HomeEn profundidadeBlas Rodríguez: “Inimaxinábel o traballo que teñen as probas de montaña”

Blas Rodríguez: “Inimaxinábel o traballo que teñen as probas de montaña”

Falamos co Director da ‘Quiroga Trail Challenge’, o evento de carreiras por montaña máis importante e multitudinario de Galiza que este ano contará con 1.300 deportistas inscritos. Coñecemos a súa traxectoria e o complicado que foi sacar adiante esta edición tras os incendios do verán.

Publicado o

POR
XMF
- Advertisement -

Blas Rodríguez é un deportista apaixonado das carreiras de montaña e do Courel. É da Coruña e vive en Oleiros, mais sabemos que tras participar no ‘Ultra Trail Aldeas do Courel’ –proba que deixou de facerse– estivo buscando casa polo Courel, aínda que ao final atopou unha hai tres anos en Margaride, no Concello de Quiroga, e acabou mercándoa. Agora, espera tela arranxada para poder pasar gran parte do ano nela e máis apegado a este territorio.

Dende hai anos é o máximo responsable, xunto a un equipo de traballo, da boa sona e traxectoria ascendente do “Quiroga Trail Challenge”, unha cita consolidada nos circuítos de carreiras por montaña e que este ano presume de ter 1.300 deportistas inscritos/as. Ademais, esa edición pasou dun 26 a un 30% de inscricións de mulleres.

Falamos con Blas para coñecer a súa traxectoria e como se presenta a XII edición que terá lugar a vindeira semana, 28 de febreiro e 1 de marzo.

Como chegas ao deporte e cales practicas dende novo?

Dende novo practiquei deportes como natación, ciclismo, balonmán e fútbol. Máis adiante empecei a correr en asfalto, e facía Montañismo, ademais de ir ao ximnasio a facer un pouco de todo. Cando aparecen as carreiras de montaña en Galiza penso que para min é ideal ao unir os dous deportes que nese intre practico que son o montañismo e as carreiras de asfalto. E pouco necesitei para apaixonarme con esta actividade, como case todo o que fago na vida.

Blas Rodríguez participando nunha carreira de montaña. Foto cedida por el.

E a paixón polas carreiras de montaña?

A paixón vén dende a miña primeira subida ao Cuiña nos Ancares. Nese intre souben que esa sería a miña paixón.

Que nos podes contar da túa traxectoria como corredor?

Pois como dicía, empecei  hai 24 anos a facer montaña en serio, nas carreiras por montaña 15 anos, ao principio carreiras pequenas en Galiza, para despois xa ir saíndo por Asturias, Andalucía, Pirineos e Alpes.

Das carreiras que me sinto máis orgulloso son das de longas distancias; as 100 millas vascas, as da Sierra de los Bandoleros en  Grazalema, A travesera de Picos de Europa, a Canfran-Canfran e Valle de Tena… enumerar todo seria moi longo. O maior logro foi o Tor de Geants no valle de Aosta unha carreira de 350 quilómetros e 25.000 m. positivos, que me levou 5 dias e 5 noites en “Non Stop”.

“Das carreiras que me sinto máis orgulloso son das de longas distancias”

E a QTC non a corriches en ningunha ocasión?

Nunca a competín, a verdade. Fixen nalgunhas ocasións de basoira, pechando o percorrido, pero non competindo. Gustaríame, pero todos estes anos ao estar organizando non podo facelo. Algún día…

Cal ou cales trails que coñezas consideras que son top tanto polo percorrido como pola súa organización?

É moi difícil enumeralos todos… En Galiza eu quédome con Desafío Serra do Candán, Mondariz, Toxiza e Ribeira Sacra. Pero podería dicir moitos máis, e por suposto aínda que nunca o corrín como che dixen, co Quiroga Trail Challenge. En Asturias Travesera, Cainejo, Alto Aller e Suarias. Nos Pirineos quedo con Canfranc-Canfranc e Trail Valle del Tena.

E despois para min hai unha carreira que é icónica, o Tor de Geants nos Alpes Italianos. Falamos dunha ultra trail de 350 quilómetros que percorre todo o val de Aosta.

Cando decides entrar no mundo da organización deste tipo de probas?

Pois, como todo, por casualidade. Empecei en Quiroga axudando como basoira e pedíronme que dirixira a carreira, de aí cando Turgalia abandonou a carreira xurdiu a idea xunto con Manu Barreiro, o outro director desta carreira, de collela nós para que non se perdera. Ademais, dirixín dúas carreiras no Parque das Fragas do Eume e unha en Folgoso do Courel que era duns quilómetros verticais.

Con que equipo contas?

Temos o chamado núcleo duro que esta conformado por Manu Barreiro, Raquel López, que é a encargada de dorsais, entrega de premios, notas de prensa e correccións de textos; Aida Maestre, unha rapaza de Zamora que é a responsábel de meta e de elaborar o Rooad Book; Damián Novas, que leva deseños e redes sociais; e máis eu que digamos son a cabeza visible. O reparto de traballo é en relación ás condicións de cada un de nós, quen  mellor fai unha cousa, encárgase dela. Ademais, existen máis persoas, que é difícil  nomealas a todas, xente que fai pequenos traballos ao longo do ano para que QTC sexa un éxito. Nós dicimos que o día seguinte de rematar empezamos a traballar nas probas do ano seguinte.

Equipo de traballo. Foto: Miguel Rúa.

Como e cando nace o Quiroga Trail Challenge? 

Nace en Quiroga da man de Tourgalia no ano 2014, e  a verdade que o fai como unha proposta de dinamización do rural aproveitando os recursos naturais que ten o Courel.

Un evento que non para de medrar e que atrae deportistas de todo o estado. Que o fai tan atractivo?

Pois eu creo que sendo unha carreira moi grande no que se refire a participantes é a cercanía e a filosofía de seguir sendo a pesar de todo unha carreira de pobo. A nosa  filosofía de que todas as corredoras e corredores son iguais, sen importarnos se son ou non élite faina atractiva. O ter un terreo de xogo como o Xeoparque Monatañas do Courel é algo tamén moi importante. Este ano veñen máis de 300 corredores do resto do estado e algúns do estranxeiro.

Incluso se ‘vende’ xa como ‘A Festa do Trail Galego’. É para tanto a cousa? 

Si, nós intentamos ser unha festa deportiva, gastronómica e de convivencia. O feito de  facer a carreira unha fin de semana completa dálle un atractivo moi especial, dende logo é  o evento das carreiras por montaña máis importante e multitudinario de Galiza.

Que feedback tedes con outras probas como a que organizades?

Moito, colaboramos como voluntarios e a moitas delas cedémoslle material e promocionámolos en redes. Eu son dos que creo que a suma sempre mellora, e potenciar o resto de probas é potenciar o mundo do Trail.

A nivel organizativo, no que respecta a deseño de percorridos para as diferentes probas, como de complexo e laborioso é o traballo?

Inimaxinábel o traballo que teñen as probas de montaña… e no caso de Quiroga multiplicase polo territorio onde se desenvolve, e a gran cantidade de distancias que temos e os 1.300 participantes… ademais ao ser unha proba que se desenvolve en dous días iso aumenta o traballo. Só a coordinación de 200 voluntarios e 50 membros de protección civil representa un traballo organizativo de moitísimas horas.

“ao ser unha proba que se desenvolve en dous días iso aumenta o traballo”

Como vos afectou a desfeita dos incendios do verán en Quiroga á hora de reorganizar o traballo?

A min afectoume moito, incluso á miña vida particular. Cando foron os lumes eu estaba en Canfranc e tiven que vir quince días antes do previsto a Quiroga para reorganizar todo. Tivemos que retrasar as inscricións, refacer a páxina web, replantexar todos os percorridos… Iso no primeiro incendio, pero é que despois houbo outro co cal tivemos que cambiar dúas veces de decisións e xa había xente que preguntaba se se suspendería. Aínda coas dificultades, buscamos solucións e na última quincena de setembro traballamos arreo, botando man de percorridos longos para aproveitar, desbrozando camiños novos… pero convencémonos de que a carreira tiña que saír como fóra e así foi.

Non haberá zonas queimadas nos percorridos das probas?

A nosa idea é non meter aos corredores e ás corredoras directamente por territorio queimado, pero si é verdade que verán monte queimado. E parécenos que está ben tamén que se vexa para poder valorar o dano que provocaron os incendios.

Con que apoios contades dende a asociación para sacalo adiante cada ano?

En primeiro lugar co Concello de Quiroga. Sen este apoio a carreira non sairía adiante, e non só na axuda económica se non que como coorganizadores da proba dános todo o apoio loxístico e moral para que o QTC sexa unha realidade. Ademais, a Deputación de Lugo a través da Vicepresidencia, o Xeoparque Montañas do Courel e o Concello de Ribas de Sil.

Tamén contamos con todos os nosos patrocinadores e colaboradores, que na súa inmensa maioría son o tecido empresarial de Quiroga e a súa comarca; con Protección Civil de Trives, Manzaneda, Petín, O Barco, A Rúa, Quiroga e San Clodio.

Que impacto económico e medioambiental consideras que ten no territorio? 

Economicamente tendo en conta que veñen na fin de semana 1.300 corredores, que o sábado corren 1.000 e o domingo 600, implica moito impacto económico, unido aos 250 voluntarios e os acompañantes e seguidores da proba, pensamos que moveremos a vindeira fin de semana preto de 2.500 persoas por Quiroga. Proba diso é a ausencia de aloxamento en Quiroga, San Clodio, A Pobra do Brollón e a gran cantidade de  participantes que enchen tamén a Comarca de Valdeorras e de Lemos .

“pensamos que moveremos a vindeira fin de semana preto de 2.500 persoas por Quiroga”

Só calculando un gasto de 75€ por participante e acompañantes, poderíamos falar de 150.000 a 200.000 €. Ademais, algo que ten moita importancia como é o dar a coñecer o Xeoparque Montañas do Courel e toda a comarca así como as súas atraccións turísticas.

Conta atrás xa para a celebración do QTC. Como se presenta?

1300 participantes que é o record de participación… que despois de ter que variar os percorridos pola vaga de incendios deste verán, fainos sentir moi ledos. Chegamos ao 30% de mulleres e máis de 300 persoas que veñen de fóra de Galiza.

Esta vai ser unha edición marcada polas montañas do Lor, e os seus recorridos únicos, moi técnicos, e onde os bosques galegos e a auga serán o parque de atraccións das corredoras e dos corredores.

Unha fervenza no percorrido dunha edición anterior. Foto: Miguel Rúa.

“Chegamos ao 30% de mulleres e máis de 300 persoas que veñen de fóra de Galiza”

Cal é o percorrido que consideras máis atractivo? Con máis corredoras/es inscritos/as?

O ‘Minitrail do Lor’, de 17 quilómetros é ao que máis xente se anotou, un total de 400 inscritos/as. Será o sábado 28 de febreiro. E tamén ten éxito a ‘Carreiriña do Lor’, de 9 quilómetros e na que se podían inscribir nas carreiras os maiores de 12 anos.

Como foi iso de ‘bautizar’ percorridos con nomes de empresas?

Xurdiu porque pedíamoslle viño ás adegas para entregar como parte dos premios aos corredores. Era, claro, unha colaboración pola súa parte, e pensamos que sería un bo detalle bautizar as probas co seu nome como agradecemento. E así foi que hai probas con nomes de Adegas de Quiroga, aínda que tamén temos unha marca de Mel e unha clínica de fisioterapia que nos dá material para os botiquíns.

Para rematar, que valores salientarías da QTC que falan ben dela?

Diríache varios. As marcaxes, para sinalizar os percorridos empregamos marcas de tea que quedan dun ano para outro; temos moi bos avitoallamentos, con produto local e que sempre dán que falar aos participantes; a convivencia e o ambiente é moi bo, de aquí que lle chamemos “A Festa do Trail Galego”; e os voluntarios e voluntarias. Neste último punto quero salientar que teremos uns 200, sen contar os 50 que veñen de Protección Civil de Quiroga e de diferentes puntos de Galicia, e que cada ano participa máis xente de Quiroga. Estámoslles moi agradecidos e cada día se identifican máis coa proba.

Participantes da QTC. Foto: Ivancho López.

ÚLTIMAS

No Día de Rosalía, Celia Díaz dá unha charla ao alumnado do CEIP de Quiroga

Rosalía de Castro é a escritora máis representativa da lingua e da literatura galegas...

O comité de centros de atención primaria denuncia deficiencias graves na subministración de material

Aseguran desde o Comité que as deficiencias na subministración afectan a produtos básicos necesarios para...

Pregoeiros de cine na Feira do Viño de Quiroga

Edu Soto, é un actor, humorista e cantante español que traballou con con Andreu...

‘Memorias dun neno labrego’ encheu de público e de emoción o Multiusos

O pasado xoves 19 de febreiro a representación da obra de teatro “Memorias dun...