se non pican o tempo suficiente poden non contaxiarte, o que quero dicir é canto menos tempo teñas a carrapata “enganchada” menos probabilidade hai de contraer a enfermidade aínda que a carracha sexa portadora da Borrelia.

Podemos dicir, pois, que estamos diante dunha doenza silenciosa e pouco coñecida?

Si que é unha doenza un tanto silente na súa fase inicial, xa que pode pasar inapercibida a picadura ou a propia lesión cutánea. E, ás veces, conseguir realizar o diagnóstico en estadios máis avanzados é máis complexo xa que a clínica é similar a outras doenzas.

“É unha doenza un tanto silente na súa fase inicial, xa que pode pasar inapercibida a picadura ou a propia lesión cutánea”

Que atención lle presta hoxe en día o SERGAS ao seu estudio, seguimento e prevención?

Os casos de enfermidade de Lyme son diagnosticados maioritariamente e tratados en atención primaria, só chegan ao hospital os casos máis abigarrados e en estadios máis evolucionados.

Na súa experiencia persoal tense atopado con moitos casos de picadura de carracha?

Esta patoloxía é moi común en certas zonas. Eu formeime no Hospital Universitario Lucus Augusti e alí había moitos casos xa que é moi común nos concellos da montaña lucense, sendo o epicentro Fonsagrada e Ribeira de Piquín. Agora, dende hai uns anos, estou a traballar no Hospital Público de Monforte de Lemos e aínda non vin o primeiro caso. Polo tanto a posibilidade de ver casos depende moito da zona na que traballes.

Que recomendacións básicas deberiamos ter en conta para evitar coller carrachas?

O máis importante é inspeccionarse e levar botas altas que impidan que suban as carrachas.

Unha carracha subindo por unha parede / XMF

E se temos xa algunha enganchada, que debemos facer?

O máis importante é eliminalas rapidamente. Se un sabe facelo ben, por un mesmo, e senón acudir ao persoal sanitario.

“O máis importante é eliminalas rapidamente”

Para rematar…

Como inciden a climatoloxía, a proliferación de fauna nos nosos montes e as migracións de aves no aumento da poboación de carrachas?

Esta doenza está ligada a climas húmidos e zonas nas que haxa monte baixo e abundancia de animais, mamíferos de medio tamaño; como poden ver, estas características que estou a describir son bastantes compatibles co ecosistema que se dá nas montañas lucenses.

Cónstalle que a provincia de Lugo sexa un territorio máis propicio á proliferación destes ácaros parasitarios? 

A zona da Montaña Lucense, Asturias e parte de León conforman unha zona dunha prevalencia moi elevada, polo tanto nestes concellos afectos é moi importante aumentar as estratexias de prevención de picaduras.

Dr. Manuel Lorenzo López Reboiro

Rematou a carreira de medicina na Universidade de Santiago de Compostela no ano 2011 e estudou o MIR en Oviedo.

A residencia fíxoa no HULA de Lugo dende o 2012 ao 2017 e dende ese ano está exercendo como internista no Hospital de Monforte de Lemos.

ÚLTIMAS

Interesante axenda cultural e de lecer en San Clodio

O Concello de Ribas de Sil aproveita os meses de verán para ofrecer diferentes...

Como afecta ao tráfico a Subida de Chantada?

A celebración da proba automobilística supón modificacións no tráfico. Na vila de Chantada o...

O BNG de Monforte alerta de verquidos e morte de peixes no Río Cabe

Este venres varias persoas puxéronse en contacto cos responsables do BNG de Monforte para...

O Concello de Monforte destina 8.000€ para axudas a asociacións monfortinas que promoven servizos sociais

O Equipo de Goberno aprobou, na Xunta de Goberno celebrada o pasado 15 de...