HomeMedio ambiente e PatrimonioUnha monumental muralla de cuarcita descóbrese coa nova campaña arqueolóxica en San...

Unha monumental muralla de cuarcita descóbrese coa nova campaña arqueolóxica en San Lourenzo

Esta oitava campaña no Castro de San Lourenzo desenvolveuse do 1 ao 12 de agosto co apoio de 11 participantes do quinto Campo de Voluntariado internacional, realizado grazas a un convenio entre o Concello da Pobra do Brollón e a Dirección Xeral de Xuventude da Xunta de Galicia.

Publicado o

POR
Redacción
- Advertisement -

O equipo arqueolóxico dirixido por Xurxo Ayán está máis cerca de completar a historia do Castro de San Lourenzo en Cereixa, A Pobra do Brollón. Esta nova campaña foi promovida pola Asociación Veciñal María Castaña de Cereixa co aval científico do Instituto de Història Contemporânea da Universidade Nova de Lisboa e o Instituto de Ciencias do Patrimonio do CSIC.

O principal obxectivo da intervención foi ampliar a área de escavación entre a ábsida da igrexa e a muralla. O equipo atopou a cara interna da muralla, un muro monumental de 4 metros de alto feito cun zócalo de cimentación e cunha estrutura en talude con varios tramos diferenciados. Como particularidade, está realizada en pedra seca con coios de cuarcita, sendo un dos poucos exemplos no noroeste peninsular de murallas castrexas feitas con este material.

Aparte da monumentalidade da muralla, que tería 8 metros de ancho, chama a atención o excelente estado de conservación. “Ao longo dos novecentos anos desde que se abandona como castro ata que chega a xente medieval, foise creando unha serie de depósitos de arxila e de area que protexeron o paramento, polo que apenas hai derrubas e consérvase realmente intacto,” explica o arqueólogo director, Xurxo Ayán.

Muralla San Lourezo campaña 2022 / concello A Pobra do Brollón

Ademais da zona de muralla, tamén se escavou parte de estruturas castrexas vinculadas probablemente á industria metalúrxica do ferro, unha especie de lareiras coa base feita en lousa con furados. Foi na contorna destas estruturas onde apareceron 23 doas de colar ou de pulseira, algunhas feitas en óso, outras no que seguramente sexa pasta vítrea. “Trátase dun achado excepcional no contexto dos castros galegos. Probablemente teñamos a peza enteira e é claramente prerromano, do século II ou I antes da nosa era.” comenta Ayán con respecto á xoia.

Coñecendo a historia da vida e da morte no Castro

En canto á historia máis recente do xacemento, a época medieval, o equipo desenterrou no límite oriental da capela de San Lourenzo unha serie de tumbas infantís correspondentes ao século XII, xusto antes do abandono da necrópole.

A diferencia doutras campañas, apenas apareceron restos óseos nas tumbas, aínda que si carbóns que axudarán a datar con maior exactitude os enterramentos. Como cuestión a salientar, reutilizáronse na construción das tumbas materiais castrexas, como restos de muíños barquiformes e lousas.

A recuperación da historia do Castro de San Lourenzo completouse coa V Romaría de San Lourenzo, unha iniciativa ligada ao proxecto arqueolóxico na que se recupera a tradición de levar o San Lourenzo dende a igrexa actual de Cereixa ata o castro. “Superamos a inercia provocada pola pandemia para celebrar con éxito esta data, que é unha parte esencial do traballo comunitario de recuperación patrimonial que estamos a facer na parroquia” comenta Xurxo Ayán.

ÚLTIMAS

“Abrazando o bo trato” no Pazo de Tor

Baixo o lema “Abrazando o bo trato” realizouse visita guiada polo museo reparando nas pezas...

O PP lucense esixe garantir a seguridade no tramo de vía Monforte-Ourense

Os deputados do PP lucense amosan "a súa preocupación ante os problemas detectados durante...

A Garda Civil investiga a un gandeiro de Chantada por suposto delito de malos tratos animais

Segundo informaron fontes da Comandancia, nunha inspección realizada por axentes da Garda Civil e...

20 persoas rematan formación no Obradoiro de Emprego de Monforte que pronto comezará unha nova edición

Os participantes no obradoiro levaron a cabo a rehabilitación e restauración das naves da...