HomeEn profundidadePau Fierro: “O coaching escolle sempre a visión da situación que te...

Pau Fierro: “O coaching escolle sempre a visión da situación que te afasta do conflito”

Despois de anos dedicados cento por cento ao mundo audiovisual, Paulino emprende no 2023 un camiño paralelo cun proxecto de benestar emocional e físico ao que chega “por circunstancias vitais” que o levaron a unha “busca espiritual”.

Publicado o

POR
XMF
- Advertisement -

Paulino, despois de anos dedicados ao mundo da comunicación e a produción audiovisual, emprendeu unha vía paralela para dedicarlle tempo da súa vida a axudar aos demais. Sabemos, despois de falar con el, que este instinto sempre formou parte da súa personalidade, mais foi nestes últimos anos cando varias circunstancias o levaron a enfocar esa axuda emocional a través dun proxecto profesional. Dende finais do 2023 ofrece servizos de coaching en Monforte e confesa estar moi contento coa decisión tomada e coa chegada á súa consulta dos primeiros usuarios e usuarias.

Despois de pasar por Madrid, onde empezou Socioloxía alá polo 1990, e onde encamiñou a súa vida cara o eido audiovisual, Paulino Cadórniga volveu a Monforte no 1998. “Chegoume o tempo de cidade e decidín volver a Monforte”, comenta.

Do 1998 ao 2004 traballou en A Sete TV de Monforte, e no 2005 embarcábase con Ana Belén Fernández nun proxecto de produción audiovisual e comunicación. Nacía Némesis Audiovisual, empresa pioneira neste eido no sur de Lugo.

ABRINDO NOVOS CAMIÑOS

Tras moitos anos centrado no mundo audiovisual, Paulino emprende no 2023 un camiño paralelo cun proxecto de benestar emocional e físico ao que chega “por circunstancias vitais” que o levaron a unha “busca espiritual”.

“O meu camiño espiritual agora vexo claramente que empezou cando morreu meu pai, cando tiña 12 anos, e aí todo cambiou radicalmente. Logo fun vivindo outras perdas moi próximas a min e no 2012 iníciome en Reiki coa miña parella. No 2017, con 46 anos, síntome perdido e entendo que tal como estou xestionando a miña vida non vou ben”, explica Paulino para poñernos en antecedentes con circunstancias que o foron levando a buscar solucións a conflitos internos.

Nesa busca espiritual chega a Barcelona, onde despois de coñecer algunhas terapias alternativas di atopar “por primeira vez a verdadeira paz, que dura moi pouco pero que me sirve para confirmar por onde teño que seguir”. A partir desta experiencia, interésase activamente polo tema. Le, estudia, e sobre todo practica a espiritualidade e iníciase noutras actividades como, por exemplo, o Kriya Ioga –un ioga de meditación de Paramahansa Iogananda que practica cada día polas mañás–. Neste proceso de ‘autocoñecemento e busca da paz interior’, que coincide coa chegada á súa vida dunha persoa moi especial para el, recibe un revés importante. Con esta experiencia queda moi tocado. “Perdín interese por todo e entrei nunha tristura total”, confesa Paulino.

Ante esta situación, bota man de terapias xa coñecidas por el como o Reiki, e doutras novas como o ‘Código da emoción’ ou o ‘Coaching’ que lle axudaron a coller osíxeno. “Empecei a darme conta de que todas estas experiencias vividas, lonxe de ser negativas, eran realmente un trampolín necesario para chegar a este punto, e pasei da tristura ao agradecemento”, comenta.

No 2023 matricúlase no Máster Ralaya “Máster de intelixencia emocional e benestar persoal”, formación que complementa con prácticas ata obter o título que o certifica como Coach. Este máster e as prácticas convénceno de que tiña que tirar para adiante con isto e de que o instinto de axudar á xente a superar conflitos podía coller forma a través dunha consulta profesional.

“Todo o que pasa é para algo, e é necesario e perfecto tal e como é, as perdas, as rupturas, a tristura…”, confesa Paulino dando a entender que todo o que acontece nas nosas vidas ten un sentido, un significado máis aló do que podemos ver de inicio, fortalécenos e vainos levando cara o noso propósito de vida.

“Todo o que pasa é para algo, e é necesario e perfecto tal e como é, as perdas, as rupturas, a tristura…”

FORMACIÓN E EXERCICIO PROFESIONAL

Chegado ese momento revelador, Paulino non o dubida e abre unha vía paralela na súa vida. Ao rematar o “Máster de intelixencia emocional e benestar persoal” decide ofrecer os seus servizos como Pau Fierro –apelido paterno–, dende unha Consulta de terapia alternativa holística que abriu as súas portas en Monforte en outubro de 2023.

Paulino Cadórniga, “Pau Fierro” neste proxecto de benestar emocional e físico. Foto: P.F.

Sen deixar, polo de agora, a súa dedicación profesional na produción e comunicación audiovisual, abre así un proxecto paralelo a través do cal poder axudar á xente na busca da paz interior e do benestar físico e emocional.

No que respecta á formación, este 2024 certificarase na terapia de ‘Código da emoción’, “unha terapia moi recomendable que pode ter efectos emocionais e físicos moi positivos” –salienta Paulino–, e obterá o nivel superior –maestría– en Reiki.

Paulino ensínanos a súa consulta, cun ambiente que fuxe do serio e do formal, na que hai unha camilla na que se realizan as terapias do Código da emoción e do Reiki, e outro pequeno espazo con dúas cadeiras enfrontadas cunha mesa no medio para crear un ambiente distendido no que poder falar. “Un ambiente diferente, relaxado e de confianza onde o usuario se sinta seguro e cómodo”, dinos Paulino lembrando tamén que as súas terapias non substitúen nunca o traballo da medicina convencional senón que as complementan.

Pau Fierro nunha sesión. Foto: P.F.
Espazo para as consultas de Pau Fierro. Foto: P.F.

“Un ambiente diferente, relaxado e de confianza onde o usuario se sinta seguro e cómodo”

SAÚDE MENTAL E COACHING

Falando de saúde mental, Paulino considera que a pandemia, os desastres naturais, as guerras, etc non están axudando nada e que o aumento de estímulos informativos e a obsesión por xulgar todo o que pasa compromete a estabilidade emocional da xente. Lembra tamén unha das súas máximas, “temos o poder de elixir como afrontar toda situación…” e nese senso aconsella que máis que preguntarse “por que?”, hai que preguntarse “para que?”

“os coaches non estamos para salvar a ninguén, estamos para acompañar”

Como coach emocional, preguntámoslle polas habilidades que considera deben ter estes profesionais e enumera unhas cantas: “Debe ser alguén coa mente aberta, non debe xulgar, ten que ter unha escoita activa, traballar sempre dende a admiración e a confianza, ter empatía e sensibilidade, e acompañar”. Engade tamén dúas ideas importantes: “o coaching escolle sempre a visión da situación que te afasta do conflito”, e “os coaches non estamos para salvar a ninguén, estamos para acompañar”.

Pau Fierro e unha usuaria na súa consulta. Foto: P.F.

Para rematar preguntámoslle polos temas que, de momento, están máis presentes na súa consulta, e non o dubida: “a presión polo traballo e os problemas familiares e de parella”; e tamén nos interesamos por autores que segue, aqueles dos que máis está aprendendo. Cita a varios e as súas obras de referencia: “Un curso de Milagros”, Eckhart Tolle (“El poder del ahora”), Paramahansa Yogananda (“Autobiografía de un Yogui”), Gandhi (“Autobiografía”), Nelson Mandela (“El largo camino hacia la libertad”), John O’Donohue (“Anam Cara”) ou Neal Donald Walsch (Triloxía “Conversaciones con Dios”).

Para contactar con Pau Fierro: Rúa Real, 1 3º C. Monforte de Lemos. Tel. 607118831 / paufierrocoach@gmail.com

ÚLTIMAS

A Garda Civil investiga a un gandeiro de Chantada por suposto delito de malos tratos animais

Segundo informaron fontes da Comandancia, nunha inspección realizada por axentes da Garda Civil e...

20 persoas rematan formación no Obradoiro de Emprego de Monforte que pronto comezará unha nova edición

Os participantes no obradoiro levaron a cabo a rehabilitación e restauración das naves da...

A Vicepresidencia da Deputación ofrece 50.000€ anuais para o Matadoiro de Sarria

Na xuntanza, na que participaron o alcalde de Sarria, Claudio Garrido, a alcaldesa de...

Soños da compañía Arte Feito, este 21 de outubro no Multiusos de Monforte

Ás 20:15h terá lugar a posta en escena da obra para adultos Soños, da...