InicioEn profundidadeDiario de inspiración: Da roda á nave espacial, proxectando a museoloxía social,...

Diario de inspiración: Da roda á nave espacial, proxectando a museoloxía social, conscientes de que non se escolle a opción máis fácil

Todos os proxectos que desenvolve a área de Cultura da Vicepresidencia da Deputación de Lugo a través da Rede Museística Provincial seguen ese camiño de ir paso a paso, do micro ao macro, de furgar nos detalles pasados e presentes para mirar con novos ollos o futuro. É un traballo de paciencia, de convicción e de ilusión. Unha tarefa compartida porque se fai con, por e para as persoas. Por iso os proxectos non rematan, diversifícanse. Por iso os museos palpitan, teñen vida e ademais de ser patrimonio, cultura ou historia, son vivencias, experiencias e sentimento.

Publicado o

POR
Ana Belén Fdez.
- Advertisement -

En cada visita aos museos da Rede Museística Provincial de Lugo (RMPL) para participar das actividades que organiza, adoito tirar unha morea de fotografías. Tempo despois cando me poño a escribir sobre esas experiencias vividas e compartidas nos museos repaso as fotografías.

Sempre me sorprenden as mesmas cousas, as caras de ledicia, implicación e interese das persoas participantes e a cantidade de propostas que se chegan a desenvolver en cada un deses 4 museos que constitúen a Rede (Museo Provincial de Lugo, Museo Provincial do Mar de San Cibrao, Museo Pazo de Tor en Monforte de Lemos e Museo Fortaleza de San Paio de Narla en Friol).

Esas propostas son diversas, pero sempre teñen as mesmas raíces ou piares que sosteñen todo: a cultura é un dereito, o valor educativo da Rede, a sustentabilidade e diversidade asociadas aos museos, contar as historias soterradas, implicarse e implicar á cidadanía e expandirse. Proxectarse máis alá dos propios museos, rachar muros e medrar. E as redes séguense tecendo cada día e ampliando, de modo que cada proxecto que nace é un ser vivo ao que se alimenta para que continúe medrando e se transforme.

Os proxectos non rematan, diversifícanse, por iso os museos palpitan

Todos os proxectos que desenvolve a área de Cultura da Vicepresidencia da Deputación de Lugo a través da Rede Museística Provincial seguen ese camiño de ir paso a paso, do micro ao macro, de furgar nos detalles pasados e presentes para mirar con novos ollos o futuro. É un traballo de paciencia, de convicción e de ilusión. Unha tarefa compartida porque se fai con, por e para as persoas. Por iso os proxectos non rematan, diversifícanse. Por iso os museos palpitan, teñen vida e ademais de ser patrimonio, cultura ou historia, son vivencias, experiencias e sentimento.

Katula na súa casa de Viveiro /ABF

As fotografías feitas en setembro amósanme a Katula, unha muller da costa, rexia e optimista, aos seus noventa e moitos conforme coa vida vivida e que segue loitando. Agora para recuperar a memoria do seu home que durante anos xestionou unha das conserveiras máis importantes da Mariña e desde a RMPL recóllese o seu relato. “Conservar e significar as súas voces é a oportunidade de crear o noso propio camiño”, recollía a RMPL nas súas redes sociais.

E ponse a andar o proxecto Conserva de Memori(as). Esa lingua dentro da lata reflexa tantas cousas: a oralidade, recuperar e conservar a lingua. E recordos, o poder facer exercicios de memoria e de relacionamento.

Conserva de Memori(as) é así unha prolongación, unha continuidade, un paso máis, despois doutros programas de conservación da memoria como Amar a mar,  Maruxas e Maruxainas… ou o Álbum de Memoria Compartida, programa histórico que naceu en Tor, da man de Memoria do Pan, ou daquela experiencia na que nenos e nenas da Ribeira Sacra que non tiñan avós, adoptaban avós con alzheimer en estadío 1 e os avós adoptaban ás netas. @s nen@s eran titoras/es d@ maior.

Álbum de Memoria Compartida é dar luz ás persoas maiores e ós seus recordos, é compartir e datar os momentos que non están baleiros, é poñer o foco no alzheimer, na demencia, no paso inexorable do tempo que non queremos que condene ao abandono e o olvido. Nós que aínda podemos recordar.

Que pasa? Que podemos facer? Fagámolo

E a RMPL visibilizou días saíndo á rúa, abrindo portas e xanelas e relacionándose coa comunidade. Arredor do 21 de setembro, Día Mundial do Alzheimer, convertiu aos museos en centros de memoria que apoian a coidadores e persoas afectadas.

E foise mergullando na museoloxía social, ese corazón que late sempre e que é de todas e todos nós. E esa porcentaxe que lle dá valor a unha poboación avellentada 278,81% de Sabedoría. Porque, que son as nosas persoas maiores? Máis que sabedoría de vidas xa vividas e aínda así como sociedade dámoslles as costas. Basta con lembrarnos da pandemia. Pero desde a Rede Museística Provincial saben que poden facer algo máis e fano. Conscientes da soidade chaman ás persoas para acompañalas ou escríbenlles postais personalizadas para que resposten.

Ao redor do Día Mundial da Saúde Mental (10 de outubro) celebráronse Encontros na Rede sobre Emprego e Saúde Mental, “Empregar sen prexuizos, Creando oportunidades”. Esta foi a acción resultado dun procedemento de traballo. Que pasa? Que podemos facer? Fagámolo. Que podemos facer ante a enfermidade mental? Fagámolo desde o mundo laboral. Porque a igualdade de dereitos e oportunidades ten que ser máis que literatura, debemos querer que sexan máis que palabras escritas ou vontades de fume.

“Empregar sen prexuizos, Creando oportunidade” no Museo Provincial de Lugo / RMPL

Seguiuse co 12 de outubro, Día mundial da Visión e xa foron 13 anos de “Fotografía a cegas”, 13 anos presentando en exposición o resultado dos talleres de fotografía para cegos nos que as imaxes acompáñanse do contexto como apoio e estímulo ao impulso, fotografía creativa desde unha experiencia sensorial. “Olladas Sensibles” foi o título da edición 2023 e esa mirada sensible faise necesaria para conseguir esa igualdade. “Reivindicamos proxectos de continuidade que serven para a vida das persoas. A RMPL adaptou os postos de traballo para incorporar a persoas con discapacidade nunha aposta da área de Cultura da Vicepresidencia da Deputación de Lugo por traballar a inclusión e a accesibilidade”, lembra Encarna Largo, a xerente da RMPL. A acción consecuencia de que pasa? Que podemos facer? Fagámolo.

Museoloxía social, poñendo no centro ás persoas

E chegouse a Mulleres das/nas Aldeas, proxecto que toma vida en San Paio de Narla para visibilizar o 15 de outubro, Día internacional das Mulleres Rurais. Queríase traballar o concepto de aldea fronte ao rural e reivindicar o orgullo de ser das aldeas e a diversidade destas mulleres. Gandeiras, labregas, traballadoras da cultura, mestras, activistas do mundo das asociacions, políticas, artesás, artistas, xornalistas, nais e fillas, mozas e avoas, mulleres con discapacidade,… xuntáronse en Narla para intercambiar experiencias sobre as mulleres nas/das aldeas.

Mulleres das/nas Aldeas / ABF

A área de Cultura da Vicepersidencia a través da Rede Museística Provincial plantouse no territorio con todas estas mulleres e sacou a cámara para recoller as súas inquedanzas. Porque como diría Encarna Lago, “Non é o mesmo ser unha muller da cidade con todas as súas circunstancias que ser unha muller da aldea,…discriminada, lesbiana, migrante ou con algunha discapacidade”. Non é o mesmo ser unha muller que na aldea está circunstancialmente a unha muller da aldea.

E as mulleres das aldeas e os homes, seus fillos e fillas e seus maiores viven realidades máis difíciles, lonxe da imaxe bucólica da natureza e a paz. Pero tamén se mira para outro lado, as administración e todos como sociedade, porque vemos o que queremos ver.

Memoria e Terra fotografía / ABF

As mulleres en Narla falaron da necesidade de comunicacións para poder moverse en liberdade, o transporte, a conectividade de internet, as limitacións nos servizos eléctricos, os problemas de conciliación e o difícil que é educar e/ou coidar neste contexto.  E estas mulleres mesturáronse con Recolectoras: Memoria e Terra. Presentáronselles os catálogos Soterradas e Memoria e Terra e recibiron as obras de arte feitas durante o proxecto Memoria e Terra. As imaxes deste encontro en Narla son fermosas e alégrame especialmente ver á miña nai entre todas elas para contar tamén a súa experiencia de nena e moza da aldea, que percorría quilómetros de noite coa súa irmá e seu pai á luz do candil para coller o autobús que as levaría cada semana a estudar na vila.

Elena Pardo Reguera bonecas / ABF

Co proxecto Mulleres das/nas Aldeas, a RMPL tamén recuperou o legado de Elena Pardo Reguera e a súa colección de bonecas de mediados do século pasado. Esas pezas entrañables feitas con medias que representan escenas e costumes do momento e que agora visten unha nova exposición en San Paio de Narla.

Museos que serven para a vida

Desde que comecei con Katula ata aquí, todo foi recoller e investigar, difundir e conservar o patrimonio humano “e para iso están os museos sociais, museos que serven para a vida”, diría Encarna Lago. Iso é a museloxía social, poñer ás persoas no centro. E chegamos ao Museo Pazo de Tor que o 13 de novembro acollía unha xornada formativa titulada, Avaliar para ser sostibles. Que museos queremos conseguir tendo como base a museoloxía social? E por segundo ano desenvolvía este tipo de proposta destinadas a persoas vinculadas ao ámbito museístico e a outros contextos culturais e de ámbitos próximos, como a mediación social ou a educación, entre outros. Nestes dous anos máis de 700 persoas compartiron esta actividade que ten unha grande repercusión en Iberoamérica que participa online nestes encontros.

Foro Avaliar para ser sostibles / ABF

Este tipo de actividades seguen consolidando ao Museo Pazo de Tor como epicentro mundial da museoloxía social, despois de que o MINOM (Movemento Internacional para a nova Museoloxía) lle doara o arquivo de todo o que supón a museoloxía social a nivel mundial.

A nivel programático, a Rede Museística Provincial de Lugo, viña de desenvolver unha morea de propostas que tiñan que ver con desigualdades de clase e ciclos de vida e agora tocaba analizar se eses proxectos estaban acadando o impacto para o que se fixeran. Tentar mellorar día a día e ecoan ideas, “Conseguimos que as persoas con discapacidade traballen, traballamos coa comunidade emigrante, coas mulleres rurais,… todos os eixos das desigualdades de modo transversal. A museoloxía social é un camiño, un proceso, e queremos saber se o estamos facendo ben”.

Proxección exterior da Rede. Como se chega da roda ás naves espaciais?

Acádanse obxectivos e aí párase? Non, tentouse seguir mellorando e o mesmo fai a RMPL. Avaliarse constantemente para ver como seguir avanzando levando sempre como bandeira a museoloxía social e xa son 25 anos.

25 anos de xestión da RMPL que se proxectan cara o exterior e a Rede educa en museoloxía social fóra dos propios museos. E na península, Europa e iberoamérica reclámase a súa presenza como exemplo de boas prácticas e referencia na museoloxía social.

Nesta tarefa de visibilización, o traballo social da Rede proxéctase neste final de ano comezos do 2024 no “III Encuentro Patrimonio de Proximidad. Red Actívate”, organizado polo Instituto Andaluz do Patrimonio Histórico (IAPH) en Sevilla; na USC participando en “Enrédate na Cultura”; abordando “Sustentabilidade e Bem-Estar” no V Encontro Museus do Médio Tejo en Portugal; asistindo ás Xornadas de Accesibilidade e Diverdidade na Cultura que se desenvolverán en Aljub d´Es Baluard Museu Mallorca ou co Museu de Menorca participando en “Sola no puedes con museos sí”, para compartir iniciativas de accesibilidade, inclusión e igualdade. O obxectivo definir como tecer redes de dereitos.

Presentación Historias Soterradas: Ronsel de Futuro na Casa Museo Manuel María / RMPL

A Rede ábrese así cara fóra mentres os seus proxectos seguen medrando para adquirir novas dimensións e a webserie Historias Soterradas: Ronsel de Futuro, viaxa polos concellos da provincia achegando temas de interese aos que non se adoita dar voz e a exposición temporal Historia de Futuro da que podemos gozar no Museo Pazo de Tor cambia de roupa e chegará á Terra Cha grazas ao Proxecto art for change, La Caixa, que apoia intervencións artísticas no rural.

Daquela primeira roda aos medios de transporte que temos hoxe pasou moito tempo, moitos obxectivos cumpridos, moitos erros, moitas solucións e como sociedade seguimos mirando cara o futuro cun ollo no pasado. Agora que o 2023 está a piques de rematar, agora que a pandemia xa parece non ter existido, agora que en lugar de mellorar como especie vivimos nun regueiro de conflitos bélicos e tensión social, remato este diario cun fragmento da xerente da RMPL no nº86 da Revista de Museoloxía, falando da xestión executiva dos museos: “Vivimos rodeadas de palabras secuestradas polo sistema. Fan referencia a cuestións importantísimas, pero desvirtuadas. Pasa con sostible, inclusivo, colaborativo,… Isto, que é consecuencia dunha xestión baseada no impacto e no curto prazo, alcanza tamén ao ámbito museístico. Fronte a esta fórmula hai unha alternativa: entender os museos como un espazo da comunidade, nos que as persoas -todas sen excepción- son o centro dunha estratexia con vocación de futuro.

O museo social xestiónase escoitando e sendo permeables aos cambios e demandas da sociedade, especialmente de quen sempre estivo fóra dos espazos de privilexio. Cambiando un liderado xerárquico por un modelo facilitador e mediador, que implica á comunidade. Trátase de coñecer para comprender. Comprender para respectar. Respectar para valorar. E con esta aprendizaxe, sensibilizarnos e tecer vínculos. Asumindo que, seguramente, non escollemos a opción máis fácil.”

ÚLTIMAS

Sober pon en marcha o proxecto ‘O SAF actívate’

O Concello de Sober pon en marcha o proxecto ‘O SAF actívate’ co que...

Bóveda sementa a igualdade nos equipos locais de fútbol

O Goberno local de Bóveda prosegue coa campaña ‘Sementando igualdade’, que esta vez chegará...

Reestablécese o subministro de auga nas parroquias de Monforte

A avaría, que tivo lugar o pasado día 26 de febreiro, provocou unha falta...

O PP de Monforte acusa a Tomé “de tapar os problemas de abastecemento con bombas de fume como a supresión dos pasos a nivel”

A voceira do PP de Monforte, Katy Varela, tras ver como que as parroquias...