HomeMedio ambiente e PatrimonioPenas do Castelo en Salcedo, un dos castros documentados máis antigos de...

Penas do Castelo en Salcedo, un dos castros documentados máis antigos de Galicia

Os resultados da datación, entre o século VIII e IX antes da nosa era sitúan Penas do Castelo na transición da Idade do Bronce á Idade do Ferro. Sería esta a época da construción dos primeiros castros no noroeste peninsular, é dicir, o momento no que as comunidades comezan a asentarse de forma sedentaria no territorio e a facer construcións permanentes en pedra.

Publicado o

POR
Redacción
- Advertisement -

Na escavación en Penas do Castelo descubríase unha monumental muralla con seis metros de ancho e ata catro de altura. Os seus foxos monumentais, escavados na rocha, recordaban aos de outros castros do Courel e mesmo a xacementos como o do Castrillón en Larouco. Por outra banda, a súa situación totalmente en ladeira con moi pouca superficie aproveitable no interior e sobre todo, a súa descomunal muralla e un peculiar sistema construtivo en módulos, tiña desconcertados aos especialistas.

A orixinalidade do xacemento vén dada por tratarse dun castro extremadamente temperán, polo que non resulta comparable cos castros máis ‘clásicos’ de épocas posteriores. ‘Isto refléxase na propia toponimia; non é casual que se lle chame castelo e non castro. Para a sociedade tradicional, isto non era un castro como pode ser o da Roda, tamén en Salcedo’ sinalan dende o equipo.

O interese científico do xacemento está na súa ubicación neste período histórico no noroeste peninsular moi descoñecido a nivel de investigación. Penas do Castelo pode contribuír a entender as dinámicas que provocan a sedentarización das comunidades e as tensións territoriais que isto provoca.

Novos interrogantes

A chegada dos resultados é unha agardada resposta que á súa vez provoca novas preguntas.

‘Temos que entender que mentres esta comunidade está a dotarse dunha muralla de pedra de seis metros de ancho, noutros lugares de Galicia aínda están construíndo con paus, palla e barro,’ destaca Benito Vilas.

Penas do Castelo / Concello da Pobra do Brollón

Dende o punto de vista da organización social, este feito pode ser indicio dunha comunidade moi organizada, seguramente con xerarquías e, sobre todo, excedente en tempo e man de obra que permita unha obra civil desta magnitude.

Por outra banda, está o coñecemento técnico que implica esta construción. ‘Chama a atención que nesta época, na que se constrúen os primeiros muros en pedra, fagan unha muralla de seis metros de ancho e cunha técnica tan depurada. De onde vén ese coñecemento?’ pregúntase Vilas.

O xacemento afronta tamén un novo momento como sitio visitable dentro da rede de recursos turísticos do Concello da Pobra do Brollón. ‘A aposta do Concello da Pobra do Brollón pola arqueoloxía en comunidade como estratexia de creación de recursos turísticos dá os seus froitos e estes resultados, sen dúbida, aumentarán o interese en visitar este xacemento,’ sinala Xosé Lois Maceda, alcalde do Concello da Pobra do Brollón.

ÚLTIMAS

Colócanse en Monforte 128 trampas para velutinas

A voceira popular, Katy Varela, destaca que grazas ao trampeo manual realizado pola Xunta...

Ampla axenda cultural para celebrar o ‘Día Internacional dos Museos’ na Rede Museística Provincial

Os catro museos da Rede Museística Provincial --Museo Provincial de Lugo, Museo do Mar...

Adxudicada unha obra de mellora para a LU-P-4702 na Pobra do Brollón

A Xunta de Goberno da Deputación de Lugo avanzou este pasado venres na contratación...

Quiroga solicita ante a Subdelegación do Goberno o arranxo inmediato da N-120

Segundo sinalan desde o Concello de Quiroga a N-120 está nun estado moi precario...