4 millóns de euros para a reposición de explotacións forestais, agrícolas ou gandeiras tralos incendios do Courel e Valdeorras

O conselleiro do Medio Rural, José González, acompañado do director xeral de Defensa do Monte, Manuel Rodríguez, mantivo na mañá deste xoves un encontro con alcaldes dos concellos de Folgoso do Courel, A Pobra do Brollón, Quiroga, Samos e O Incio, para analizar os danos causados polos lumes forestais rexistrados na zona do Courel.

Medio Rural Conselleiro reunión incendios / Consellería Medio Rural

Medio Rural destinará catro millóns de euros en axudas para a reposición de explotacións forestais, agrícolas ou gandeiras que se viran afectadas por estes incendios. José González lembrou que o Consello da Xunta deu conformidade, este mércores, ao decreto de medidas urxentes de axuda para a reparación de danos causados polos incendios que se produciron en Galicia durante este mes de xullo. Así, serán un total de nove millóns, dos que catro corresponden á Consellería do Medio Rural.

Durante a xuntanza mantida, o conselleiro trasladoulle aos rexedores que esta convocatoria de axudas tramitarase en réxime de concorrencia non competitiva, cuns límites máximos que estarán fixados na convocatoria segundo o tipo de beneficiario. Estes topes, explicou, oscilarán entre os 3.000 euros e os 50.000 euros.

No caso das subvencións para explotacións forestais, poderán concederse axudas para a reposición das infraestruturas de titularidade privada situadas en terreos forestais e a maquinaria e equipamento forestal danados como consecuencia dos labores de extinción dos incendios. Tamén, para a madeira amoreada queimada e de corta, recollida e esteladura da madeira queimada non comercial ou traballos de sinalamento, cubicación e/ou taxación de madeira comercial en montes sen xestión pública, nas zonas afectadas polos lumes.

Medio Rural Conselleiro reunión incendios / Consellería Medio Rural

No que atinxe ás explotacións agrícolas e gandeiras, o conselleiro indicou que as axudas cubrirán a reposición dos bens, equipamentos, maquinaria, medios de produción, producións e gando ou colmeas danados, así como a subministración de alimentación complementaria de gando ou colmeas nas zonas afectadas polos incendios.

Episodio meteorolóxico

O conselleiro tamén sinalou que, arestora, os lumes rexistrados na zona do Courel están xa controlados. Estes lumes, dos cales tres se iniciaron no Folgoso do Courel e dous no da Pobra do Brollón, chegaron a unirse e afectan unha superficie total estimada de 11.100 hectáreas. Alí, indicou, permanecen os efectivos do Servizo de prevención e extinción da Xunta refrescando as zonas para evitar posibles reproducións.

O titular de Medio Rural lembrou que na tarde noite do xoves, 14 de xullo, Galicia viviu un episodio denominado sistema convectivo de mesoescala, un fenómeno meteorolóxico propio do Mediterráneo onde se rexistraron máis de 6.000 raios en cuestión de catro horas. Esta situación ocasionou ata medio cento de lumes na comunidade, entre eles os localizados na zona do Courel e de Valdeorras.

Parada dos Montes / ABF

José González engadiu que “a Xunta ten claro que é primordial a posta en valor do territorio para tratar de frear os lumes, devolvendo á produción aqueles terreos en estado de abandono ou infrautilización e que poidan actuar de devasa natural fronte os lumes.” Neste senso, José González puxo en valor a Lei de recuperación da terra agraria de Galicia, coa que implementáronse xa 19 aldeas modelo e se está traballando na posta en marcha de 15 polígonos agroforestais. Unhas figuras, explicou, que ademais de recuperar a terra produtiva permite traballar na prevención de incendios forestais. “A aldea modelo implantada na Pobra do Brollón, a de Parada dos Montes, dedicada á produción de vaca cachena en ecolóxico, foi unha das zonas que se salvou do lume, grazas a esa aposta pola xestión do territorio en detrimento do abandono”, sinalou.

Desde onte está desprazado nas zonas afectadas do Courel un equipo do Centro de Investigación Forestal de Lourizán para avaliar a afección no solo e poder tomar as medidas a curto e medio prazo necesarias para recuperar o potencial forestal da contorna.

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here