HomeEn profundidadeLuis Fdez. Guitián: "Fixemos fixa case ao 90% da plantilla de axuda...

Luis Fdez. Guitián: “Fixemos fixa case ao 90% da plantilla de axuda no fogar e continuamos ampliando”

“A partida máis importante do concello destínase a servizos sociais. Presumimos de ter moitos/as centenarios/as, temos 9 persoas que pasan dos 100 anos e case 200 persoas que pasan dos 90. Temos unha porcentaxe moi importante que atendemos con axuda no fogar porque son maiores que teñen os fillos fóra. Fixemos fixa case ao 90% da plantilla de axuda no fogar e continuamos ampliando”, explica o alcalde de Sober.

Publicado o

POR
Ana Belén Fernández
- Advertisement -

A Conselleira de Medio Rural, María José Gómez, presentaba esta semana en Sober as  axudas directas da Xunta para a conservación da contorna paisaxística da Ribeira Sacra. Co comezo do ano o Concello de Sober coñecía que a visita ao templo de Nosa Señora de Cadeiras permite gañar o xubileo sen viaxar a Roma e a Biblioteca Municipal recibía un novo premio María Moiner. Despois de pechar o 2024 coa Rede de Miradoiros de Sober como único espazo singular de Galicia que obtén o certificado de sostibilidade turística. Conversamos co alcalde do concello de Sober, Luis Fernández Guitián.

Como foi o 2024 para o concello de Sober?

Despois do vivido no 2020 e no 2021 todos os anos son bos aínda que sexan regulares. Vivimos unha situación que nunca nos imaxinamos, eses dous anos foron complicados a todos os niveis incluso con paralización de obras, moitas empresas deixaron de traballar e renunciaron a contratos que tiñan. A vida pegou un cambio radical e agora dáslle máis importancia á vida diaria, á saúde e á familia.

“A primeira S de Sostibilidade que ten un espazo público singular en Galicia”

A nivel do concello foi un ano positivo, seguiuse mellorando moito no tema turístico. Ribeira Sacra está nun momento doce e segue medrando e no caso de Sober segue habendo moita iniciativa privada que pon en marcha cuestións vinculadas co turismo. Desde o concello, o ano pasado conseguimos para os 10 miradoiros da Rede, ademais da Q de Calidade, a S de Sostibilidade, a primeira S de Sostibilidade que ten un espazo público singular en Galicia. Levamos xa 4 anos recibindo a Bandeira Verde de Galicia polas prácticas ambientais e as campañas de reciclaxe e de recollida selectiva.

Miradoiro de Santiorxo en Sober / Ruta do Viño RS

En obras e servizos, que deixou o 2024 en Sober?

Seguimos facendo as obras que se pode. En concellos como Sober, eminentemente rurais, con 2200 habitantes no municipio e ao redor de 300 na capital, temos repartida a maior parte da poboación en aldeas, moitas con poucos veciños e hai que levarlles os servizos, alumeado público, recollida de lixo,… Estamos ampliando as redes de abastecemento e saneamento, traballo complicado porque ás veces son lugares afastados, pero dentro das posibilidades imos ampliando esas redes co Plan Deputación ou a través de convenios con Augas de Galicia.

“Fai un par de anos comezamos a humanización dos núcleos rurais”

O ano pasado fixemos un esforzo grande en mellora de camiños. Deterióranse e necesitan mantemento, viñeron dous invernos de moita auga e tiveron bastante deterioro. Estamos facendo as novas obras máis con aglomerado en quente que con regos, fanse menos metros, pero teñen moita máis durabilidade. A Deputación Provincial acabou a estrada de Sober a Doade que para nós é a columna vertebral do concello, que comunica a maior parte das parroquias do municipio e a capitalidade coa estrada de Castro Caldelas.

Fai un par de anos comezamos a humanización dos núcleos rurais, levamos 7 ou 8 lugares aos que lles poñemos adoquín e formigón desactivado, materiais nobles que imitan as vivendas de granito. Humanizamos Francos de Proendos onde estamos cunha obra da aldea modelo, o lugar de Portizó, Ferrón en Bolmente, Rosende,… e queremos seguir humanizando os núcleos rurais.

Rematamos tamén a ampliación da gardaría, tiñamos 20 prazas e quedábasenos pequena. Cunha subvención da Consellería de Política Social ampliamos e duplicamos as prazas, pasamos a 40. Faltan uns retoques para abrir con 40 prazas no primeiro trimestre deste ano.

A cultura e a música seguen sendo protagonistas na actividade municipal de Sober?

Continuamos impulsando as actividades culturais, sempre presumimos da Escola e da Banda de Música. No 2024 fixemos obras importantes de insonorización das aulas da Escola de Música e nos equipos de son no auditorio. As dúas entidades son moi dinámicas na vida cultural de Sober.

Biblioteca Municipal de Sober / Facebook Concello de Sober

Coa Biblioteca volvemos conseguir este ano o premio María Moliner, e xa debemos levar 10 recoñecementos, o que fala da importancia e do dinamismo que ten a Biblioteca co ciclo merendas con contos ou o club de lectura. Case todos os días da semana temos unha actividade cultural chegando a xente de todas as idades,… os faladoiros dos luns, moita oferta cultural e a xente está entretida.

Reivindicar doutras administracións supramunicipais que financien máis axuda no fogar

E Sober segue sendo un concello de moita xente maior ao que engadimos a dispersión dos núcleos de poboación.

A partida máis importante do concello destínase a servizos sociais. Presumimos de ter moitos/as centenarios/as, temos 9 persoas que pasan dos 100 anos e case 200 persoas que pasan dos 90. Temos unha porcentaxe moi importante que atendemos con axuda no fogar porque son maiores que teñen os fillos fóra. Fixemos fixa case ao 90% da plantilla de axuda no fogar e continuamos ampliando a plantilla porque non nos chega. Aproveito para reivindicar doutras administracións supramunicipais que financien máis axuda no fogar porque agora mesmo é dos gastos máis elevados que ten un concello. Dannos unha cantidade que non chega para o que custa o servizo e temos que aportar fondos municipais.

Proendos xacemento hórreo romano / Delegación Territorial

Que proxectos hai para este ano que acaba de comezar?

Estamos rematando as obras do novo punto limpo, case triplicamos o que tiñamos e esperamos que no primeiro trimestre deste ano entre en funcionamento. Queremos seguir ampliando a rede de augas e de saneamento, ímolo fancendo en espiral, imos dando servizos preto das aldeas que xa teñen auga e saneamento porque require menos infraestrutura de facer depósitos novos.

Seguimos traballando moito en aforro enerxético, temos case o 90% da iluminación do concello en led, e queremos completar o pouquiño que falta neste ano. Queremos mellorar as instalacións das piscinas municipais ampliando a piscina infantil, facer unha pista de volei praia e mellorar a contorna das piscinas, que todos os veráns teñen moitísima demanda e temos que adecuar a oferta á demanda.

Que lle falta a Sober? Cales son esas cousas que ao alcalde lle gustaría ter solucionado?

O que me gustaría e ter rede municipal de auga e rede municipal de saneamento en cada un dos núcleos de poboación do concello. Son preto de 300 núcleos, algún cunha casa, dúas, tres,…son núcleos con habitantes ou que veñan na fin de semana e gustaríame levarlles todos os servizos, é moi complicado. Compramos unha bomba para poder baleirar as fosas sépticas, o concello ten un servizo para baleirar e unha persoa que ten fosa séptica e non ten servizo de saneamento, chama ao concello e ímoslla baleirar e vertémola na depuradora municipal. Tanto a estación depuradora de augas residuais como a estación potablizadora están dando servizo a unha parte importante do concello e necesitan melloras, que lle temos solicitado a Augas de Galicia, ao tempo estamos ampliando as dúas redes.

Grazas a estas ampliacións refórmanse moitas casas que se destinan a servizos turísticos e nalgunha aldea sen isto sería imposible que naceran este tipo de servizos. Así hoxe somos con diferenza o concello, por número de habitantes, que máis prazas para durmir ten na comarca, tendo en conta vivendas turísticas, apartamentos turísticos, vivendas rurais, o novo Camper Park, área de autocaravanas que está funcionando moi ben…

Abriu a vía de ferrocarril entre Monforte e Ourense, a estación de Canaval estivo pechada case tres anos e agora Adif fixo un paso soterrado que permite unir a aldea sen ter cruzar polas vías. Estamos á espera de que Adif se faga cargo do bombeo para poder abrir ese paso.

Temos avanzado o expediente para solicitar a declaración de Festa de Interese Turístico Nacional para a Feira do Viño de Amandi

Amandi / Concello de Sober

Turismo e viño son os principais motores económicos de Sober. Este ano a Feira do Viño de Amandi celebra 45 anos

Somos o concello con máis adegas, con moita diferenza, de toda a Denominación de Orixe Ribeira Sacra e a maior parte das adegas teñen servizo de enoturismo, que iso era impensable fai uns anos. Agora créanse outros novos servizos como a área de autocaravanas que foi pioneira e está funcionando moi ben ou o proxecto de cabanas no bosque encantado que espera abrir as primeiras nesta primavera.

Temos avanzado o expediente para solicitar a declaración de Festa de Interese Turístico Nacional para a Feira do Viño de Amandi, que suma este ano 45 anos celebrándose ininterrompidamente, incluso na pandemia adaptándonos á circunstancia, nun ano nun local pequeno e ao seguinte con aforo limitado. Desde 1999 é Festa de Interese Turístico de Galicia e estamos facendo agora este trámite.

Para cando os orzamentos do 2025?

Normalmente aprobámolos no ano anterior para que entren en vigor o 1 de xaneiro, nesta ocasión non foi posible. Están case rematados e ímonolos aprobar no primeiro pleno que teñamos este mes. Adianto que son sobre 3.300.000€, un pouco máis que o ano pasado, onde destaca a inversión e o gasto social, aí está incluído o plan Deputación e convenios coas Consellerías para obras como a pérgola que se instalará no concello ou plan de camiños rurais…

Feira do Viño de Amandi 2018. Foto: Concello de Sober

ÚLTIMAS

A Xunta licita por 365.000€ as obras para executar unha glorieta en Doade

O delegado territorial da Xunta, Javier Arias, visitou este luns o lugar no que...

Por Chantada censura o uso particular de computadores pagos con fondos europeos polo PP e o PSOE locais

Por Chantada explica que a Deputación de Lugo entregou micrófonos e cámaras para retransmitir...

Galicia podería sufrir un incendio como o de California?

Juan Picos Martín, enxeñeiro de montes e membro da Escola de Enxeñaría Forestal da...

IGV pide “solucións e non parches na crise da Ribeira Sacra”

O movemento cidadán Interior Galego Vivo asegura que foron os primeiros en advertir da...