InicioMedio ambiente e PatrimonioXa tardaba declarar BIC os Escolapios de Monforte

Xa tardaba declarar BIC os Escolapios de Monforte

O Consello da Xunta vén de dar luz verde ao decreto polo que se declara Ben de Interese Cultural, coa categoría de monumento e nivel de protección integral, o Colexio da Nosa Señora da Antiga, un inmoble clave para comprender o desenvolvemento do Renacemento en Galicia e a historia deste concello.

Publicado o

POR
Redacción
- Advertisement -

O recoñecemento faise extensivo a diferentes bens mobles artísticos e   bibliográficos entre os que se atopan algunhas obras de El Greco, coas que se conta na pinacoteca do monumento. É tamén un paso máis na protección e posta en valor dos bens da Ribeira Sacra, que encara a súa recta final para a candidatura a Patrimonio da Humanidade. O  documento, que entrará en vigor despois  da súa publicación no DOGA, culmina o proceso iniciado en 2016, cando a  Fundación Colexio Nosa Señora da Antiga presentou unha solicitude de declaración de ben de interese cultural.

Posteriormente, a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural elaborou un   informe específico e solicitou o parecer dos órganos asesores e consultivos  e no ano 2019 incoouse o expediente, momento en que se aplicou de forma inmediata e provisional a súa protección e se deu comezo á súa tramitación. 

A Xunta tamén está investindo medio millón de euros na posta en valor deste edificio, inclúense melloras na iluminación da súa pinacoteca e actuacións para resolver problemas na bóveda do presbiterio ou nas  carpinterías, entre outras. 

pinacoteca Escolapios / turismo.ribeirasacra.org

Coa declaración de BIC, o Colexio Nosa Sañora da Antiga súmarase aos  máis 700 bens declarados desde a entrada en vigor da Lei  5/2016  do  patrimonio cultural de Galicia. O expediente incorpora a ampliación da delimitación para incluír o Campo da Compañía, xa que este espazo estivera relacionado na súa orixe á propia construción do conxunto. Á vista de todos os informes, o decreto xustifica a declaración no papel fundamental que   representa o colexio de Nosa Señora da Antiga no desenvolvemento do   Renacemento en Galicia e por ser clave para comprender a historia da vila de Monforte e o papel que tivo a Casa de Lemos na configuración deste núcleo.

Entre os espazos sobranceiros, ademais da excepcional fachada que preside o Campo da Compañía, débese citar a igrexa e os seus retablos, así como a cúpula que cobre o cruceiro, a escaleira monumental e os seus claustros. Na mesma liña, cómpre destacar tamén a importancia e valor cultural do seu museo e o rico patrimonio moble senlleiro que  alberga, en  que  se  poden  atopar obras de artistas como El Greco, Andrea del Sarto ou Francisco Pacheco, ou documentos e patrimonio bibliográfico dos séculos XV e XVI relacionados cos mecenas do colexio, a Casa de Lemos e, posteriormente, a de Alba. A construción do Colexio da Nosa Señora da Antiga comezouse a finais do século XVI por iniciativa do cardeal de Sevilla don Rodrigo de  Castro.  

ÚLTIMAS

8ª Andaina polo Corazón de Galicia, o 21 de abril en Chantada

O domingo, 21 de abril, celébrase a 8ª Andaina polo Corazón de Galicia, que...

Que acontece coas Unidades de Drogodependencias dos concellos?

Na última xuntanza dos concellos que contan con Unidades Municipais de Asistencia á Drogodependencia...

Xornadas Pacegas sobre as Revoltas Irmandiñas, o 6 e 7 de maio no Museo Pazo de Tor

O Museo Pazo de Tor acollerá os vindeiros 6 e 7 de maio a...

Prohibidas desde este luns as queimas agrícolas e forestais de particulares ata novo aviso

A partir deste luns, 15 de abril, quedarán prohibidas as queimas de restos agrícolas...