Unha nova exploración arqueolóxica da Cova Eirós, situada na parroquia de Cancelo, en Triacastela, proporcionou datos novos sobre a Prehistoria das montañas luguesas e, en concreto, sobre a vida e arte no Paleolítico galego. Os traballos desenvolvidos ao longo deste verán dan continuidade e amplían as escavacións precedentes dos niveis do Paleolítico medio e permiten documentar as manifestacións de arte rupestre no seu interior, segundo explica a Universidade de Santiago de Compostela.
Nesta campaña de 2023, participan membros do Grupo de Estudos para a Prehistoria do Noroeste, Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio da USC (GEPN-AAT), do Institut Català de Paleocologia Humana i Evolució Social de Tarragona (IPHES-PRETO) e da Universitat Rovira i Virgili (URV), baixo o paraugas dun convenio coa Consellaría de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades. As intervencións arqueolóxicas realizadas ao longo do verán centráronse na exploración da entrada de Cova Eirós e na documentación da arte do interior.
Os resultados da investigación ofrecen nova información sobre os modos de vida das comunidades neandertanles que ocuparon a Cova Eirós e sobre o mundo simbólico do Paleolítico superior. A nova exploración do nivel do Paleolítico medio (nivel 4) amplía o coñecemento sobre os grupos que habitaron as serras orientais hai máis de 45.000 anos e que utilizaron a cova como campamento durante tempadas relativamente longas.
RESTOS DE FERRAMENTAS
Nas escavacións recuperáronse os restos das ferramentas líticas fabricadas en cuarcitas e cuarzos recolleitos nas beiras dos ríos próximos. Estes aparellos eran usados para procesar os animais cazados, as súas peles e para fabricar ferramentas en madeira. Tamén se atoparon restos óseos e dentais das presas, como mandíbulas e ósos de cervo.
As comunidades neandertales no lugar capturaban cérvidos e cabalos nos vales e bosques próximos que, despois, unha vez despezados, levaban á cavidade. Algúns destes restos óseos conservan aínda as marcas de corte feitas coas ferramentas líticas usadas para o seu descarnado. As pezas recuperadas mostran que Cova Eirós tamén foi ocupada alternativamente por carnívoros que a usaban como cubil ou oseira.
OUTROS TRABALLOS
En paralelo ás escavacións, realizáronse traballos de documentación e fotogrametetría e levantamentos en 3D dos paneis colectores de arte nos sales do interior da Cova Eirós. Nesta campaña, identificáronse novos motivos no fondo das galerías realizados cunha técnica non documentada ata o momento.
Así, descubríronse puntos e signos pareados debuxados en pintura vermella no teito da galería, cun uso do ocre como pigmento que non fora documentado en ningún dos paneis coñecidos previamente e que amplía as técnicas e motivos representados na arte da Cova Eirós.