HomeMedio ambiente e PatrimonioSegunda escavación no xacemento de Penas do Castelo en Salcedo

Segunda escavación no xacemento de Penas do Castelo en Salcedo

Comeza a campaña coa visita este mediodía do delegado territorial da Xunta de Galicia en Lugo, Javier Arias, xunto co alcalde da Pobra do Brollón, Xosé Lois Maceda, o presidente da Comunidade de Montes de Salcedo, Teddy López, así como representantes da Asociación Veciñal.

Publicado o

POR
Redacción
- Advertisement -

A segunda escavación en Penas do Castelo arrinca despois de que en decembro se presentasen as datacións acadadas na campaña impulsada pola Xunta de Galicia o verán pasado e que resultaron tremendamente sorprendentes pola súa antigüidade.

Na primeira campaña, os traballos centráronse na zona da muralla, revelando un sistema construtivo con solucións realmente orixinais e un aspecto monumental. Tomáronse varias mostraxes para poder datar a muralla por Carbono-14 e aí estaba a sorpresa: unha datación do século IX a.C. no extremo de datación máis antigo.

Deste xeito o que non se sabía se era castro ou castelo altomedieval, resultou ser un dos castros máis antigos do noroeste peninsular, xusto no inicio da aparición deste tipo de poboados permanentes. “Estamos nun período de transición entre a Idade do Bronce e a do Ferro, complexo” comenta o director da intervención, Benito Vilas de Árbore Arqueoloxía.

Existe a hipótese de que o xacemento está vinculado á explotación de mineral, probablemente ferro, tanto pola riqueza do entorno como polo feito de que o pouco material que ten aparecido son escouras resultantes de traballos de redución do mineral. As sondaxes deste ano pretenden atopar máis indicios das actividades que se levaban a cabo no xacemento. “O xacemento está nun lugar case inaccesible e de gran pendente, tivo que haber algo de gran importancia que levase a establecelo nun lugar tan inhóspito”.

Xacemento Penas do Castelo / Delegación Territorial

Para a elección definitiva das sondaxes da presente campaña, o lume foi determinante. O xacemento ardeu no incendio que afectou en xullo á Pobra do Brollón e Folgoso do Courel. “O lume pasou rápido por el e non afectou ás estruturas” comenta Benito. Porén, eliminou a vexetación existente, permitindo detectar novas estruturas e afinando a situación das sondaxes.

Establecendo unha “Arqueoloxía de aldea”

“A esencia do proxecto é o carácter comunitario, que a xente se vincule e crear un círculo en torno aos elementos patrimoniais” comenta Marisa Defente, da directiva da A.V. de Salcedo e da Comunidade de Montes de Salcedo. Ao longo de setembro está prevista a realización de máis actividades divulgativas e ligadas ao Patrimonio que se irán desvelando pouco a pouco.

O proxecto englóbase tamén na política patrimonial municipal que aposta decididamente pola arqueoloxía en Comunidade como forma de xestión do seu Patrimonio. Proxectos como o Castro de San Lourenzo en Cereixa, Adegas da Memoria en Vilachá ou Penas do Castelo en Salcedo, son exemplos de como establecer recursos turísticos de xeito sostible e da man da veciñanza.

Por outra banda, dende a Consellería de Cultura sinalan tamén a importancia deste tipo de proxectos comunitarios para facer unha xestión transversal do Patrimonio. Ademais, salientan como Penas do Castelo está nun lugar estratéxico, bisagra entre a Ribeira Sacra e o Courel, no centro simbólico da Reserva da Biosfera Ribeira Sacra-Courel. Na situación actual, tras o lume devastador que arrasou a zona a principios de verán, recuperar actividades alternativas no monte resulta esencial.

ÚLTIMAS

600 alumnos de oito centros  da Ribeira Sacra participan en Monforte no Correlingua

O Parque dos Condes reuniu aos mozos e mozas de colexios e institutos baixo...

Recollida de plásticos agrícolas nas parroquias de Monforte este 27 de maio

A recollida de plásticos agrícolas levarase a cabo dende primeira hora da mañá e...

Chantada promociónase en Festur 2024 do 30 de maio ao 2 de xuño

O Concello de Chantada participa un ano máis en Festur 2024, X Feira de...

O folión de carros a ollos da infancia de Chantada

O próximo 24 de agosto celebrarase en Chantada o Folión de Carros, como é...