HomeEn profundidadeEscola de Música Moderna de Monforte: un proxecto consolidado que non para...

Escola de Música Moderna de Monforte: un proxecto consolidado que non para de medrar

Falamos co seu CEO, Gonzalo Herrero, que ten como obxectivos para este 2025 facer medrar as sedes de Quiroga e Ribas de Sil, así como consolidar os proxectos que forman parte do grupo, entre eles a academia de inglés.

Publicado o

POR
XMF
- Advertisement -

A Escola de Música Moderna conta xa con tres centros de formación: o de Monforte dende 2013, e dende o 2024 os de Quiroga e Ribas de Sil. Estas novas sedes forman parte do que se coñece como “Escola Xeoparque Montañas do Courel” e que inclúe tamén ao Concello de Folgoso do Courel como municipio beneficiado polos seus servizos.

Este 2025 será o segundo curso na Escola Xeoparque Montañas do Courel. E como explica Gonzalo Herrero, “será un curso completo no que xa facemos festivais e hai acceso a exames oficiais”. Aproveita a ocasión tamén para animar a que a xente se achegue a coñecela e a matricularse, “hai unha clase gratuíta e conta con moi bos profesionais na formación”, engade.

A escola na Rúa Dr Casares 132 de Monforte. Foto: XMF.

UN BREVE BALANCE DA TRAXECTORIA

A Escola de Música Moderna comezou no 2013. Foron uns inicios difíciles, logo chegou unha etapa boa e despois o Covid… “Agora estamos estabilizados e moi ben”, comenta con satisfacción Gonzalo para a continuación facernos unha moi breve valoración. “Once anos despois, a verdade é que o balance é moi positivo. Contamos cun local novo en propiedade, duns 500 metros cadrados, con aulas dirixidas a cada instrumento en particular, espazos moi ben deseñados equipados coas últimas tecnoloxías para impartir as clases, insonorización, e sobre todo un equipo humano moi competente e moi implicado no desenvolvemento do alumnado”.

Gonzalo Herrero na porta da escola na Rúa Dr Casares 132 de Monforte. Foto: XMF.

“Once anos despois, a verdade é que o balance é moi positivo”

A escola non parou de medrar tamén en matriculados/as. Entre os 3 centros de traballo alcanzan uns 160 alumnos/as e a valoración da xente que pasou polas súas aulas e dos que están actualmente é moi boa.

PROFESORADO MOI CUALIFICADO QUE FOMENTA A INCLUSIÓN

Preguntámoslle a Gonzalo Herrero se é doado atopar profesionais do nivel que precisa na contorna próxima de Monforte, e dinos que “é verdade que intentamos contar todo o posible con xente de aquí pero non sempre atopamos a xente coa formación necesaria. Temos varios profesores de Lugo, de Ourense –que veñen 3-4 veces por semana–, unha rapaza de Valencia que veu vivir aquí… xente moi variopinta, de diferentes nacionalidades e cun ambiente sempre moi inclusivo”.

Sen deixar de falar do equipo de traballo, tamén nos conta que ademais da formación profesional, o profesorado axuda a configurar unha formación na diversidade e en valores que queren sexa tamén un sinal de identidade da propia escola.

“Teño un equipo excelente e creo, sinceramente, que é o noso mellor momento”

“É incrible a capacidade de inclusión que ten a xente que vén de fóra a través da linguaxe da música. Son todos xente moi preparada e é moi doado traballar con eles. Teño un equipo excelente e creo, sinceramente, que é o noso mellor momento”, comenta con entusiasmo Herrero.

MÚSICOS EMERXENTES QUE SAEN DA ESCOLA

Hai grupos de alumnos e alumnas que están tocando por aí, están funcionando como unha banda normal pero dirixidas por un director da escola que lles indica o camiño a seguir. E contan con estudantes que acadaron o grao profesional, o grao superior. Teñen, por exemplo, unha rapaza estudando en Barcelona, Lena Álvarez –da comarca de Quiroga–, que é unha das dúas pianistas únicas que se incorporaron á Escola Superior de Música de Barcelona. “Temos xente traballando en Vigo, en Ourense, varios alumnos que remataron. E eu dende o ano pasado, como formador na Rockschool, propuxen á dirección española a creación dunha bolsa de emprego para integrar a estes estudantes que acadaban os graos profesionais. En Galicia hai unhas 9-10 Rockschool, e nós somos a única que hai entre Lugo e Ponteareas. Abranguemos unha zona grande de interese”, explica Gonzalo.

PLAN DE DIVERSIFICACIÓN

Nesta nova etapa están apostando pola diversificación. Xa non é só unha escola de música, aínda que mantén o nome comercial de Escola de Música Moderna, agora está diversificada en diferentes ramas.

“Nesta nova etapa apostamos pola diversificación”

A Escola de Música Moderna agora mesmo é unha marca que inclúe a propia escola de música, unha escola de artes escénicas que ten teatro musical e baile, unha tenda de instrumentos musicais (convenio con Matiz), unha rama de eventos e dende este ano unha Academia de Inglés.

No que respecta a este último proxecto, Gonzalo Herrero explica que “moita xente sorprendeuse porque non entendía moi ben a relación da escola de inglés coa academia de música. Ten sentido porque nós alentamos sempre ao estudante a ter unha formación integral. Consideramos que o inglés ten que ser unha cualidade máis que ten que ter o músico profesional. Agora mesmo temos un músico xaponés, unha guitarrista cubana, un guitarrista do Reino Unido… e o idioma no que te comunicas é o inglés. Os nosos examinadores son británicos, falan en inglés, moitas letras das cancións están tamén nese idioma… Pasamos a ser tamén un centro Cambridge e contratamos un profesor nativo que é do Reino Unido. El por contrato non pode falar en español dentro do centro, é unha inmersión total. É un profesor moi comunicativo, moi empático, e unha persoa cun encaixe aquí perfecto. É baterista profesional e un perfil que encaixou perfectamente para facer de ponte entre as clases de inglés e a escola de música. Estamos moi contentos con el”.

O profesor nativo, John Ensor. Foto. Escola de Música Moderna.

Aínda sabendo a simbiose que mantén música e inglés na escola, o noso interlocutor aclara que para asistir ás clases de inglés non é preciso estar matriculado na aprendizaxe dalgún instrumento. Contan cun plan de descontos para os que xa están na escola de música pero pode acceder e matricularse quen queira só para a formación no inglés. Hai clases conversacionais para adultos, grupos por niveis para quen quere presentarse ao exame de Cambridge, grupos que veñen para reforzo escolar, incluso xente que colle clases individuais para formacións específicas…  O curso comezou en setembro pero está aberta a matrícula todo o ano.

PROXECTOS PARA 2025

Rematando a reportaxe preguntámoslle a Gonzalo polos proxectos a realizar neste ano en curso. “Estamos en proceso de facer medrar as sedes de Quiroga e de Ribas de Sil. Sabemos que son zonas pequenas e rurais, necesitan tempo… pero temos un grupo de xente motivada, con ganas de facer cousas e para nós é o máis importante”, refire.

“Estamos en proceso de facer medrar as sedes de Quiroga e de Ribas de Sil. Sabemos que son zonas pequenas e rurais, necesitan tempo…”

Festival de Nadal da Escola de Música do Xeoparque Montañas do Courel. Foto: Escola de Música Moderna.

Seguindo cos obxectivos refire tamén que “este ano servirá tamén para asentar e consolidar todos os proxectos que agora conforman a marca Escola de Música Moderna… que funcionen en harmonía os diferentes servizos que ofrecemos: escola de música, escola de artes escénicas, tenda de instrumentos, eventos e academia de inglés”.

Antes de despedirnos del lémbrame unha novidade para este 2025, “incluímos o saxofón, instrumento que non tiñamos. Será unha modalidade nova e contamos cun mestre cubano”.

Tenda de venda de instrumentos, filial de Matiz. Foto: XMF

Correo: info@escolamusicamoderna.es / Teléfono: 982 874 976 / Ubicación: Monforte de Lemos, Quiroga e Ribas de Sil

ÚLTIMAS

Palestra con Fayez Badawi sobre a loita do pobo palestino, o 24 de marzo en Monforte

O evento contará coa intervención de Fayez Badawi, ex portavoz da Fronte Popular para...

O PP da Pobra do Brollón pide maior planificación das obras

Teddy López realiza esta petición despois de ver como esta semana foron moitos os...

Abre a tempada de Rutas Fluviais na Ribeira Sacra con 15.453 reservas

A tempada 2025 das rutas fluviais pola Ribeira Sacra comeza cunha gran acollida por...

3CUMIOS, levando o nome da Ribeira Sacra ao máis alto

A Expedición Huascarán 2025 levaraos á Cordilleira Branca en Perú, a unha altitude de...