InicioEn profundidade“Teño que agradecerlle moito á miña nai porque me abriu moitas portas”,...

“Teño que agradecerlle moito á miña nai porque me abriu moitas portas”, Eduardo Iglesias, emprendedor

Hai dezaoito anos que empezou no negocio da venda de roupa en Monforte e dende os inicios sempre “arroupado” pola súa nai Menchu, unha referencia no sector ata que se xubilou. En momentos difíciles para o comercio local, Eduardo conta na actualidade con 5 tendas e 7 persoas empregadas. Falamos con el.

Publicado o

- Advertisement -

Eduardo Iglesias é un monfortino que entrou no negocio da venda de roupa por influencia da súa nai, Menchu, con tenda de moda na Rúa Manuel Hermida Balado durante 35 anos. Como el mesmo afirma, “a tradición do mundo da roupa venme por ela”. Antes de traspasar o negocio por xubilación, nai e fillo levaron en paralelo durante un tempo negocios de moda, empezando daquela Eduardo con DobleM e EME. Xubilada Menchu, traspasou o negocio e seguiu o seu fillo quen na actualidade suma xa 18 anos no sector.

“Empecei con DobleM na rúa Comercio, a poucos metros de onde está agora, diante do Centro do Viño da Ribeira Sacra, ampliei a tenda de EME na Rúa Cardenal e tempo despois abrín The Closet tamén na Rúa Comercio. Máis tarde levei a Chantada as marcas The Closet (2020) e DobleM (durante a pandemia) e dende hai uns anos tamén movemos venda online”, cóntanos Eduardo.

Preguntámoslle ao noso entrevistado pola influencia de súa nai, o que lle puido transmitir tras tantos anos de experiencia de cara ao público e levando unha tenda. “Teño que agradecerlle moito á miña nai porque me abriu sempre moitos camiños e moitas portas. Aínda que eu non tiña moita presenza na súa tenda é verdade que me quedei con moitas cousas, cousas que pensei que non valerían e ao final si que estaban aí…”, comenta. Entrando máis no detalle explica tamén que “dela quedeime, por exemplo, co tema da organización da tenda, a contabilidade que é moi importante para o comercio, o trato con provedores, etc. Ensinoume moito e cando coincidimos en activo os dous acompañábame a ver coleccións e tomabamos decisións en común. Cando se xubilou seguía vindo comigo a ver coleccións e aportándome moito pero dende hai uns anos xa está máis ao marxe aínda que de cando en vez me aconselle”.

Como curiosidade sabemos tamén que a marca DobleM é unha homenaxe a ela, o ‘M’ vén da primeira letra de Menchu.

Fachada de DobleM na Rúa Comercio de Monforte / XdL

“Teño que agradecerlle moito á miña nai porque me abriu sempre moitos camiños e moitas portas

SUPERVIVENCIA DO COMERCIO LOCAL

Outra pregunta é obrigada. Queremos saber como fai para ‘tirar adiante’ todos os comercios que ten abertos nun momento actual de crise do comercio local por mor da irrupción no mercado das grandes plataformas de venda online. Eduardo recoñece que “os tempos cambiaron moito e eu non era moi partidario das novas tecnoloxías pero o final non queda outro remedio que adaptarte. Dende as redes sociais ata a venda online”.

Neste senso, sabemos que dende hai uns anos está apostando pola venda online, “aínda que hai moita competencia estamos aí tanto coa propia tenda online como nos marketplace que ao final, aínda que non queiramos estar, hai que estar… ou vas co mundo, ou remar en contra é imposible”, afirma este emprendedor monfortino.

“… ou vas co mundo, ou remar en contra é imposible”

Actualmente a venda por internet represéntalle un 15% na facturación, “pouquiño, pero vai medrando”, di Eduardo.

Rematamos a conversa con Eduardo facéndolle cinco preguntas breves.

Que pos en valor do comercio local?

A atención personalizada, o consello dun profesional nese momento que che recomende, que sabe como se talla… A min para mercar cousas de tendas de roupa prefiro persoalmente a atención personalizada, pero despois cadaquén ten os motivos que ten para mercar por internet. Hai xente que non quere perder tempo indo á tenda, por exemplo.

Axúdache nas vendas a sona como piloto do Rally París-Dakar?

É difícil de ver ou saber pero pode que unha cousa leve á outra. No Dakar levo tamén a miña propia publicidade. Pode ser tamén que a xente se lembre da tenda máis por ti, ou xente á que lle gustan as motos veña mercar e de paso falamos de motos, do rally…

Eduardo Iglesias en DobleM / XdL

O tirón da Ribeira Sacra nótase tamén nas tendas?

Nótase o paso de xente e vémolo na Oficina de Turismo que temos diante, pero a nós, como tenda de roupa, non nos representa moito, a verdade. Vense máis turistas comparado con outros anos pero no nivel de vendas noso tradúcese nunha cantidade moi simbólica.

Os nosos bos clientes son outros turistas, os turistas que son retornados, que veñen cada ano porque teñen ou tiveron familia aquí. Teño moitos clientes que me veñen ver cada ano para saudarme, a felicitarme polo Dakar e de paso mercan algo.

“Os nosos bos clientes son outros turistas, os turistas que son retornados, que veñen cada ano porque teñen ou tiveron familia aquí”

Podes contarnos algunha anécdota en relación aos clientes?

A través do Dakar, xente que chegou á tenda para coñecerme. Deses casos, por exemplo, o dun portugués que o ano pasado apareceu por aquí, dixo que me seguía e tal, estaba pola zona, escribiume e acabou mercando algo.

Nótase nas compras o Nadal?

O Nadal é unha campaña moi boa para nós, esperamos que se manteña, que se mova a xente por Monforte, que saian tomar algo, pasear e mercar.

ÚLTIMAS

Fin de semana de Fam Trip na Ruta do Viño da Ribeira Sacra

A Ruta do Viño da Ribeira Sacra celebra do 24 ao 26 de maio...

O alcalde de Bóveda na creacion da Comisión de Políticas de Auga, Medio Ambiente e Economía Circular

O alcalde de Bóveda, José Manuel Arias, participou recentemente en Madrid na reunión da...

Fotografías gañadoras do Certame ‘Fotoxénica Mente VII’ da Asoc. Albores

Xa se coñecer os gañadores e a gañadora do Certame de Fotografía "Fotoxénica Mente"...

Estudantes de Monforte e Vigo álzanse con tres premios da competición educativa Young Business Talents

Dous equipos de alumnado do IES San Tomé de Freixeiro (Vigo) e un grupo...