Diario de inspiración: Muller galega rural soaría a castigo e aínda así, a garrocha mantense dando calor e luz

Se non temos quen nos resgarde as nosas raíces, que queda? Se non temos quen investigue, coide, recupere, afonde e conserve as nosas riquezas, tradicións, costumes, historias,… que quedaría de todo iso? Un imaxinario colectivo, un recordo.

María Roja residencia artística Museo Pazo de Tor. Presentación proxectos / RMP

A maioría do mundo civilizado leva décadas abandonando o rural, como se o rural fora incivilizado, como se a maioría non viñeramos del, como querendo renegar das nosas raíces. Quizais en Galicia continúen pesando os séculos escuros, a vergoña do propio, o ser menos, fuxamos da terra e a terra queda abandonada e con ela todo o que fomos.

A revolución tecnolóxica, principalmente das últimas dúas décadas, está sendo o maior cambio socioeconómico en menor tempo da historia da humanidade e aquí estamos nós; vivindo nun futuro presente que deshumaniza, e alonxándonos do rural ao que xa se mira case coa nostalxia e o respecto do animal que queda en perigo de extinción.

Recolectoras, Memoria e Terra / RMP

Falando dos incendios que este verán feriron a serra do Courel dicíanme, “meu pai que nacera nos anos 20 sabía como coidar o monte e non había leis e normativas, porque o seguía facendo como vira sempre ”. Días despois outra persoa coa que percorría O Courel comentaba, “…en Galicia a xente comezouse a ir para Suiza e cando volveu plantou pinos”. Isto só para exemplificar que todos percibimos que estamos deixando morrer o noso rural, porque deixamos de vivir nel e de ver como se facían as cousas. Había que buscar el Dorado fóra porque non nos ensinaron a entender que as posibilidades están cerca se hai confianza, pero non a hai, como sociedade fixémonos e fixéronnos sometidos.

Á outra banda do teléfono, perdón do smarthphone, ese asistente persoal que te invade e che usurpa capacidades; esa voz feminina que chea de enerxía, entusiasmo e nostalxia explícame, “Isto ten que ver con cando era nena e era libre”. É Encarna Lago, a xerente da Rede Provincial de Museos, que xestiona o Museo Provincial de Lugo, o Museo Provincial do Mar en San Cibrao, o Museo Fortaleza de San Paio de Narla en Friol e o Museo Pazo de Tor en Monforte de Lemos. Encarna Lago fálame de todo o traballo e iniciativas que se levaban feito desde a Rede para recuperar e dignificar as historias non contadas, e aí son moi importantes as historias de mulleres porque foron/fomos as caladas. E con nós, nenos e nenas, avós e avoas, pobres, discapacitados e discapacitadas, persoas diferentes, doutras culturas e condicións. Poñer o foco nas grandes desigualdades, crear novas formas de contar, outras narrativas, para presentar as historias soterradas, darnos ferramentas para participar deste vida dunha maneira máis humana. A Rede Museística Provincial tece redes co seu traballo desde os diferentes museos e no fondo sempre está dignificar e valorizar o que somos e o que non se contou e dar voz a quen non a tiña.

Tamara Wassaf residencia artística Museo Pazo de Tor

Recupero esta frase, “Isto ten que ver con cando era nena e era libre”, recupéroa porque representa toda a potencialidade de calquera cousa que nace para manterse no tempo, a infancia, a raíz, a inocencia, a ilusión, a liberdade.

Comezaba falando do mundo civilizado, o primeiro mundo. Un mundo que resulta máis ben grotesco ao abandonar o vello, deixamos aos maiores en residencias, fuximos da enfermidade e dos enfermos, abandonamos o noso rural e metémonos en pisos e cidades para que outros coiden dos nosos bebés, mercamos comida procesada en grandes superficies e sentámonos diante dunha tele ou dun ordenador e logo esperamos polos medicamentos que nos receiten por non movernos, non comer con xeito, estresarnos ou para acabar cun virus.

Por sorte, non todas as historias son estas, pero o primeiro mundo, o summum da evolución sobre este planeta, dá as costas ao vello.

Carmen LLonin fotografía á súa nai no proxecto da Rede Museística Provincial “Coidados vulnerabilidades e dependencia”

As raíces, a orixe, facémolas vellas, obsoletas e miramos para o futuro dándolles as costas; e o legado dunha vida déixase abandonado porque no futuro está el Dorado e el Dorado sempre está lonxe e non podes levar peso.

Temos claro que en xeral a historia contada foi históricamente a do poder e do home? No primeiro mundo a evolución parece que vai abrindo algunhas portas, pero a realidade foi esa e continúa sendo, salvo excepción. E entre as excepcións están os microrrelatos e novas narrativas que levan anos incorporando os museos da Rede Museística Provincial.

Sen iniciativas como as que promove a Rede, a muller quedaría sen historia, nunca a tivo, salvo algún nome propio e algunha data sinalada. Pero a realidade é que a muller fixo historia cada día no rural galego en silencio. E o non ter tido voz segue facendo que se asuma o silencio, a sumisión e ela calada coidando e sentíndose culpable por non dar feito todo o que hai que facer. O pintor, Modesto Trigo, dicía recentemente nun encontro creativo, “necesitamos escoitar á muller porque a propia muller para triunfar no pasado tívose que vestir de home e a través de aí falar”.

A civilización e esta transformadora revolución tecnolóxica sumérxennos nun capitalimo social que nos mimetiza e deshumaniza, por iso é importante mirar para o que foi sempre, o ser humano pegado á terra que coida dela e dos seus, honra a vida. O que estamos facendo como sociedades non honra vida ningunha.

Luis Davila para a Rede Museística Provincial

Se nos aceptamos como mulleres, temos que estar orgullosas de selo, como cada un na súa condición. A muller ten que estar orgullosa no rural galego, o coidado da terra e da vida, a sabedoría herdada das avoas e das avoas das avoas para saber cando plantar, cando recoller, que planta usar para ese mal, como suxeitar ao neno, como darlle de comer á familia cando non hai, organizar a casa, a roupa, o gando, a horta e limpar, limpando o que ensúciase e coidando, coidándoo todo, a terra, a familia, o traballo,…Todo iso dáse por sentado, ocorre só. Todo iso tan importante, a muller nace con elo, un talento natural, non exclusivo noso nin de todas. Pero un don do que non debemos renegar porque sostén as bases, é un don para copiar e replicar.

Facendo historia, Galicia foi un pobo castigado, a emigración e os séculos escuros, por exemplo; como a muller, un especimen castigado por ser muller. Así tamén Galicia é unha sociedade de espírito matriarcal. Con eses antecedentes, muller galega rural soa a castigo total, pero aí está a garrocha, a resiliencia da muller, “as ramas dunha uz queimada eran os ganzos que servían para dar luz nas pallozas… a raíz resiliente que segue dando calor e marca a folla de ruta porque nos dá luz. As mulleres sabían como se debía facer,” dime Encarna Lago, que segue sendo esa nena libre.

Encarna Lago coa garrocha e o mantelo

Contarnos a nosa historia cos detalles non contados. Ver a nosa historia desde os ollos da muller, do neno, dunha experiencia propia, da tradición, do coidado, da pluralidade, da educación, e tamén do pazo, da torre, do noble, das armas. Iso é unha forma de liberdade, entregar novas miradas, destapar o non contado e potenciar e desenvolver a creatividade en calquera forma, nun ambiente de proximidade, atención, compartir, onde ningunha peza sobra e tampouco ningún visitante.

Museo Pazo de Tor actividades

Tecendo redes, interconectando, dando valor a cada historia e facendo que o que quede se conserve. E logo as nosas avoas e avós, os nosos pais e nais, ás veces nós mesmas/os non vivimos cousas que xa quedan na historia? Pois esas cousas aínda teñen vida nos museos se participamos con encontros e experiencias que trascenden unha única visión.

Co final da pandemia comezaba este diario de inspiración, con Proximidade Llunyana chegando ao Museo Pazo de Tor, esas maletas emigrantes das nosas mulleres dos anos 50 que despois de percorrer a provincia, chegan agora a Barcelona. O día 15 inaugúrase no Museo de L´Hospitalet, Proximidade Llunyana.

Viaxe de Proximidade Llunyana pola provincia de Lugo

O día 18 de decembro celébrase o Día Internacional do Migrante, esas vidas que tiveron e teñen que buscar el Dorado fóra da súa terra, e a chegada das maletas a Barcelona son broche de ouro para parte dese traballo da Rede Museística Provincial co Programa Mulleres Rurais, que conta con proxectos como “Recolectoras, Memoria e Terra” e “Proximidade Llunyana”. E o traballo non culmina aquí, continúa nos museos da Rede con actividades, encontros, investigacións, residencias artísticas tecendo redes coa veciñanza e con novas narrativas para achegarse a todas as idades.

Se non temos quen nos resgarde as nosas raíces, que queda?, se non temos quen investigue, coide, recupere, afonde e conserve as nosas riquezas, tradicións, costumes, historias,…que quedaría de todo iso?

Un imaxinario colectivo, un recordo.

Formas de vida que se perden nun mundo pasado de revolucións, por iso vivir un museo, abrir un libro, disfrutar unha canción ou soñar nun cadro son salvavidas. E que nos volvan a contar fábulas e contos, historias e lendas, para volver a sentirnos coa liberdade daquela nena, daquel neno.

P.D.: A experiencia de afondar nos museos da Rede Museística Provincial de Lugo, as actividades que promoven e as persoas que rodean todas as iniciativas, foron unha reconciliación comigo mesma e coa vida, despois dunha pandemia na que sentín fonda decepción das sociedades e estruturas que estamos creando como seres humanos.

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here