HomeEn profundidade“As catas existiron toda a vida”, Juanjo Figueroa, pregoeiro da Feira do...

“As catas existiron toda a vida”, Juanjo Figueroa, pregoeiro da Feira do Viño de Vilachá

Falamos co presidente da Asociación Galega de Sumilleres, encargado este ano de poñer en valor a xente, os viños e esta parte da Ribeira Sacra o domingo 5 de maio.

Publicado o

POR
XMF
- Advertisement -

A 31 edición da Feira do Viño de Vilachá bota a andar este venres 3 de maio e faino cunha ‘cata ambulante musical’ polo conxunto etnográfico de adegas. Na actividade participan o coñecido Suso 40 á voz e o músico e sumiller Juanjo Figueroa á guitarra. Este último, ademais, será o encargado de dar o pregón para o vindeiro domingo 5 de maio ás 13:00 h. no Palco da Festa da Abelaira.

Contactamos con Figueroa para coñecermos a súa vertente relacionada co mundo dos viños e como chega a este encontro vitivinícola de Vilachá, na Pobra do Brollón.

Cando comezou o teu interese polo viño e ese momento no que quixeches afondar máis no tema?

No 2009 abrín un bar-tapería en Vigo, ‘Lume de Carozo’. Xa me gustaba o viño pero cría que era necesario formarme máis no mundo do viño. Cando levaba varios anos aberto empecei a apuntarme a cursos de cata en Vigo e noutros lugares ata que me apuntei ao Curso de Sumilleres Profesionais do Instituto Galego do Viño. O curso foi moi interesante. Penso que foi impresionante que se montara algo así e coido que foi tamén algo que cambiou o panorama vitivinícola galego.

“Xa me gustaba o viño pero cría que era necesario formarme máis no mundo do viño”

Cando e como chegas á presidencia da Asociación Galega de Sumilleres?

Competía como sumiller xa a nivel nacional e chegou un momento, hai tres anos, que cría que había que facer cambios na entidade.

Como valoras o teu paso polo cargo neste tempo?

Impulsamos un Campionato Galego de Sumilleres, que non se estaba facendo, por exemplo… pero para min o máis importante é a directiva que formamos. Creo que é o gran valor actual, somos 20 profesionais de moito nivel e imos facer cousas moi chulas.

Juanjo Figueroa / Concello da Pobra do Brollón.

No mundo das catas, canto hai de interese e canto de ‘moda-postureo’?

Eu penso que as catas non son unha moda porque as modas son pasaxeiras e as catas existiron toda a vida. No rural sempre se probou e comparou o viño dos veciños, iso xa eran catas.

As catas sempre existiron, o que hai que cambiar é a forma de comunicalo… temos que cambiar o discurso. Hai que poñer en valor o traballo do sumiller, da persoa que conta a historia do viño e porque ese viño ten o prezo que ten… Transmitimos a verdade sen maquillar, a realidade tal e como sucede.

“Eu penso que as catas non son unha moda porque as modas son pasaxeiras e as catas existiron toda a vida”

Hai aínda moito descoñecemento do viño en Galicia?

O consumo do viño baixou e agora recuperouse un pouco, pero o pequeno crecemento é para os viños de máis baixa calidade. Penso que hai que facer medrar o consumo de viños de perfil máis alto… Penso que é un tema cultural, cuestión de comunicar. Cando explicas ben o viño, pagar é máis levadeiro.

É o viño axeitado para consumir na noite, ou só para vermús e ‘tardeos’?

O viño é para beber a calquera hora e téñoo comprobado de primeira man porque teño unha tapería e un local de concertos en Vigo. Bébese viño pola noite e de madrugada sen ningún problema.

“O viño é para beber a calquera hora”

Xa coñecías a Ribeira Sacra e tamén Vilachá?

A Ribeira Sacra xa a coñecía ben, e Vilachá coñecina por primeira vez grazas a Roberto Regal. Levoume unha vez a coñecer a zona, o conxunto etnográfico das adegas… e despois coñecín a Feira do Viño grazas a Xosé Gago. Despois de coincidir nunha cata en Monforte e coñecernos, convidoume a ir un ano, e agora de pregoeiro.

Que che parece o lugar onde se fai?

Incrible! A primeira vez que fun quedei abraiado, namorado da zona. Pensei “quero volver aquí”… e mira as cousas, volvín.

Feira do Viño de Vilachá / Concello A Pobra do Brollón

Xa tes o pregón? Por onde vai ir?

Teño máis ou menos pensado o que vou falar, pero entre hoxe e mañá que vou estar por aquí quero coñecer o sentir da xente da zona. Para min é importante que a xente se sinta representada.

O programa de actividades ao completo pode consultarse na web do Concello da Pobra do Brollón.

ÚLTIMAS

O Programa Deportivo de Verán de Monforte oferta 822 prazas

A Tenente de Alcalde de Monforte, Gloria Prada, destaca que desde o concello "fixemos...

42 persoas participan no Centro Cívico de Monforte das xornadas de formación universitaria para maiores de 50 anos

O programa de formación universitaria, que por quinta vez se celebra en Monforte con...

Sober convoca dúas bolsas culturais internacionais “Pintor de Castinandi”

O Concello de Sober convoca dúas Bolsas Culturais Internacionais ‘Pintor de Castinandi’ para o...

Roberto López, de colaborar co Bóveda Slam Poetry a publicar o seu primeiro poemario

Roberto López Veiga naceu na Coruña pero sempre estivo moi apegado a Rubián, no...