HomeEn profundidade"A bicicleta é unha forma de descubrir o territorio dun xeito moi...

“A bicicleta é unha forma de descubrir o territorio dun xeito moi respectuoso”, David Argibay de BikeSacra

Este emprendedor, que coñeceu a Ribeira Sacra grazas á súa parella, conta como botou adiante o proxecto BikeSacra. En palabras del, e que resumen a súa intención de ensinar este territorio dende unha bici: "despois de tantos anos descubrindo lugares sobre a bicicleta parecía case unha obriga ensinar todo o que esta terra ten para ofrecer. Porque ás veces, os que vivimos ou vimos aquí con frecuencia esquecemos o privilexio que temos arredor".

Publicado o

POR
Segredos de Pantón
- Advertisement -

Pedaleando, perdéndonos nos recunchos milenarios onde a vexetación autóctona e os cursos de auga fenden as montañas, créase unha paisaxe sen tempo: a Ribeira Sacra. Unha forma única de experimentar este territorio sobre dúas rodas que nestsa entrevista descubren para Xornal de Lemos os colaboradores de Segredos de Pantón da man de David Argibay, creador do proxecto BikeSacra.

Para comezar esta entrevista, cal é o teu vínculo persoal e profesional co Concello de Pantón e, por extensión, co conxunto da Ribeira Sacra?

A miña relación con Pantón comezou grazas á miña parella. Levo case vinte anos vindo por aquí e, co paso do tempo, acabou converténdose na miña segunda casa. Primeiro viña como visitante, despois fun coñecendo mellor a xente, os camiños e cada recuncho da Ribeira Sacra, ata o punto de sentila tamén un pouco como miña.

Foi precisamente esa conexión coa zona a que fixo que nacese BikeSacra. Despois de tantos anos descubrindo lugares sobre a bicicleta, parecía case unha obriga ensinar todo o que esta terra ten para ofrecer. Porque ás veces os que vivimos ou vimos aquí con frecuencia esquecemos o privilexio que temos arredor.

Como e cando xurdiu a idea de crear BikeSacra? Que motivacións e obxectivos había detrás deste proxecto no seu nacemento?

A idea empezou a tomar forma hai un par de anos. Sempre me gustou o ciclismo e cada vez que saía con amigos de fóra quedaban sorprendidos coa paisaxe e cos camiños da zona. Pensei que se eles o disfrutaban tanto, por que non ofrecer esa experiencia a máis xente? O obxectivo era crear algo diferente, combinando deporte, natureza e turismo, pero sempre poñendo en valor o noso territorio.

Cales foron as principais dificultades ou limitacións ás que tivestes que facer fronte no momento de poñer en marcha a iniciativa?

Como en case calquera proxecto novo, o máis complicado foi empezar. Hai moito traballo que non se ve: permisos, seguros, investimento nas bicicletas, crear a páxina web, deseñar rutas… E tamén vencer ese medo inicial de non saber como vai responder a xente. Pero cando fas algo no que cres, pouco a pouco todo vai collendo forma.

David Argibay. Foto cedida por el.

Que fai que as rutas e experiencias que ofrecedes sexan especialmente atractivas e diferentes fronte a outras propostas de turismo activo na zona?

Creo que o máis importante é que non se trata só de alugar unha bicicleta. Intentamos que cada ruta conte unha historia, adaptala ao nivel de cada persoa e ensinar eses lugares que normalmente non aparecen nas guías. Ao final buscamos que quen veña marche coa sensación de coñecer a Ribeira Sacra dende dentro, non só de pasar por ela.

“Intentamos que cada ruta conte unha historia, adaptala ao nivel de cada persoa e ensinar eses lugares que normalmente non aparecen nas guías”

Que tipo de paisaxes, elementos patrimoniais e contornas naturais se poden descubrir a través dos vosos percorridos?

Hai un pouco de todo. Evidentemente están os miradoiros e os canóns do Sil e do Miño, pero tamén pistas entre viñedos, bosques autóctonos, igrexas románicas, pequenas aldeas e camiños tradicionais. A min gústame moito ensinar eses lugares polos que pasas e pensas: “Como pode ser que isto non o coñeza máis xente?”.

As rutas contan con diferentes graos de dificultade técnica e física? Están pensadas para todo tipo de persoas, incluíndo familias ou principiantes?

Si. Esa era unha prioridade dende o primeiro día. Hai rutas para xente que anda en bici todas as semanas, pero tamén para quen simplemente quere pasar unha mañá diferente.

Que perfil de visitante participa habitualmente nas vosas rutas? Recibides máis público local, nacional ou internacional?

Hai un pouco de todo. Veñen parellas, grupos de amigos, familias e tamén peregrinos ou turistas que están pasando uns días na Ribeira Sacra. Polo momento está ao 50% o público nacional co internacional.

Ao longo de todo este tempo sobre a bicicleta, que anécdota ou experiencia gardades con especial cariño?

Hai moitas, pero quédome coa cara da xente cando chega a determinados miradoiros ou descobre algún recuncho escondido. Ese momento no que paran, quedan calados e só din “isto é incrible”. Iso é o que máis compensa. Tamén fai ilusión cando alguén che escribe semanas despois dicindo que foi o mellor recordo da súa viaxe.

“quédome coa cara da xente cando chega a determinados miradoiros ou descobre algún recuncho escondido. Ese momento no que paran, quedan calados e só din: “isto é incrible”

Unha bicicleta de BikeSacra nun dos espectaculares miradoiros da Ribeira Sacra. Foto: Davis Argibay

Como se integra a vosa actividade coa poboación local e co tecido empresarial do Concello de Pantón (hostalaría, adegas, aloxamentos)?

Para min é fundamental traballar en equipo. Sempre que podemos colaboramos con casas rurais, hoteis, restaurantes ou adegas porque ao final todos buscamos o mesmo: que a xente veña, quede máis tempo e marche con ganas de volver. BikeSacra non ten sentido sen a xente da zona.

De que xeito contribúe BikeSacra á conservación do medio natural e á promoción dun turismo sustentable na Ribeira Sacra?

A bicicleta é unha forma de descubrir o territorio dun xeito moi respectuoso. Nós insistimos moito en coidar os camiños, non deixar lixo e respectar tanto a natureza como ás persoas que viven aquí. O noso modelo non busca traer miles de visitantes, senón ofrecer experiencias de calidade, con grupos pequenos e un impacto mínimo.

“Nós insistimos moito en coidar os camiños, non deixar lixo e respectar tanto a natureza como ás persoas que viven aquí”

Cales son os vosos vindeiros retos ou proxectos de cara ao futuro para seguir consolidando a iniciativa?

Agora o reto é seguir medrando pouco a pouco, sen perder esa atención persoal que nos gusta ofrecer. Queremos ampliar rutas, colaborar con máis empresas da comarca, atraer máis visitantes internacionais e consolidar eventos relacionados co gravel e o cicloturismo. O importante é que BikeSacra siga sendo unha forma de ensinar con orgullo todo o que temos na Ribeira Sacra.

ÚLTIMAS

A Pobra do Brollón acolle un concerto que reivindica poetas vinculadas á montaña lucense

O cuarteto vocal Son de Corda volve á Pobra do Brollón cunha nova proposta,...

Obradoiro contra a desinformación en Taboada

Esta actividade de alfabetización mediática será impartida por Selina Otero Verdes, licenciada en xornalismo...

En outubro aumentou en 110 o número de parados no centro-sur da provincia

Paro comarca de Sarria no mes de outubro 751 (+35): O Incio 32 (-1) Láncara 73...

O BNG de Monforte reclama transparencia no proceso selectivo da Policía Local

Os nacionalistas aseguran que as informacións publicadas sobre os resultados da primeira proba, na...