Luis Nieves foi un percusionista monfortino que viu truncada a súa proxección musical por mor dunha doenza cardíaca no 2019, cando contaba con tan só 22 anos.
Para manter viva a súa lembranza, e como homenaxe á súa paixón pola música, a súa nai, Rosa Nieves, creou a Asociación Cultural Musical ‘Luis Nieves’, entidade que organiza concertos benéficos, concede unha beca musical e dende hai dous anos convoca un concurso de bateristas coñecido como “Mister Drum”.
II MISTER DRUM
O concurso de bateristas que organiza a entidade que preside Rosa Nieves tivo lugar este pasado domingo, 15 de setembro, no salón de actos do Centro do Viño da Ribeira Sacra congregando a moitos participantes e público.
Trátase, segundo nos di Rosa, dun concurso con gran poder de atracción por “ser único en Galicia” e “ter o aliciente dos premios”. Tanto é así que ata Monforte chegaron, entre outros, músicos de cidades e vilas como Vigo, Ferrol, Cambados ou Silleda.
O certame diferencia tres categorías: xuvenil, infantil e adultos; e outórganse tres premios por cada unha delas. Así, o primeiro concursante recibe 300 €, o segundo 150, e o terceiro 75. A maiores, este ano deuse unha mochila conmemorativa aos que quedaron no 4º posto.
PREMIADOS/AS
Categoría xuvenil:
1º Isidoro Baúlo, de Cambados.
2º Xián Pena, de Vigo.
3º Manuel Vilariño, de Silleda.
4º Andrés López, do Saviñao.
Categoría infantil:
1º Angel Ariel Echevarry, de Monforte.
2º Pablo Varela, de Ferrol.
3º Sergio Blanco, de Vigo.
4º Irea González, de Monforte.
Adultos:
Esta categoría quedou deserta este ano.
MEMBROS DO XURADO
O xurado desta edición, estivo composto polas seguintes persoas: Rosa Nieves, mestre de música, Presidenta da Asociación convocante e tamén do xurado; José Luis ‘Pistón’, mestre de percusión no Conservatorio de Música de Monforte e batería da banda Doc Magoo’s; Sara Somoza, pianista e cantante; David González Borja, baterista profesional e gañador do pasado ano na categoría de baterista adulto; e Edit Nieves, grado elemental de piano e profesora de artes gráficas e deseño.
As conclusións deste grupo de avaliadores, segundo nos traslada Rosa Nieves, é que este ano houbo moito nivel e “foi especialmente difícil a decisión na categoría xuvenil onde tivemos moitas dúbidas entre o primeiro e o segundo”.
DESENVOLVEMENTO DO CONCURSO
O concurso comezaba este domingo 15 de setembro no salón de actos do Centro do Viño da Ribeira Sacra de Monforte ás 10:00 h. e remataba ás 13:00 h. tendo cada participante dous temas para interpretar. Temas de elección libre. “Pedímoslles que trouxeran dous temas escollidos por eles e con 6 minutos de tempo máximo para interpretalos”, di Rosa.
Como detalles importantes tamén cómpre sinalar que a batería básica poñíaa a organización pero despois cada baterista concursante podía poñerlle ou quitarlle o que desexara para axeitala ao seu gusto e necesidade.
Os temas interpretados foron basicamente de estilo Rock Metal.
IV BECA MUSICAL ‘LUIS NIEVES’
Ao comezo do concurso a Asociación Cultural Musical ‘Luis Nieves’ aproveitou para entregar a súa IV Beca Musical, unha bolsa de estudios que concede a entidade para contribuír a que ningún rapaz e rapaza deixe de realizar estudos musicais por falta de medios económicos.
Este ano presentáronse 6 solicitudes e a gañadora foi Valentina Brown, unha rapaza inglesa afincada en Monforte que, en palabras de Rosa Nieves, “canta e toca a guitarra estando dotada dunha moi boa voz”. Esta rapaza terá pagadas as cotas de setembro ata fin de curso na academia ICreativa de Monforte.