Renfe retomou este sábado as viaxes máis singulares por Galicia cos Trens Turísticos Xunto á Deputación Provincial de Ourense a través do INORDE e a Xunta de Galicia a través da Axencia de Turismo. Esta tempada faranse un total de 13 roteiros repartidos en 33 saídas ata outubro.
A excelente acollida da proposta reflíctese na alta demanda rexistrada, con todas as saídas programadas para xuño xa completas. Este dato pon de manifesto o crecente interese polos Trens Turísticos de Galicia, unha experiencia única que xunta en cada viaxe ferrocarril, lecer e turismo.
A maioría dos clientes que desfrutan dos Trens Turísticos son nacionais, na súa maioría galegos, aínda que o interese internacional por este produto turístico tamén se reflicte na boa acollida por parte de viaxantes dos Estados Unidos, Uruguai, Arxentina, Australia ou Xapón. A valoración dos clientes alcanza o notable alto, un dato que avala a consolidación dos Trens Turísticos de Galicia como un produto de referencia dentro da oferta de lecer e viaxes de Renfe.
Os trens contan con nova imaxe con identificativos especiais para cada roteiro. As datas dos trens turísticos da Ribeira Sacra son Tren de la Ribeira Sacra (Río Sil). Saídas: 6 e 27 de xuño, 11 de xullo, 1 e 22 de agosto, 12 de setembro e Tren daa Ribeira Sacra (Río Miño). Saídas: 13 de xuño, 5 e 26 de setembro.
Para adquirir billetes para esta tempada, Renfe lembra aos clientes que a venda se abre de forma progresiva, polo que recomenda aos viaxantes planificar as súas viaxes con antelación, co fin de garantir praza nos roteiros e datas desexadas. Máis información, no apartado de Experiencias, dentro dos Trens Turísticos, na páxina web de Renfe.

