HomeMedio ambiente e PatrimonioCousas Xacobeas: O camiño en Barbadelo, San Silvestre (IX)

Cousas Xacobeas: O camiño en Barbadelo, San Silvestre (IX)

O rueiro da aldea, anos atrás, foi obxecto dun acondicionamento moi ben feito e así o lugar forma hoxe un conxunto moi suxerente no que a “Fonte de San Silvestre“ ofrece aos camiñantes boa e abondosa auga.

Publicado o

POR
Xaime Félix López Arias
- Advertisement -

A 348 metros da igrexa mosteiral de Barbadelo e a 180 metros do Albergue de Peregrinos da Xunta de Galicia, no remate dunha pequena costa, está o lugar de San Silvestre, onde se achan a capela do mesmo nome e unha fonte que está á beira do camiño. Do castro existente á man dereita do núcleo tan só restan referenzas documentais, estando na actualidade reducido a terras de cultivo.

Para alcanzar a aldea o camiño, ben acondicionado, deixa a unha e outra beira terras coñecidas como O Penelo, Chousa de Baixo, A Cal, Agra da Cruz, O Agro, Aira, Namelo, Os Calvos e Os Penedos.

Na toponimia non se garda outra lembranza do castro, reducido a terras de cultivo, máis ca denominación “A Cal “ que se refire aos foxos propios da defensa do poboado castrexo.

Ademais do “Camiño de Santiago” que pasa polo lugar, na actualidade por baixo da aldea vai o camiño local de Vilei ao Mercado da Serra que é seguido polos peregrinos que viaxan en bicicleta.

O lugar e as terras adxacentes foron forais do mosteiro e priorado de Santiago de Barbadelo e en 1555 o foral da aldea, en mans de Gómez de San Silvestre e a súa muller, estaba formado “polas casas e ermida que están a carón do Castro de San Silvestre con todas as súas casas, cámaras, cortes e reparos” e reunía as fincas Pumar Maior, Leira, Aira, Cortiña de San Silvestre, Agro da Poza, Leiro das Encrucilladas e Cortiña de Peres. Polas terras deste primeiro foral pagaban en cada un ano 16 fanegas de centeo, un porco cebado escaldado co seu pan, un carneiro e dúas galiñas. O dito, os Gómez levaban tamén no mesmo lugar o foral da Casa do Pacio co seu Horto, Leiro e Bouza do Mosteiro polo que pagaban a renda de 3 fanegas de pan centeo.

Fonte de San Silvestre

A Capela de San Silvestre é un pequeno edificio que está perto da fonte do lugar e conserva a imaxe do seu titular de corte popular, permanecendo aberta en moitas ocasións tanto para ser visitada como para facilitar a oración e meditación feitas polos peregrinos que teñen por costume deixar alí textos escritos, estampas e pequenos obxectos como testemuñas do seu paso .

Está a vella ermida adicada ao Papa San Silvestre e posiblemente garde relación cun antigo eremitorio vencellado á “Casa Domni Adilani” estando o culto alí disposto vencellado aos costumes populares da noite da Fin do Ano. Hai memoria de que nalgúns anos se celebrou no lugar festa na honra do santo.

Nun espazo ao ar libre, destinado ao lecer dos peregrinos, consérvase unha cruz de ferro que o historiador, Antonio López Ferreiro, relacionado familiarmente coa “Casa Casiano”, agora “Casa de Carmen”, facilitou a petición dos veciños para “escorrentar o trono” e evitar así os perxuizos causados polas treboadas e raios que botaban a perder na parroquia as colleitas tan laboriosamente traballadas. E a ese desexo obedecía o dito: “Santa Bárbara bendita / que no ceo estás escrita /  en papel de auga bendita /garda pan e garda viño / garda á xente de camiño…”

Cruz do Trono

Non moi lonxe das casas de San Silvestre está o chamado “Camiño das Areas”, que era seguido, vindo ou indo cara Sárria, como atallo para evitar o arrodeo que siñificaba achegarense ao lugar de Mosteiro.

O rueiro da aldea, anos atrás, foi obxecto dun acondicionamento moi ben feito e así o lugar forma hoxe un conxunto moi suxerente no que a “Fonte de San Silvestre“ ofrece aos camiñantes boa e abondosa auga.

Un albergue privado e casa de comidas, dotados de todas as comodidades, reforzan hoxe o carácter xacobeo da freguesía e ofrécenlles aos peregrinos pousada e xantares, sendo moi numerosos os que fan aquí final de etapa, recollendo así a tradición de acollida xurdida darredor das institucións monásticas bieitas presentes na parroquia ata 1836.

ÚLTIMAS

COGAMI reclama dereitos para as persoas con discapacidade

Con motivo do Día Internacional das Persoas con Discapacidade, COGAMI e o seu movemento...

Aberto o prazo para solicitar as 1.750 prazas do Lugo Termal con descontos nos balnearios da provincia

A Deputación de Lugo abriu este luns, 2 de decembro, o prazo para solicitar...

Chantada abre o 5 de decembro a programación de Nadal co acendido da iluminación e a apertura do Poboado de Nadal

O Concello de Chantada a través da Concellaría de Cultura prepara unha completa programación...

Ata o 16 de decembro está aberto o prazo para solicitar posto no Mercado de Nadal de Monforte

O Concello de Monforte ten aberto o prazo de inscrición para participar no Mercado...