No Courel a terra parece que quere arder. Desde o pasado xoves, xornada na que se viviu unha gran tormenta que fixo caer numerosos raios, as montañas do Courel arden. Fixérono nos concellos de Folgoso do Courel, A Pobra do Brollón e Quiroga. Este xoves seguen en situación 2 os incendios de Vilamor en Folgoso e Saa na Pobra pola proximidade aos núcleos de Parada dos Montes, Carballal e O Busto. Tamén en situación 2 o incendio de Seceda pola proximidade ao núcleo de Gamiz.
Ademais este mércores o lume camiñaba pola Lucenza, e xa pola tarde en Penaboa e Vilarbacú. A terra no Courel parece que quere arder porque fumega sen parar, os lumes comezan desde o xoves en lugares innaccesibles e exténdense a moita velocidade cambiando rápidamente de dirección en canto cambia o vento. Cada ladeira do Courel que aínda se mantén viva presenta unha fileira de fume que parece que quere arder.
O fume cubre todo o Courel e moitas veces impide ver os medios aéreos que traballan na extinción, pero están porque se escoitan. Polas estradas circulan medios, máis que coches particulares, brigadas, UME, Garda Civil, camións con buldozers para cando chega a noite abrir pistas e cortalumes, xa que pola noite non hai medios aéreos e hai que facerlle freo ao lume en terreos moi complicados desde terra.
Este mércores circulando polo Courel había esa calma tensa no ambiente, séguese traballando porque os lumes seguen, pero o peor parece que pasou e quedará a pegada por moito tempo. Ese domingo e luns nos que os lumes amezaban poboacións enteiras e agora vese porque xa pasou. Ao redor de Seone todo está igual que sempre, pero en canto tomas dirección Seceda aparece o espanto, todo arrasado, tan arrasado que non se escoita un chío de nada.
Seceda segue protexida, pero ao seu redor case todo desapareceu. Agora as albarizas vense ás craras, pero son negras e os castros tamén.
Se desde Seoane se segue cara Folgoso son habituais ladeiras enteiras queimadas, ou montes queimados na parte alta ata que toparon coa estrada. O lume estivo moi preto de Folgoso e ardeu ás súas anchas cara Vilar.
En Quiroga ardeu moito monte alto en dirección á Seara e na contorna de Leixazós e Campodola. No percorrido desta tarde, veremos A Pobra do Brollón e ese incendio de Saa.