InicioEn profundidadeO programa da XLIII Feira do Viño de Amandi ao detalle

O programa da XLIII Feira do Viño de Amandi ao detalle

Este venres comeza en Sober unha nova edición desta cita vitivinícola que contará con algunhas novidades, 23 adegas, moita música e ‘Touriñán’ como pregoeiro.

Publicado o

- Advertisement -

Empezaremos polas novidades. Se xa antes non había moitas escusas para non achegarse á Feira do Viño de Amandi, este ano haberá menos porque o concello poñerá un servizo de autobuses o sábado 1 de abril entre Monforte e Sober. O servizo é de balde, con horarios de saída no Bar Cristal de Monforte ás 19:00 e ás 21:00 h.; e horarios de volta dende Sober –Rotonda do viticultor– ás 00:00 e ás 2:00 h.  E por se iso fose pouco, entre os usuarios e usuarias farase un sorteo, co cal haberá premios.

Outras novidades son que haberá wifi en todo o recinto, baños portátiles próximos ao recinto feiral e TPV na maioría de adegas para facilitar os pagos con tarxeta.

Unha xigantesca carpa, como en edicións anteriores, cubrirá o recinto feiral e protexerá da choiva se esta fixese acto de presenza.

Unha das adegas presentes (foto arquivo). XMF

PROGRAMA XLIII FEIRA DO VIÑO DE AMANDI

23 adegas terán presenza na edición deste ano nun programa de actos que comeza xa este 31 de marzo ás 20:00 h. coa inauguración a cargo da Adega Frieira, de Vilachá de Doade. Este acto faise na lembranza do colleiteiro Ramón Fernández Fernández.

A partir dese momento, música a cargo dun grupo tradicional e a Charanga Festicultores Troupe.

Para o 1 de abril está prevista a apertura de postos ás 11:00 h. e ás 12:00 a actuación do Grupo de música tradicional Rechouchíos de Taboada. E no que respecta á tarde, ás 17:00 h. será a ‘Precata Oficial’ e ás 18:30 h. actuará no recinto a Banda de Música de Sober.

Actuación da Banda de Música de Sober (arquivo). Foto: XMF

Á noitiña, comezará a festa rachada ás 2000 h. coa Charanga Louband de Sarria e ás 23:00 h. os Gin Toni’s encargaranse de poñer o resto para que o ambiente festeiro non pare de subir ata a madrugada.

A completa xornada do domingo 2 de abril, peche da feira, comezará coa actuación da Charanga NBA ás 10:45 h. e algo máis tarde un pasarrúas da Banda de Música de Sober.

A Cata Final Oficial será ás 11:30 h. e ás 11:30 a Misa Solemne na que se bendicirán os Ramos na Igrexa de Sober.

Ás 12:00 h. terá lugar a recepción de autoridades na Casa do Concello e ás 13:00 h. o pregón a cargo de Xosé A. Touriñán. Despois da súa intervención darase conta e entregaranse os premios da cata.

Xa pola tarde, actuación da Charanga NBA a partir das 17:30 h. e peche da orquestra La Oca Band a partires das 19:30 h.

QUIROGA, CONCELLO CONVIDADO

O convidado deste ano é o Concello de Quiroga, concello que destaca polo seu aceite, mel e sobretodo viño, sendo o territorio con máis extensión produtiva da Ribeira Sacra. Forma parte do Xeoparque Mundial Montañas do Courel e da Reserva da Biosfera Ribeira Sacra e Montes do Oribio e O Courel.

Este concello celebrará a súa Feira do Viño os días 8 e 9 de abril cun amplo programa de actividades e a presenza, por segundo ano, de adegas profesionais.

ÚLTIMAS

O IES Daviña Rey e o CEIP Plurilingüe Monte Baliño contarán con Clubs de Lectura nas Bibliotecas

Un total de 431 centros escolares, 53 deles de nova incorporación como serán o...

Axudas para a reestruturación e reconversión das viñas

No DOGA do 26 de marzo publicouse a Orde da Consellería do Medio Rural...

6 empresas locais constrúen novas naves no Polígono dos Acivros, en Chantada

O alcalde de Chantada, Manuel Lorenzo Varela, vén de visitar o Polígono dos Acivros...

A Deputación urxe á Xunta a acometer o desdobramento da totalidade do corredor Nadela-Monforte

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, evidenciou a necesidade de completar...