InicioEn profundidade"Cambiámoslle a cara a Monforte", asegura Tomé facendo balance do 2022

“Cambiámoslle a cara a Monforte”, asegura Tomé facendo balance do 2022

"Estamos falando dunha empresa tecnolóxica que produce medicamentos dunha alta cualificación cun investimento importante, a primeira fase van ser 32 millóns de euros, pero no desenvolvemento de todo o proxecto son máis de 60, e 100 postos de traballo de alta cualificación. A inmensa maioría da plantilla serán químicos, farmacéuticos, informáticos, administración, loxística,…", asegura Tomé ao referirse á farmacética que se instalará no Polígono do Reboredo.

Publicado o

- Advertisement -

O ano 2022 está sendo o ano postpandemia, volveuse á normalidade recuperando unha actividade frenética, en moitos casos, como querendo recuperar o tempo perdido. No concello de Monforte, o ano 2022 serviu para ter os orzamentos presentados, solucionar a relación de postos de traballo e rematar actuacións como a zona C ou o parque do Hospital, mentres actuacións como a supresión de pasos a nivel ou a Ponte do Malecón seguen en expectativa e as eleccións cada vez máis preto. Facemos balance do ano co rexedor local, José Tomé Roca.

Foi o 2022 o ano máis satisfactorio para José Tomé como alcalde de Monforte?

Posiblemente fora dos mellores si, non sei se o mellor, pero si o máis completo. Houbo de todo coa volta á normalidade, tivemos unhas Patronais impresionantes, a Feira Medieval igual, o Festival do Viño espectacular. Fixemos moitas obras na cidade ou estamos facendo, con 3 obras relevantes, o Parque do Hospital que está para ver. A Zona C, da que non hai exemplos de urbanización deste tipo, onde os promotores son os concellos. E nos próximos días inauguraremos o Parque de Cobas e a lagoa da Pinguela. Son 3 obras que marcan cambios moi significativos na fisionomía da cidade.

Momento no que se descubriu o monolito conmemorativo. Foto: Prensa Concello de Monforte.

Un ano satisfactorio no que para o alcalde a parte negativa sería que a Ponte do Malecón sígase pospoñendo?

Non houbo ningún contratempo, só se está retrasando a aprobación do Plan Hidrolóxico que é sobre o que  temos que presentar a solicitude. Parece que se vai publicar no mes de xaneiro, en canto se publique solicitarémolo. A min gustaríame que fose máis rápido, pero a Administración vai á velocidade que vai, non depende de nós.

E que parte negativa podemos poñer a este 2022 se houbo algunha?

Todo aquilo que faga que un monfortino ou monfortina estea pasándoo mal, iso é o negativo, no resto eu non atopo nada negativo. Se a todo iso lle engadimos que imos mobilizar terreos do polígono do Reboredo, e que temos adxudicado xa un plan especial para a ampliación deste polígono onde conseguimos que a terceira farmacéutica de España se instale en Monforte, son éxitos sen precedentes. Porque non estamos falando dunha empresa calquera, estamos falando dunha empresa tecnolóxica que produce medicamentos dunha alta cualificación cun investimento importante, a primeira fase van ser 32 millóns de euros, pero no desenvolvemento de todo o proxecto son máis de 60, e 100 postos de traballo de alta cualificación. A inmensa maioría da plantilla serán químicos, farmacéuticos, informáticos, administración, loxística,…

“As cifras falan por si soas”

Sigo na procura desa parte máis complicada do ano, sacar adiante a RPT ou as diferenzas co servizo do SAF?

O SAF é unha manipulación. Nós non temos ningunha relación laboral cos traballadores do SAF. O SAF é un servizo que privatizou o BNG cando gobernaba no mandato do 2003 ó 2007 e desde entón está privatizado, polo que a relación destas traballadoras é coa empresa que está contratada e é de aplicación o convenio colectivo coa patronal galega, polo tanto nós aí temos a mesma relación laboral que co persoal de Aqualia ou o de FCC que teñen os seus propios convenios. O que pasa é que hai xente que agora di que volvamos a remunicipalizar. Se fora así esas traballadoras non poden pasar ao concello directamente que está prohibido por lei. Habería que facer un proceso selectivo, non podemos converter en funcionarios a alguén que está nunha empresa e vén para o concello, non o permitiría intervención nin secretaría. É unha manipulación dun sindicato que din “a ver se sacamos algo”, pero iso non é así.

O compromiso é que desde que nós estamos gobernando, desde que son alcalde, duplicamos o gasto en SAF, cando nós chegamos roldaba os 800.000€, para o 23 vai 1.725.000€, máis do dobre. Este ano concretamente partiamos de 1.400.000, 325.000 euros máis, as cifras falan por si soas.

E a RPT? Ter solucionado iso debe ser moi importante para unha administración local?

Aquí as relacións laborais foron, que eu saiba, bastante ben, pero tamén é verdade que desde fai 40 anos tiña que haber unha RPT e ninguén a fixo. Desde que hai obriga de facelas, desde os anos 80, gobernou CG, PP, BNG e ninguén se atreveu a facela porque hai que atreverse. Todo o mundo opinaba da zona C, pero había que executar o traballo.

No primeiro mandato non ía plantexar a RPT porque non ma aprobaban; isto xa o teño dito, gobernaba en minoría e cada cousa que levaba, cousa que me tumbaban, polo que adquirín o compromiso de que cando tivera a maioría absoluta a faría. Aí está, fixémola.

Casa Consistorial Monforte / Concello de Monforte

A RPT tamén confunde, non é para as/os traballadores, a relación de postos de traballo é para a empresa,… que perfil de traballadores precisa a empresa, se mañá vén outro e cre que ten que ser doutra maneira terá que modificar. Fíxose de tal xeito que ninguén sae prexudicado, o 90% sae beneficiado. Había discriminacións moi importantes, había técnicos que estando na mesma categoría profesional cobraban máis que outros, corriximos iso.

Igual que pasou co regulamento do Conservatorio Municipal, tamén moito rebumbio para facer política a conta do alcalde e agora os que máis criticaron dixeron aquí en público que fora moi ben, dixo un representante sindical na negociación da RPT, “o regulamento foi bo”. Entón, por que protestaban tanto?

“Nunca tan mal estivo a situación sanitaria en Monforte”

Mellor non caer enfermo, creo que pensa a veciñanza tal e como está a sanidade en Monforte. Hai como certa indefensión, que se pode facer desde o concello?

O que hai que facer é o que fixemos xa en varias ocasións. No último pleno levamos unha moción para pedirlle á Xunta que cubrira os postos vacantes, sobre todo de médicos en atención primaria. Hai poucos días un familiar meu pediu vez e danlle para case tres semanas despois. En atención primaria, non pode ser que che den cita para máis dunha semana, porque ou xa curaches ou podes ter un problema máis grave. É certo que estamos no peor momento nese sentido, nunca tan mal estivo a situación sanitaria en Monforte. Agora mesmo temos un ambulatorio cunha plantilla de 12 médicos e un día había 4, agora creo que 7, faltan 5. Houbo algún venres que houbo dous, ese descontrol evidencia como está a sanidade en Galicia. E no Hospital hai varias especialidades onde faltan especialistas, iso non é boa calidade asistencial, nin tes un médico teu de referencia. O médico ao que lle contas as cousas, no que confías, que te coñece e xa sabe de que pé coxeas, pois iso non o temos.

E que máis armas ten un concello para defender iso?

Convocamos o Consello Municipal de Saúde e houbo acordo unánime para enviarlle unha carta á Consellería onde se solicita a cobertura de médicos de atención primaria e as especialidades do hospital que hai que cubrir. Tamén pedimos cubrir o posto de médico psiquiatra do centro de drogodependencias, que non dan surtido, son centros que xestionan os concellos  pero dependen da Xunta nestes temas e non nos dan facilitado ese persoal médico. Agora denunciamos públicamente que non temos pediatra no centro de saúde de Monforte.

Está castigando a Xunta ao concello de Monforte?

Eu creo que pensan que se non nos conceden cousas nos van achicar e o que nos fan é espabilar máis, e con menos medios facer o que estamos facendo. Iso é o que lles fastidia, sobre todo ao PP, que fagamos cousas, por iso nos queren achicar. Baixe vostede o IBI e subírono eles e agora teñen o desenvoltura de dicir que o baixe. Que facemos? Baixamos os impostos? Investimos?, as dúas cousas non son compatibles.

Entre as últimas críticas do PP están as fochancas nos aparcadoiros.

Se esa é a oposición que teñen que facer, moi ben debe de estar Monforte porque hai que andar mirando unha fochanca nun estacionamento. A min dame esa imaxe tenra dun neno que quere meter o pé no charco, non? Dáme esa imaxe. Se iso vai ser un inconvinte haberá que velo. Iso son solares alugados que co paso do tempo se lles hai que botar unha pouco zahorra, bótaselle. Hai algúns que si temos acordado cos propietarios algo e noutros como Julio Camba non temos nada acordado, había que derrubar o edificio porque caía e mentres non constrúen a propietaria deixóunolo aberto e non obrigamos a pechalo para beneficiar un pouco a todos, pero non é do concello nin está cedido para este fin, o futuro dese solar vai ser, con certa premura, construír aí.

Non deixa de ser unha enquisa, o que vale son os votos

Aínda non se pensa nas eleccións, pero en canto acabe este ano e comece o seguinte si ou non?

Ata o 3 de abril que se convoquen as eleccións non me vou poñer en modo electoral, a partir de aí si, loxicamente como todos. Haberá que presentar a candidatura, asembleas internas para elexir aos compañeiros e compañeiras que vaian na lista. Esas cousas hai que facelas, pero digamos que facer campaña pública polas rúas non. É moito máis rendible traballar para o cidadán.

Esta sondaxe que lle dá un concelleiro máis?

Oxalá sexa verdade, pero non deixa de ser unha enquisa, o que vale realmente son os votos. As enquisas marcan tendencia, non din que iso vaia ser así, a tendencia non é baixar é subir e iso é unha boa cousa. Quero agradecer aos monfortinos e monfortinas que participaron na enquisa que pensen así. Oxalá o resto de Monforte pense igual porque iso significaría que o que estamos facendo é bo para Monforte e a xente percíbeo,… e algo debe ser porque a Monforte cambioulle a faciana, desde que chegamos nós nos últimos 7 anos, as rúas de Monforte están todas arranxadas, igual queda algunha,…o paso a nivel da Florida era un patacal, Calvo Sotelo un bacheo permanente,…iso pasou á historia. Todas as rúas están ben, ben pintadas, non hai fochancas, cambiou a fisionomía de Monforte, no alumeado, nos parques, cambiou todo.

A supresión dos pasos a nivel de Río Seco e obras na contorna da vía, como están?

Iso está para facerse o que pasa é que houbo un problema. Ao pasar a pandemia disparáronse os prezos, o proxecto que había de 6 millóns de euros houbo que reformulalo por estas subidas do 20%, Adif someteu o proxecto a revisión polo tema dos prezos, iso leva consigo todo o circuíto outra vez, igual leva máis dun ano facer todo iso, agora creo que está outra vez para volver licitarse cara a primavera. Pero iso vai adiante, quitar os dous pasos a nivel, o de Juan Montes onde se vai facer un paso inferior cunha rúa nova desde o Morín ata o cabo da vía onde haberá unha rotonda que bifurque cara Juan Montes e cara Río Seco cunha ponte sobre o río e na outra marxe haberá unha rúa nova que vai unir a rolda con Juan Montes, todo pola marxe esquerda da vía, vanse crear 5 rúas novas aquí. Entón aquí tamén se vai cambiar totalmente a fisionomía da zona e vai permitir que todas esas bolsas de solo que había aí e que agora mesmo non valen para edificar, agora fincas que so valían para horta poderían pasar a ser solares e iso é un cambio fundamental para toda a zona da estación.

Monforte parece contenta co alcalde, que lle deu á veciñanza?

Temos unha cidade limpa, déronnos un premio o ano pasado por iso, dimo moita xente que ven de fóra, de Barcelona e Madrid, sobre de todo no verán,  e ven que está máis limpo Monforte que as cidades de onde veñen. Ademais, este ano temos un alumeado precioso de Nadal para culminar o fin deste ano postcovid.

Acendido oficial iluminación de Nadal 2022 en Monforte. Foto: Prensa Concello.

Como Abel Caballero?

Comparativamente mellor, Vigo ten 11 millóns de luces led e en Monforte temos 900.000 este Nadal; proporcionalmente, nós temos máis luces por habitante, 48 fronte a 37. Ademais, temos en 67 rúas da cidade alomenos algún arco, mentres que Vigo ten todo concentrado no centro, evidentemente aí ten moita forza, pero o resto de Vigo? Toda a cidade de Monforte agora ten espírito navideño e antes só se facía no centro. Isto fixémolo nós e coas Festas Patronais igual, antes onde había alumeado das Festas?

Haberá un proxecto singular que poden ser 5 millóns de euros

Independentemente das eleccións que vai pasar en Monforte o ano que vén?

Cousas interesantes que non se van rematar no ano que vén, pero si se van plantear, cousas moi relevantes. Posiblemente arranque o tema da ponte do Malecón porque se publicará o Plan Hidrolóxico e poderemos solicitar permisos, iso está no disparadeiro de saída e haberá algunha obra máis de urbanización parecida á que fixemos, haberá actuacións importantes no polígono a través dese plan que fixemos, seguiremos con obras relevantes no casco urbano para completar e mellorar a trama urbana das rúas e haberá un proxecto singular, que poden ser 5 millóns de euros tranquilamente só nesa actuación.

ÚLTIMAS

‘Volta ao xogo’: o novo single dos chantadinos TIAM Gz

Tras dous anos sen sacar temas, neste 2024 a banda de Chantada TIAM Gz...

Curso de ‘alquimia herbal’ en Torbeo, Ribas de Sil

Os e as amantes das plantas, e do seu poder medicinal, teñen a vindeira...

Rebaixan a pena dun veciño de Monforte condenado por violación

A sección segunda da Audiencia Provincial de Lugo rebaixou, en aplicación da lei do...

O IES Río Cabe no centro da cultura financieira

Durante a xornada contouse coa visita da directora xeral de Ordenación e Innovación educativa,...